Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Centro Cultural da Alcántara

Historia

A comezos do século XVIII, o bispo Muñoz e Salcedo desexaba crear un mosteiro de Pais Descalzos alcantarinos. Así llo fixo saber ao Cabido, que coincidiu co primeiro nas necesidades espirituais de Mondoñedo e na idoneidade de levar a cabo a fundación. Unha vez de acordo, elevaron a petición ás dignidades eclesiásticas correspondentes e en 1727 os primeiros frades xa estaban na cidade para buscar localización e ultimar os acordos para a fundación.

Os terreos que se consideraron adecuados pertencían ao Cabido e, tras compensación, autorizáronse as obras que se viron freadas por un litixio derivado da oposición dos relixiosos do Convento dos Picos. En 1729, tras un acordo, elevouse a petición a Roma e seguiuse coas obras. A aprobación de Roma chegaba no 1731 e con ela autorizouse aos relixiosos de Alcántara para que comezasen a vida de comunidade.

Xunto coa edificación conventual, tamén se construíu a capela da Venerable Orde Terceira –que aínda mantén o uso orixinal– e a igrexa de San Pedro de Alcántara: dunha soa nave con tres tramos e arquitectura semellante á do convento.

Apenas un século despois de que os frades se instalasen no cenobio, a desamortización de Mendizábal obrigou á orde de Alcántara a desaparecer de Mondoñedo. O conxunto conventual pasou a ser propiedade municipal, e do convento –hoxe derrubado– só se conservou un pequeno claustro.

No 1971 volveuse abrir a igrexa. Sen embargo, carecía de culto por estar parcialmente en ruínas: parte da cuberta da ábsida derrubárase, e carecía de portas e ventás. Tamén unha das estancias do templo estaba sendo ocupada como almacén municipal.

Memoria

A igrexa atopábase nun moi mal estado de conservación, coa cuberta parcialmente derrubada, sen fiestras e ocupada como almacén municipal. Os paramentos exteriores presentaban un aspecto case de ruína. Por iso, as operacións de restauración centráronse principalmente en muros, cuberta, solados e carpinterías.

Aínda que non destaca pola súa calidade de estilo, merece especial atención pola rotundidade e solidez das súas formas e polo seu potente espazo interior sinxelo e austero. Pensouse nun uso compatible coa súa forma espida que permitise a percepción completa do seu espazo interior, é dicir, un uso que alterase o mínimo o seu aspecto. Pensouse como un espazo singular e emblemático de recepción. As obras a executar deben ser fieis a unha restauración carente xa de tódolos elementos de culto, recuperando un espazo colectivo agora apartado do seu carácter sagrado, o que aportará un alto grao de abstracción.

Este espazo espido, o espazo de acollida, debe existir co equipamento necesario para acoller puntualmente outras funcións e adquirir ese carácter de polivalencia.

Para iso créase un pequeno almacén baixo o coro. Dótase das instalacións de calefacción mediante solo radiante, iluminación ambiental indirecta e as oportunas instalacións de seguridade e contraincendios, así como unha sinxela instalación de megafonía.

(GALLEGO JORRETO)

Bibliografía

  • FERNÁNDEZ VILALBA, Xosé Isidro + SAN CRISTÓBAL SEBASTIÁN, Santos; El convento de San Pedro de Alcántara. Deputación Provincial de Lugo. Mondoñedo 2004.
  • GALLEGO JORRETO, José Manuel; “Complejo Cultural Álvaro Cunqueiro en Mondoñedo, Lugo”, Manuel Gallego. Arquitectura 1967-2015. Catálogo de exposición. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña 2015.
  • VV.AA.; “Urbanización del entorno y accesos. Restauración y Rehabilitación de la iglesia de San Pedro de Alcántara en Mondoñedo”, Manuel Gallego Jorreto. Arquitectura 1998-2015. TC Cuadernos de Construcción, 118. Valencia 2015. Páx.134-137.
  • VV.AA.; “Convento de Alcántara”, Concello de Mondoñedo.