Albergue Público de Padrón
Historia
A edificación, en mal estado de conservación debido ao seu prolongado estado de abandono, está situada nun terreo cunha forte pendente e nun medio privilexiado dende o punto de vista monumental –dentro do centro urbano de Padrón, ao carón do mosteiro do Carme–.
Conta con dúas alturas con accesos independentes e planta de forma rectangular. Dende o punto de vista construtivo, o edificio resólvese con muros de pedra de cachotería e cuberta de tella soportada por unha estrutura de madeira.
Entre os seus elementos singulares encóntranse unha lareira, un fregadoiro de pedra e unha balconada na súa fachada lateral esquerda. Xunto a estes, consérvanse outros elementos de menor tamaño que imprimen á edificación un forte sabor tradicional: linteis, xambas, escaleiras, etc...
(GARRIDO MORENO)
Memoria
A forte presenza da edificación preexistente provocou que a intervención fose moi neutra, optando por non introducir materiais ou solucións construtivas que perturbasen o espírito do inmoble orixinal.
Na rehabilitación mantivéronse todos aqueles elementos que se atopaban en bo estado, restaurándose de ser preciso e buscando novas solucións para o que non se podía conservar.
Así, unha das partes que se renovaron foi a cuberta, que se presenta con estrutura de tesoiras e armazón de madeira laminada, sobre a que se coloca novamente tella curva. Na súa estrutura recuperáronse algúns dos elementos preexistentes de madeira, que se deixaron á vista. Así mesmo, engadíuselle ao inmoble un tramo de escaleira de madeira que enlace co primeiro treito orixinal de pedra e, no piso superior, optouse por colocar un novo entarimado. Os paramentos verticais de pedra orixinais limpáronse e as zonas deterioradas foron restituídas, quedando á vista debido á súa boa feitura.
O baixo distribuíuse nun espazo de entrada no que se situou o obrigado vestíbulo-recepción do peregrino, os aseos, a caixa das escaleiras, o cuarto de estar e a cociña-comedor. No andar superior reformouse a ponte que lle dá acceso dende o exterior e que desemboca na zona das escaleiras. Dende este pequeno espazo-distribuidor accédese aos dormitorios de homes e mulleres, así como ao balcón e aos respectivos aseos.
(GARRIDO MORENO)
Bibliografía
- GARRIDO MORENO, Antonio; “Albergue de Padrón”, Arquitecturas no camiño, 1994-2004. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 2005. Páx.268-271.