Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Centro de Interpretación da Vida Monacal en Esgos

Historia

O primeiro documento fidedigno que existe sobre as orixes do mosteiro de San Pedro de Rocas é un privilexio de Afonso V, outorgado o 23 de abril de 1007 en Celanova, no que confirmaba tódalas doazóns dos seus sucesores ao mosteiro. Recolle tamén a tradición segundo a cal un cabaleiro –Xemondo– encontrou o mosteiro abandonado e escondido baixo a maleza durante unha cacería, rehabilitouno e converteuse no seu prior, cara ao ano 900.

O conxunto actual componse de dous edificios, o correspondente á igrexa e o do priorado. O da igrexa componse á súa vez doutros dous: a igrexa rupestre escavada na roca coa súa fachada do século XII, e a chamada igrexa nova, situada transversalmente á anterior de forma que oculta a súa fachada.

A igrexa rupestre está formada por tres pequenas naves desiguais coas súas correspondentes ábsidas semicirculares, con bóvedas de canón que arrancan dunha basta imposta corrida. A nave central é sensiblemente rectangular, cun arco de reforzo engadido no século XVI que a divide en dous tramos aproximadamente iguais. Presidía a capela maior, flanqueada por dúas fornelas con arco de medio punto, un altar sobre soporte prerrománico. A antiga fachada está constituída por unha triple portada. A central e a da dereita son románicas, posiblemente do século XII. Ambas están construídas en cantería baixo arcos tallados na roca. A central é moi sinxela, composta por dobre arquivolta –en realidade un arco dobrado– con capiteis de decoración xeométrica sobre pilastras integradas nos muros.

Debido a que a antiga igrexa resultaba pequena para as necesidades do mosteiro, construíuse diante da fachada románica, posiblemente a principios do século XIII, unha nave transversal coñecida como igrexa nova. Á esquerda da entrada organizouse posteriormente un novo presbiterio, ao que se accede por un sinxelo arco de medio punto sobre elementais capiteis integrados no muro. O chan desta nave está cheo de sepulcros antropomorfos escavados na roca, que quedaron abertos como consecuencia dunha recente actuación arqueolóxica. No exterior destaca a espadana, construída sobre unha roca situada ao noroeste da igrexa e na cal se tallou un gran arco baixo o que se accede ao antigo cemiterio parroquial e á parte superior do conxunto.

Ao sur da igrexa encóntrase o edificio do antigo priorado, do século XVII. Na súa construción empregáronse posiblemente os restos do antigo mosteiro, que foi recentemente reconstruído. As súas fachadas, de gran sobriedade, só destacan polos balcóns de pedra situados nas esquinas. Entre ambos edificios atópase unha zona de enterramentos antropomorfos, con oito sepulcros orientados cara ó oeste, de forma análoga aos do interior da igrexa.

Pola Real Orde do 20 de setembro de 1923 foi declarado Monumento Nacional como Igrexa do Mosteiro rupestre de San Pedro de Rocas (publicado na Gaceta 26/09/23). A delimitación da súa contorna como Ben de Interese Cultural aprobouse mediante o Decreto do 18 de febreiro de 1999 (DOG, 03/03/99).

Memoria

A proposta contempla unha intervención que se podería definir unicamente de dotación de acabados, pavimentos e ceo raso cas seguintes instalacións para conseguir adaptala edificación ao uso previsto.

As dependencias previstas adáptanse en xeral ás existentes (…).

Polo que, se ben a intervención proposta se pode considerar como non lesiva para o edificio, si que non aporta nada á valoración arquitectónica nin histórica da edificación.

(RODRÍGUEZ DE LA RÚA ROMÁN)

Bibliografía

  • DURO PEÑA, Emilio; El monasterio de San Pedro de Rocas y su colección documental. Ourense 1972.
  • FRANCO TABOADA, José Antonio + TARRÍO CARRODEGUAS, Santiago; “San Pedro de Rocas”, Igrexas dos mosteiros e conventos de Galicia. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela 2009. Páx.115-129.
  • MALINGRE RODRÍGUEZ, Ana María; San Pedro de Rocas un eremitorio rupestre altomedieval. Deputación Provincial de Ourense. Ourense 1995.
  • MALINGRE RODRÍGUEZ, Ana María; “San Pedro de Rocas. Oscuros orígenes”, Revista Auria, ano II, número 20. Ourense 1998. Páx.26-34.
  • MALINGRE RODRÍGUEZ, Ana María; Monasterio de San Pedro de Rocas: pisamos tierra de monjes. Edilesa. León 2001.
  • MALINGRE RODRÍGUEZ, Ana María; “O Mosteiro de San Pedro de Rocas”, A Ribeira Sacra esencia de espiritualidade de Galicia. Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Santiago de Compostela 2004. Páx.129-142.
  • MALINGRE RODRÍGUEZ, Ana María; “La casa Prioral del monasterio de San Pedro de Rocas”, Porta da Aira, número 14. Grupo Francisco de Moure. Ourense 2015. Páx.137-148.
  • VV.AA.; San Pedro de Rocas. Porta á Ribeira Sacra. Deputación Provincial de Ourense. Ourense 2009.