Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Departamentos e Salón de Actos do Campus de Esteiro

Historia

O incendio ocorrido o 7 de febreiro de 1891 destruíu en gran parte o vello Real Hospital de Mariña de Nosa Señora de Dolores –construído para cuartel e transformado en centro sanitario cara ao 1767– acelerou o lento proceso da construción dun novo hospital militar que substituíse ao existente e que dese resposta ao incremento das necesidades hospitalarias da cidade.

Tras dito incendio, o Ministerio de Mariña contratou coa sociedade francesa Tollet a construción do Hospital de Mariña do Departamento de Ferrol. Esta sociedade encargaríase de redactalos planos e construír o novo Hospital de Esteiro, pero baixo a co-dirección dun enxeñeiro da base naval designado como inspector das obras pola propia Capitanía de Ferrol e co asesoramento do Xefe de Sanidade.

Conseguida a propiedade dos terreos, a parcela resultante pechouse cun amurallamento de cachotería. Entre 1896 e a inauguración do recinto o 16 de xullo de 1902 levantáronse os catro grandes pavillóns hospitalarios –Servizos Xerais, Medicina, Cirurxía e Venéreos–, dous medianos –Contaxiosos e Presos– e cinco pequenos destinados a dependencias de servizos, como a farmacia, o local para os presos, as cociñas e o pavillón de infecciosos –estes dous últimos hoxe desaparecidos–.

Seis meses despois de que a Xunta de Galicia crease a Universidade de A Coruña, o Concello de Ferrol aprobaba –na sesión plenaria do 10 de xuño de 1990 o convenio coa Xerencia de Infraestrutura do Ministerio de Defensa– a entrega polo Ministerio ao Concello do antigo Hospital de Mariña para o seu destino a usos universitarios da Universidade. Trala sinatura do documento de cesión o 21 de xuño, houbo que agardar uns meses a que se producira o desaloxo dos edificios militares, facéndose cargo formalmente das instalacións o Concello o día 3 de outubro dese mesmo ano.

Situado á esquerda do pavillón principal de Servizos Xerais, destinouse en orixe a enfermos venéreos, cunha capacidade para corenta e oito doentes. Anos despois, os afectados pasaron a ocupala planta alta do pavillón de cirurxía, quedando suprimidas como salas específicas ao redor dos anos cincuenta.

O pavillón inicial adaptouse para especialidades, e despois para raios X e laboratorios coa conseguinte reforma interior das súas naves.

Memoria

O vello Pavillón de Especialidades foi materialmente baleirado para aproveitar tanto en superficie como en altura o seu espazo interior. Unha gran nave en planta baixa con chan inclinado, rematada no escenario, cunha solución de falso teito abovedado a base de láminas de madeira resolve o problema diafanamente, os dous corpos perpendiculares organizáronse como acceso e escaleira de comunicación interior un, e como bloque de aseos e instalacións o oposto.

Tanto na planta semisoto, como na primeira e no aproveitamento baixocuberta rehabilitáronse os despachos do profesorado sen maiores problemas, distribuídos ao redor dun corredor central.

O proxecto eleva a cuberta sobre unha banda de ventás de iluminación para as dependencias do baixocuberta, que descansa sobre a grosa cornixa orixinal de cantería.

SORALUCE BLOND

Bibliografía

  • CASTELO ÁLVAREZ, Bernardo; “Desde el Santo Hospital de Caridad al Centro Cultural Carlos III”, Ferrol Análisis, 2. Ferrol 1991.
  • CASTELO ÁLVAREZ, Bernardo; “Rehabilitación, reconstrucción e intervención en el Santo Hospital de la Caridad para su reconversión en Centro Cultural”, Actas V Jornadas de rehabilitación de edificios antiguos. Almendralejo 1996.
  • DALDA ESCUDERO, José Luis + DÍAZ SOTELO, José; Plan Especial de acondicionamiento y ordenación para usos universitarios del Antiguo Hospital de Esteiro. Documento consultado na Oficina de Planeamento do Concello de Ferrol. Ferrol 1991.
  • FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, Xosé + SORALUCE BLOND, José Ramón; “Edificio de Departamentos e Salón de Actos”, Ferrol. Colección Arquitecturas da Provincia de A Coruña, tomo XIV. Deputación Provincial de A Coruña. A Coruña 2001. Páx.284.
  • INSUA CABANAS, Mercedes; Arquitectura hospitalaria. Tese de doutoramento defendida na Universidade de A Coruña, no Departamento de Enxeñaría Industrial. A Coruña 2000.
  • INSUA CABANAS, Mercedes; Arquitectura hospitalaria gallega de pabellones. Universidade de A Coruña, Servizo de Publicacións. A Coruña 2002.
  • INSUA CABANAS, Mercedes; “Arquitectura hospitalaria militar: la rehabilitación del Hospital Naval de Ferrol”, Arquitectura, defensa y patrimonio. Universidade de A Coruña. A Coruña 2002. Páx.67-92.
  • SORALUCE BLOND, José Ramón; O antigo Hospital de Esteiro: Campus Universitario de Ferrol. Vicerreitorado de Extensión Universitaria, Universidade de A Coruña. A Coruña 1996.