Centro Sociocultural de A Gudiña
Historia
Edificación coñecida co nome de Casa da Viúva que conta con semisoto, planta baixa e planta primeira. Nos seus muros de sillería debe destacarse a presenza de pequenos detalles construtivos: linteis, xambas, escaleiras… que realzan a construción e convértena nun dos edificios máis destacables do concello.
Memoria
A solución adoptada respecta a imaxe exterior do edificio, restituíndolle o seu aspecto primitivo eliminando os ocos abertos posteriormente na súa fachada principal.
A intervención, respectuosa co exterior e o sistema estrutural a base de muros de carga e, en cuberta, grandes tesoiras de madeira, céntrase na remodelación completa, incluso a nivel de estrutura horizontal, do interior da edificación. O núcleo de escaleiras e vestíbulos constitúe o eixo vertebrador da intervención, introducindo unha certa complexidade espacial inicialmente inexistente, e en torno ao que se sitúan as principais actividades do edificio.
Outro elemento integrador, conectado ao núcleo anterior, é a propia cuberta, presente en transparencia directa en toda a planta alta e dende o núcleo de escaleiras. O resultado, a partir do existente, enténdese que conxuga adecuadamente as linguaxes arquitectónicas actual e de partida.
(FRANCO TABOADA)
Bibliografía
- FRANCO TABOADA, José Antonio; “Proyecto Básico y de Ejecución de Rehabilitación de la Casa da Viúva y su entorno para área panorámica”, documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural - Xunta de Galicia, coa signatura 1997/203. A Coruña 1996.