Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Sede Fundación Barrié de la Maza en Vigo

Historia

Nunha das esquinas máis céntricas da cidade de Vigo, o arquitecto Manuel Gómez Román deseñaba no 1919 a futura sede do Banco de Vigo. As obras remataron no 1923, colaborando nas mesmas o mestre canteiro José Araujo Pérez, un dos fundadores do socialismo en Vigo e organizador da Sociedade de Canteiros.

O edificio, de soto, baixo e catro piso –destinados a vivendas– destacaba na cidade, ademais de polo seu conxunto, pola súa cúpula e o seu remate con cinco esculturas que representaban aos cinco continentes, símbolo das relacións comerciais da cidade e o propio banco con todo o mundo.

Trala desaparición do o Banco de Vigo, o edificio acolleu as oficinas da Caixa de Aforros Municipal de Vigo.

O 18 de marzo de 1928 anunciábase a venta en pública poxa do inmoble –en proceso de liquidación–, saíndo en case dous millóns de pesetas. Foi mercado polo Banco Pastor, quen dende ese momento situou a súa sede no mesmo e á que se accede a través da entrada situada na esquina achafranada do conxunto.

Durante anos acolleu tamén as instalacións en Vigo da Alianza Francesa e nun dos seus pisos tivo a súa consulta o doutor Cesáreo Corbal, que se lembra mediante unha placa situada nun dos laterais do portal.

Memoria

O proxecto dá unha resposta contemporánea, equilibrada e precisa, ao contedor existente, cuxa disposición de ocos en fachada condiciona, e posibilita, a resolución do programa da nova sede, dende criterios de flexibilidade e versatilidade funcional.

Contempla a materialización dunha caixa dos milagres, onde acoller calquera actividade posible, mediante o apilado dun conxunto de escenarios polivalentes, dinámicos e cambiantes.

Tódalas plantas organízanse, de xeito similar, en dúas bandas claramente diferenciadas: unha cruxía paralela á fachada, existente na actualidade, e un corpo de maior tamaño, no interior da mazá. A primeira cruxía, de menor tamaño, constitúe un umbral de respecto cara ao edificio existente, servindo de espazo de distribución en tódalas plantas. No corpo interior resólvense as salas de exposicións, e eventos diversos, así como o núcleo técnico de comunicación vertical e instalacións. Entre os dous corpos sitúanse dous grandes ascensores de vidro de transparencia regulable que percorren o edificio, de abaixo arriba, resolvendo o acceso rápido aos diferentes niveis da construción.

A partir deste esquema organizativo a proposta extrema a capacidade de flexibilidade do edificio, tratando de sacar vantaxe das súas axustadas dimensións. Na planta de acceso proxectouse o espazo máis importante de toda a fundación: un dilatado lobby extremadamente alto, flexible e cambiante; un auténtico escenario de actividades, capaz de ser transformado, mediante a incorporación de avanzada tecnoloxía estética teatral, de tal xeito que modificando o solo, escamoteando paneis ou facendo descender obxectos e telóns, pode chegar a empregarse para presentacións, exposicións, concertos, etc… Sobre esta planta, por medio do núcleo técnico de comunicación vertical, pódese acceder ás dúas plantas de exposicións polivalentes, configuradas como espazos diáfanos e claros. E na planta alta sitúase o salón de actos dotado cun mecanismo escenográfico que permite escamotear os asentos, deixando o espazo diáfano para ser utilizado como sala de exposicións complementaria, ou taller polivalente.

(MORENO MANSILLA + TUÑÓN ÁLVAREZ)

Premios

  • Premio FAD de Arquitectura e Interiorismo, na categoría de Interiorismo. Barcelona 2007.
  • Premio SALONI na categoría de Arquitectura Interior. Castellón 2007.

Bibliografía

  • MORENO MANSILLA, Luis + TUÑÓN ÁLVAREZ, Emilio; “Fundación Pedro Barrié de la Maza en Vigo”, Europaconcorsi. Italia 2007.
  • VV.AA.; “Sede para la Fundación Pedro Barrié de la Maza en Vigo”, El Croquis, número 144: Mansilla+Tuñón 1992-2012. Madrid 2013.
  • VV.AA.; “Sede para la Fundación Pedro Barrié de la Maza en Vigo”, AV Monografías, número 144: Mansilla+Tuñón 1992-2011. Madrid 2012.
  • VV.AA.; “Fundación Barrié en Vigo”, Restauración & Rehabilitación, número 106. Valencia 2008. Páx.18-27.
  • VV.AA.; Fundación Pedro Barrié de la Maza - Vigo. Fundación Barrié Publisher. Vigo 2005.