Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Sede Instituto Camões

Historia

O conxunto está formado por dous edificios singulares coñecidos como Casa-Torre de Pazos Figueroa –ou de Ceta– e Casa de Arines. Os dous inmobles son unha evidencia do auxe urbano do final da etapa medieval.

A Casa de Arines –o edificio máis antigo da cidade– construíuse no século XV e pertence ao gótico tardío. Ten aspecto de torreón medieval e está construída con pequenos sillares de acabado apiconado. A súa decoración exterior é sobria, destacando unicamente os linteis que dan á praza e dous escudos representativos da familia. Está coroada por unha cornixa e gárgolas de pedra.

Ao seu carón, a Casa-Torre de Pazos Figueroa –do século XVI– é de estilo plateresco. Ten un tratamento pétreo similar á edificación anterior, pero o tamaño dos seus sillares é menor. Nos arcos dos dous ventanais do primeiro piso pode apreciarse certa influencia portuguesa. Destaca pola súa riqueza decorativa o balcón do último piso. Tamén presenta gárgolas e o correspondente escudo da casa.

Memoria

A intervención mantén o aspecto das fachadas, transformando o seu interior ruinoso cunha estrutura horizontal de vigas de aceiro corten, co mesmo canto que as desaparecidas de madeira, e lousas con encofrado perdido do mesmo tipo de aceiro. A madeira de cedro, sen vernizar, ten unha forte presenza, xa que con este material resólvese a estrutura das cubertas, as carpinterías, tanto interiores como exteriores, os tabiques e o mobiliario fixo.

A organización funcional é simple e efectiva. A planta baixa dedícase a usos públicos, como un pequeno auditorio e unha sala de exposicións; a planta primeira acolle pequenas aulas e parte da biblioteca; a planta segunda, á que se incorpora o espazo baixo as cubertas, alberga a área administrativa do centro, ademais de completar o espazo da biblioteca, que se desenvolve a dobre altura.

Á venerable presenza dos volumes de pedra do conxunto restaurado únense unha serie de pequenos xestos, educadamente subordinados ao protagonismo do valor histórico do preexistente, que sinalan a contemporaneidade da intervención. Bolardos, bancos, celosías de madeira e o volume de vidro do acceso, indican con sutileza o carácter do tempo no que se intervén. No interior este equilibrio invértese, sendo a presenza do contemporáneo o absoluto protagonista e o testemuño da historia unha referencia menos evidente.

(AGRASAR QUIROGA)

Premios

  • Premio Irmáns Gómez Román en 1999.

Bibliografía

  • AGRASAR QUIROGA, Fernando; “Instituto Camões”, Guía de Arquitectura de Vigo (1930-2000). Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Vigo 2003. Páx.36-38.
  • GARRIDO RODRÍGUEZ, Jaime; “Casa Torre de Ceta e Arines”, A arquitectura da pedra en Vigo. Construcións Castro. Vigo 2000. Páx.145-146.
  • PENELA FERNÁNDEZ, Alfonso; “Instituto Camões, Vigo”, Documentos de Arquitectura, número 42. Colexio Oficial de Arquitectos de Málaga. Málaga 1999. Páx.61-65.
  • VÁZQUEZ, Javier; “Alfonso Penela Fernández”, Artistas Galegos. Arquitectos, tomo VI: Da modernidade ao século XXI. Nova Galicia Edicións. Vigo 2003. Páx.386-413.