Albergue Público de A Laxe
Historia
A antiga vivenda rural –que fai esquina nun cruzamento de camiños– posúe grosos muros dunha espléndida cachotería que conforma as súas fachadas, acentuada por magníficos perpiaños de granito que reforzan os escasos vans que posúe. Este xeito de dispor a cachotería supón un excelente exemplo dos métodos construtivos tradicionais da zona.
A edificación consta de dous volumes: o máis alto, destinado orixinalmente á vivenda e con dous pisos de altura, divídese en catro dependencias –dúas en cada nivel–; e o máis baixo tiña como misión dar servizo nos labores típicos do medio agrícola-gandeiro da zona, servindo de corte e almacén.
A fachada de ámbolos dous volumes na aliñación sur –por onde discorre o Camiño de Santiago– non presenta no exterior a diferenza volumétrica existente no interior. A outra aliñación orientada ao leste discorre por outro camiño perpendicular ao anterior. En ambas aliñacións existen dúas estreitas rúas xeradas coas edificacións situadas enfronte, unificadas pola importancia dos muros de cachotería da fachada e polas cubertas a dúas augas de tella curva.
(GARRIDO MORENO)
Memoria
A intervención respecta tanto a volumetría da edificación preexistente, como a súa distribución interna e as súas fachadas; así mesmo restaurouse a estrutura da cuberta do corpo destinado á vivenda, cuxa cumieira se converte na altura máxima das cubertas de toda a intervención. No volume destinado ás cortes prescindiuse de parte da cuberta primitiva e xerouse nel a unión e fusión coa nova edificación en forma de
L. As aliñacións leste e oeste do edificio primitivo convertéronse na prolongación das fachadas do volume de nova creación, as cales adoptaron criterios moi neutros na súa materialización externa. A fachada leste –perpendicular ao Camiño de Santiago– prolongouse no novo edificio xerando un muro de formigón visto practicamente cego que exerce unha función diferencial entre o antigo e o novo. Así mesmo, os volumes abertos das marquesiñas que dan luz ás escaleiras interiores exercen a función de punto de fuga da cuberta a dúas augas da edificación primitiva.Fronte a esta visión hermética da fachada leste –que preserva de luces e vista ás construcións situadas na súa fronte– xerouse unha intensa diafanidade na fachada oeste do novo edificio que se abre á paisaxe circundante con xenerosas cristaleiras. Esta nova zona deseñouse con criterios absolutamente contemporáneos pero mantívose a esencia do ambiente rural nunha arquitectura permeable, pensada para ser percorrida tanto exterior como interiormente, e resolta cuns materiais específicos –madeira, cobre, formigón e cristal– que supoñen unha vertebración entre pasado e presente.
As novas cubertas –realizadas en cobre para establecer unha clara diferenciación coas existentes– concibíronse como a prolongación de cubertas a dúas augas, creando dentes de serra que facilitan unhas movidas percepcións interiores –ao deixar vista a súa armazón de madeira– e exteriores –pola riqueza dos diferentes planos–.
O novo espazo de dous niveis confluía na zona da corte do edificio primitivo nun espazo unificado, e serve de elemento que permite situar espacialmente ao visitante en todo o momento. No andar superior o edificio de nova creación xerou unha serie de corredores exteriores –a modo de amplas terrazas– que poñen en relación permanente o exterior e o interior, e invitan tamén ao usuario a gozar do medio ao aire libre e mantéñeno ao mesmo tempo protexido das variacións climáticas.
A entrada principal ao albergue estableceuse entre o edificio preexistente e a nova construción na fachada leste, na cota do nivel inferior. Neste andar situáronse a recepción, cuarto e baño de minusválidos, a cociña-comedor, os cuartos de servizo e instalacións e os baños xerais de día; todo isto na zona de construción nova. Mentres un corredor comunica cos espazos rehabilitados que se corresponden neste andar coas zonas de estar e polivalentes. As devanditas zonas polivalentes –como é frecuente na maioría dos albergues dos diferentes Camiños– contémplanse para funcións culturais da zona nas épocas do ano de menor afluencia de visitantes ou como complemento da asistencia ao camiñante nos momentos de maior afluencia destes.
A comunicación vertical entre ambos andares creouse mediante unhas escaleiras situadas no punto medio do brazo máis longo do
L que forma a planta da nova construción, e outras escaleiras que comunican co espazo de estar as zonas polivalentes.A planta superior destinouse a cuartos e baños de noite. Así mesmo, creáronse espazos de esparexemento como unha solaina orientada ao oeste, illada do exterior mediante un xeneroso acristalamento, pensada como zona de estar nos días en que a climatoloxía non permita as saídas á intemperie. Esta solaina complementa ás terrazas e aos soportais exteriores, máis axeitados para seren usados nos calorosos días do estío. Na zona da edificación preexistente as dúas dependencias superiores destináronse a espazos polivalentes que complementaron as existentes na mesma zona no andar inferior. Unhas escaleiras comunican a nova construción co espazo unificado do cuarto de estar situado nas primitivas cortes.
A parcela pechouse e creáronse espazos exteriores de xardín que son a prolongación do soportal da fachada oeste.
(GARRIDO MORENO)
Premios
- Accésit nos XI Premios COAG, na categoría de Rehabilitación. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 2004.
Bibliografía
- GARCÍA BRAÑA, Celestino; “Proxecto arquitectónico do Albergue de Peregrinos de A Laxe”, Descubrindo: Anuario de estudios e investigación de Deza, 6. Concello de Lalín. Lalín 2004. Páx.169-176.
- GARRIDO MORENO, Antonio; “Albergue de Lalín e camiño”, Arquitecturas no camiño, 1994-2004. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 2005. Páx.176-185.
- MERA RODRÍGUEZ, José Carlos + SANTOS OGANDO, José Jorge; ”Albergue de Peregrinos en A Laxe”, Guía de Arquitectura Contemporánea de Galicia. Santos y Mera Arquitectos. Pontevedra 2013. Páx.113.