Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Hotel Monumento Monasterio de San Clodio

Historia

O que se coñece con certeza das orixes do mosteiro de San Clodio é unha chamada segunda acta fundacional datada no 928 na que se facía referencia explícita a importantes obras de ampliación.

Coa incorporación a Clairvaux a comezos do século XIII, iniciouse a construción do actual templo, que veu substituír á fábrica anterior. A nova igrexa construíuse con planta basilical, de tres naves de catro tramos cada unha e cun cruceiro que non se marca nin en planta nin en altura. No exterior responde ás características máis usuais das construcións da orde; e a súa fachada é, xunto coas de Armenteira e Meira, unha das tres únicas fachadas cistercienses orixinais conservadas en Galicia.

No 1530 o mosteiro pasou a depender da Congregación de Castela, polo que as súas dependencias tiveron que adaptarse ás novas esixencias de culto. As reformas comezaron polo claustro dos dormitorios, cuxas trazas atribuíronse a Juan de Cerecedo o Vello.

Anos máis tarde, as obras centráronse no claustro regular: a medida que se ía desmontando a fábrica medieval, aproveitábanse os materiais para a nova construción; segundo se especificou no contrato asinado en 1596 por Pedro e Hernando de la Sierra co abade do mosteiro. As obras interrompéronse a principios do século XVII, e cando se retomaron quíxose moderniza-las trazas pero mantendo o xa construído. Para iso contratouse a Simón de Monasterio, quen ademais do proxecto do claustro, encargouse dos da escaleira, a portaría, as dependencias abaciais, o pasadizo entreclaustros e a reforma da fachada do mosteiro.

Trala desamortización, o mosteiro foi destinado a cuartel da Milicia Nacional, circunstancia que se ben evitou a venda do inmoble, non o fixo co seu deterioro.

Cando a ruína parecía terse instalado en San Clodio, tres sacerdotes decidiron fundar en 1885 unha pasantía de latín utilizando como aulas as maltreitas dependencias que aínda quedaban en pé. Seis anos máis tarde, unha comunidade de monxes beneditinos, procedentes de San Xulián de Samos, instalouse nel e comezaron a recuperar o conxunto. Durante esta nova etapa, o mosteiro converteuse en priorado no Capítulo de 1902, primeiro independente, e despois de 1943 asociado a Samos, ao que estivo ligado ata a década dos anos noventa.

Memoria

Apostando por unha fórmula que asegure a súa boa conservación e a súa autoxestión decidiuse dedicar San Clodio a unha zona para o estudo do monumento e a súa historia e outra como hotel, que lles sirva de aloxamento a estes visitantes.

Cremos necesario continuar o esquema organizativo de principio na adaptación a hotel, para o bo funcionamento da totalidade do edificio como das súas partes, que está resolto con brillantez. As salas nobres seguirán tendo un uso similar, salvo as da planta alta dedicadas a habitacións. Manteranse os espazos diáfanos cando así o fosen orixinalmente, sen interpoñer elementos alleos á súa concepción orixinal, na medida do posible.

(BOUZAS CAVADA + MARTÍNEZ QUINTEIRO, 1996)

Bibliografía

  • BOUZAS CAVADA, Manuel + MARTÍNEZ QUINTEIRO, David; “Proyecto básico y de ejecución de rehabilitación del monasterio de San Clodio do Ribeiro de Avia”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio da Xunta de Galicia, coa signatura 1996/026. Vigo 1996.
  • BOUZAS CAVADA, Manuel + MARTÍNEZ QUINTEIRO, David; “Proxecto modificado nº 1 de rehabilitación do mosteiro de Santa María de San Clodio do Ribeiro de Avia”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1998/091. Vigo 1998.
  • BOUZAS CAVADA, Manuel + MARTÍNEZ QUINTEIRO, David; “Proxecto de obras complementarias de rehabilitación do mosteiro de Santa María de San Clodio do Ribeiro de Avia”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1998/184. Vigo 1998.
  • BOUZAS CAVADA, Manuel + MARTÍNEZ QUINTEIRO, David; “Proxecto modificado nº 2 de rehabilitación do mosteiro de Santa María de San Clodio do Ribeiro de Avia”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1998/318. Vigo 1998.
  • ESTÉVEZ MARTÍNEZ, Ildefonso; “Proyecto básico de rehabilitación del monasterio de San Clodio para escuela de capacitación agraria y otros usos”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1991/028. Leiro 1994.
  • FRANCO TABOADA, José Antonio + TARRÍO CARRODEGUAS, Santiago; “San Clodio de Leiro”, Mosteiros e Conventos de Galicia. Descrición Gráfica dos Declarados Monumento. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela 2002.
  • GOY DIZ, Ana Eulalia; O mosteiro de San Clodio de Leiro. Serie Guías do Patrimonio Cultural, número 10. Fundación Caixa Galicia. Icono, S.C. Ourense 2005.
  • LORENZO ASPRES, Alberta; "San Clodio de Leiro", Intervencións no Patrimonio Galego para a industria hostaleira. A Coruña 2014. Páx. 407-444.
  • MORGADE SAAVEDRA, Pilar + RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ, Antonio; Hotel Monumento: Mosteiro de San Clodio. Colección Espazos recuperados para o turismo, número 1. Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Dirección Xeral de Turismo. Santiago de Compostela 2004.
  • SUANCES PEREIRO, José Javier; “Proyecto básico y de ejecución de obras de intervención en el monasterio de San Clodio en Leiro”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1991/006. Ourense 1990. Inclúe “Reformado cero”.
  • VECOÑA PÉREZ, Manuel; “Informe do proxecto básico de rehabilitación do mosteiro de San Clodio para escola de capacitación agraria e outros usos”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1991/006. Ourense 1994.