Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Escola Universitaria de Deseño Industrial

Historia

O incendio ocorrido o 7 de febreiro de 1891 destruíu en gran parte o vello Real Hospital de Mariña de Nosa Señora de Dolores –construído para cuartel e transformado en centro sanitario cara ao 1767– acelerou o lento proceso da construción dun novo hospital militar que substituíse ao existente e que dese resposta ao incremento das necesidades hospitalarias da cidade.

Tras dito incendio, o Ministerio de Mariña contratou coa sociedade francesa Tollet a construción do Hospital de Mariña do Departamento de Ferrol. Esta sociedade encargaríase de redactalos planos e construír o novo Hospital de Esteiro, pero baixo a co-dirección dun enxeñeiro da base naval designado como inspector das obras pola propia Capitanía de Ferrol e co asesoramento do Xefe de Sanidade.

Conseguida a propiedade dos terreos, a parcela resultante pechouse cun amurallamento de cachotería. Entre 1896 e a inauguración do recinto o 16 de xullo de 1902 levantáronse os catro grandes pavillóns hospitalarios –Servizos Xerais, Medicina, Cirurxía e Venéreos–, dous medianos –Contaxiosos e Presos– e cinco pequenos destinados a dependencias de servizos, como a farmacia, o local para os presos, as cociñas e o pavillón de infecciosos –estes dous últimos hoxe desaparecidos–.

Seis meses despois de que a Xunta de Galicia crease a Universidade de A Coruña, o Concello de Ferrol aprobaba –na sesión plenaria do 10 de xuño de 1990 o convenio coa Xerencia de Infraestrutura do Ministerio de Defensa– a entrega polo Ministerio ao Concello do antigo Hospital de Mariña para o seu destino a usos universitarios da Universidade. Trala sinatura do documento de cesión o 21 de xuño, houbo que agardar uns meses a que se producira o desaloxo dos edificios militares, facéndose cargo formalmente das instalacións o Concello o día 3 de outubro dese mesmo ano.

No Pavillón de Medicina, un dos dous grandes edificios de hospitalización, internaban aos enfermos non contaxiosos. Tiña unha capacidade para oitenta doentes, que eran repartidos entre catro grandes salas.

O edificio na súa orixe estaba formado por dous corpos laterais de distinta altura co bloque central de conexión, e a el uníanse a escaleira e os aseos. Nos anos corenta unificouse a cuberta das naves, transformándollo nun volume continuo. Tamén se lle uniron dúas galerías ao piso superior no seu costado meridional para estancias de convalecencia de oficiais e mariñeiría.

Memoria

Dada a ríxida estrutura lonxitudinal do pavillón, este destinouse exclusivamente a espazos de aulas. As súas tres plantas e mailo espazo baixocuberta, poderán acoller (…) grupos de distinto tamaño e locais anexos para titorías, seminarios, etc…

SORALUCE BLOND

Premios

  • Premio de Arquitectura Rodolfo Ucha 2001 para obra de rehabilitación.

Bibliografía

  • CASTELO ÁLVAREZ, Bernardo; “Desde el Santo Hospital de Caridad al Centro Cultural Carlos III”, Ferrol Análisis, 2. Ferrol 1991.
  • CASTELO ÁLVAREZ, Bernardo; “Rehabilitación, reconstrucción e intervención en el Santo Hospital de la Caridad para su reconversión en Centro Cultural”, Actas V Jornadas de rehabilitación de edificios antiguos. Almendralejo 1996.
  • DALDA ESCUDERO, José Luis + DÍAZ SOTELO, José; Plan Especial de acondicionamiento y ordenación para usos universitarios del Antiguo Hospital de Esteiro. Documento consultado na Oficina de Planeamento do Concello de Ferrol. Ferrol 1991.
  • FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, Xosé + SORALUCE BLOND, José Ramón; “Escola Universitaria de Deseño Industrial”, Ferrol. Colección Arquitecturas da Provincia de A Coruña, tomo XIV. Deputación Provincial de A Coruña. A Coruña 2001. Páx.289.
  • INSUA CABANAS, Mercedes; Arquitectura hospitalaria. Tese de doutoramento defendida na Universidade de A Coruña, no Departamento de Enxeñaría Industrial. A Coruña 2000.
  • INSUA CABANAS, Mercedes; Arquitectura hospitalaria gallega de pabellones. Universidade de A Coruña, Servizo de Publicacións. A Coruña 2002.
  • INSUA CABANAS, Mercedes; “Arquitectura hospitalaria militar: la rehabilitación del Hospital Naval de Ferrol”, Arquitectura, defensa y patrimonio. Universidade de A Coruña. A Coruña 2002. Páx.67-92.
  • SORALUCE BLOND, José Ramón; O antigo Hospital de Esteiro: Campus Universitario de Ferrol. Vicerreitorado de Extensión Universitaria, Universidade de A Coruña. A Coruña 1996.