Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Reitorado da Universidade de A Coruña

Historia

A primeira mención ao edificio da Maestranza de Artillería da Coruña remóntase a xuño de 1751: o Comandante Xefe da Artillería de Galicia –Manuel Silvestre Valiente– puxo en coñecemento do Capitán Xeneral de Galicia –Conde de Itre– a precaria situación na que se atopaban os Almacéns de Artillería da cidade herculina.

A idea das distintas obras de acondicionamento do almacén existente foi rexeitada polo enxeñeiro Francisco Llobet a prol dun proxecto dun tinglado de nova planta –aprobado polo Marqués de Ensenada en xullo de 1952–, que presentaría problemas na súa construción dada a proximidade ao convento de San Francisco.

En abril de 1763, de novo Llobet suscitaba a necesidade dunha ampliación do Tinglado por resultar insuficiente o espazo dispoñible para o resgardo de madeiras e outros efectos de artillería. O proxecto propoñía a creación de dous novos corpos rectangulares unidos en chafrán polo pequeno corpo de entrada, pechándose o conxunto da edificación polo lado que limitaba coa horta franciscana. As obras sucedéronse en función do diñeiro dispoñible debido aos excesivos custes das mesmas.

No 1771 desenvolveuse unha nova ampliación –baixo a dirección do enxeñeiro militar en xefe Balthasar Ricaud– do paralelepípedo proxectado por Llobet. A nova incorporación foi unha armazón para fraguas que lle daría finalmente ao edificio a forma de hexágono irregular.

Entre 1842 e 1860 construíuse unha nave rectangular exenta no patio, nave que probablemente se realizou para albergar dependencias militares diversas, tales como oficinas ou espazos de almacenamento.

No 1867 o enxeñeiro militar Navarro González proxectou o aumento dunha planta nas fachadas contiguas á entrada do edificio, para albergar as dependencias de oficiais e mestres de talleres.

Co estalido da Guerra Civil en 1936 o Parque de Artillería pasou a chamarse Parque Divisorio número 8, e as imperiosas necesidades de guerra supuxeron un cambio orgánico e funcional no edificio; xa que sen desatendelas súas misións de depósito de armamento e municións, tívose que transformar nunha fábrica de materiais de guerra. Así o Parque asumía unhas funcións para as que non fora creado sendo preciso unha redistribución interior de acordo coas necesidades do momento.

A maiores, no 1938, un primeiro proxecto de ampliación afectaba ao corpo rectangular do patio, que se pretendía substituír por unha nova edificación de planta case cadrada de dúas alturas, destinada a talleres e fragua, con dúas exedras semicirculares para as dependencias do xefe e do mestre de talleres.

Un segundo proxecto de ampliación no ano seguinte pretendía melloralo servizo do edificio e a súa estética xeral, para o cal se dotaba de unidade en altura ao conxunto.

Unha vez desaloxado o edificio da Maestranza polas Forzas Armadas –e cedido polo Ministerio de Defensa ao Concello da cidade–, procedeuse á demolición da maioría das edificacións.

Memoria

As opcións básicas de deseño que se adoptaron foron as seguintes:

  • Respectala traza básica do edificio, integrando nela, dende o punto de vista compositivo, os novos elementos (…) e corrixindo os antigos que non estaban de acordo con ela (…). En todo caso buscouse o contraste no tratamento dos que son os elementos propios do edificio primitivo (…) e os que son elementos novos (…) manifestándose tanto na elección de materiais como na volumetría.
  • Aproveitar ao máximo tódolos elementos aptos para o novo uso (…) reducindo ao mínimo as demolicións necesarias e unificar, con maior pendente, a cuberta, construíndo unha nova planta baixo a mesma, iluminada e ventilada a través de grandes bufardas, o que permite dar cabida á totalidade do programa (…).
  • Rompelas fachadas da ala Leste, sacando cara fóra os volumes do Paraninfo e do hall principal, mediante muros-cortina de vidro continuo. O Paraninfo, así, ábrese ao mar, permitindo a vista da baía coruñesa dende tódalas localidades. Pola súa parte, o hall principal, en tripla altura, ábrese ao patio, permitindo unha iluminación natural extraordinaria en toda esa parte do edificio (…).
  • Aseguralo bo comportamento do edificio de cara ao futuro, facéndoo capaz de asumila evolución que, previsiblemente, experimentará a Universidade. Conxuralo perigo da obsolescencia a curto prazo é, sen dúbida, un dos retos que este tipo de actuacións presentan. Neste sentido, ao edificio do Reitorado dotouse dun alto nivel de automatización, necesario non só para o seu propio funcionamento como edificio intelixente, senón tamén para integralo futuro anel de comunicacións da Universidade, e para remodelacións que se fagan necesarias co tempo.

(DÍAZ GARCÍA + FREIRE PEDREIRA + SORALUCE BLOND)

Bibliografía

  • DÍAZ GARCÍA, Gustavo + FREIRE PEDREIRA, Jesús N. + SORALUCE BLOND, José Ramón; A antiga Maestranza de Artillería, Rectorado da Universidade da Coruña. Universidade de A Coruña, Servizo de Publicacións. A Coruña 1994.