Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Albergue 'Casa das Netas'

Historia

Situada na zona histórica de San Cristovo de Cea, a edificación –de carácter popular– é coñecida co nome de Casa das Netas. Está integrada por un conxunto de varios volumes levantados en diferentes épocas, e a súa tipoloxía é a común nas vivendas tradicionais galegas do ámbito rural: inmobles con muros de carga de cachotería ordinaria e elementos puntuais de cantería.

O inmoble orixinariamente posuía dous niveis no corpo oeste: o inferior destinábase ás cortes e o superior á vivenda. Sen embargo, a parte máis significativa do conxunto é a fachada principal, xa que no seu andar superior conta cunha magnífica e ampla solaina, dotada cunha espléndida pavimentación de lousas de granito. No baixo, a solaina cos seus enxebres soportes –tamén de granito– configura un ambiente singular dentro do conxunto. Sobre ela sitúase un hórreo de pedra en forma de L, estraño exemplo dentro da súa tipoloxía en toda Galicia. (...)

A finais do século XX todo o conxunto se atopaba nun lamentable estado de ruína. Os forxados e a cuberta estaban absolutamente derrubados.

(GARRIDO MORENO)

Memoria

A pesar do estado de deterioro xeneralizado no que se atopaba o conxunto, optouse pola realización dun proxecto que non pretendía unha intervención radical sobre este, aínda que si diferenciada naqueles lugares menos visibles dende o exterior. En tódolos casos –tanto na actuación interna como na externa– buscouse revalorizar os elementos de notable interese que o conxunto posúe. Por iso, na fachada principal a intervención apenas é visible, xa que se optou por unha restauración e limpeza dos principais elementos –hórreo e solaina– de maneira tradicional, obviándose calquera tipo de perturbación arquitectónica ou de materiais allea estilisticamente ao conxunto.

Sen embargo, algúns pequenos detalles nesta fachada principal anuncian a importancia da actuación, absolutamente contemporánea, que se realizou sobre o edificio, tanto no seu interior como na fachada posterior. Estes pequenos detalles engadidos na fachada principal débense á elevación da cumieira da cuberta dunha soa pendente, así como á solución adoptada estruturalmente mediante trabes de grande canto de madeira laminada apoiadas sobre un muro de formigón –visto na súa maior parte– para sostela. As devanditas trabes, no lado oposto, apóianse na coroación do muro de peche exterior e os espazos creados entre elas cóbrense con vidro transparente, o que permite a insolación de poñente e a iluminación no seu interior. Esta estreita e longa liña de claridade crea –á súa vez– durante a noite unha franxa luminosa no exterior que define o ámbito dos cuartos do albergue de maneira intermitente, debido á interrupción lumínica que provocan as cabezas das trabes de suxeición da cuberta. No exterior, para aproveitar a solaina nos días de choiva, creouse un lixeiro corredor acristalado que permite un maior goce aos visitantes e que, ao mesmo tempo, supón unha excelente barreira contra as posibles filtracións de auga nos muros de pedra da fachada principal, evitando así as humidades no interior.

Dende o punto de vista funcional, o edificio distribuíu o seu espazo no baixo para as dependencias do cuarto de estar, comedor-cociña, cuarto e aseo de minusválidos. Nun pequeno recinto adxectivo –no mesmo andar– situáronse as baterías de aseos e vestiarios. Na planta superior creouse un único espazo no que se dispuxo unha sala de cuarto que pode converterse –nos momentos de nula afluencia de visitantes– nun espazo multifuncional. As trabes de madeira de grande canto sobre as que se apoia a cuberta a unha soa vertente quedan vistas, o que potencia a expresividade dos muros de cachotería.

A intervención máis notable produciuse na zona das escaleiras que comunica o baixo co andar superior. Este espazo cubriuse cun lucernario acristalado que ilumina ámbalas dúas plantas e protexe das inclemencias do tempo á transición cara á pequena construción anexa. Este lucernario apoiouse sobre un muro de formigón que serve de fachada ao pequeno recinto de vestiarios anexo e sobre unha trabe sostida por columnas de aceiro que se superpoñen nos dous niveis. A lixeira escaleira cos perfís de aceiro e o lucernario que a protexe convertéronse nos elementos organizadores dos diferentes espazos funcionais do edificio.

(GARRIDO MORENO)

Bibliografía

  • GARRIDO MORENO, Antonio; “Casa das Netas. Albergue de Cea”, Arquitecturas no camiño, 1994-2004. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 2005. Páx.168-173.