Museo Parroquial 'San Martiño de Mondoñedo'
Historia
As orixes da diocese de Mondoñedo-Ferrol están estreitamente unidos á igrexa de San Martiño de Mondoñedo, pois este templo románico foi sede episcopal dende o ano 870 ata o 1113.
A edificación é orixinaria do século VI, aínda que foi reedificada alá polos séculos X e XII, sendo a primeira catedral construída no sur de Europa; con planta basilical de tres naves con tres ábsidas na cabeceira xunto cun retablo románico pétreo –único na arte europea– que representa aos anxos-bispos das sete igrexas das que fala o libro do Apocalipse.
Anexa á igrexa, na súa fachada sur, atópase a casa reitoral. A conexión entre ambas prodúcese a dous niveis. Na planta inferior, a través da sancristía abovedada; e na superior pola Cámara do Bispo, con cuberta a dúas augas e cun balcón sobre a nave lateral do templo.
Os actuais xardíns –que rodean ao conxunto no seu lado norte– son o resultado das actuacións restauradoras de Chamoso Lamas e Fernández-Gago Varela nos anos sesenta, levantando o cemiterio parroquial existente.
Memoria
A casa reitoral reorganízase para acomodar dous usos diferenciados, por unha banda o uso de vivenda, que lle é propio como casa reitoral, e pola outra, un novo uso de museo vinculado á igrexa. Para iso distribúese en dúas zonas propias independentes con entradas propias. A planta baixa e metade da planta primeira destínanse ao museo, mentres que o resto da planta primeira e a planta de baixocuberta destínanse ao uso de vivenda do párroco. Aprovéitase a disposición construtiva orixinal da casa resolta en dúas cruxías para separar os usos da planta primeira mediante o muro mestre central.
Realízase o acondicionamento e urbanización exterior, completando así o proceso de recuperación do conxunto.
(CRECENTE MASEDA)
Bibliografía
- CRECENTE MASEDA, Juan Mario; “Proyecto de rehabilitación de cubierta y fachada de la casa rectoral de San Martiño de Mondoñedo”. Documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2005/055. A Coruña 2005.
- CRECENTE MASEDA, Juan Mario; “Proyecto de rehabilitación interior de la casa rectoral de San Martiño de Mondoñedo para museo”. Documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2007/086. A Coruña 2007.
- CRECENTE MASEDA, Juan Mario; “Proyecto de urbanización del entorno de la casa rectoral de San Martiño de Mondoñedo, en Foz”. Documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2008/143. A Coruña 2008.
- CRECENTE MASEDA, Juan Mario; “Proyecto de musealización de la casa rectoral de San Martiño de Mondoñedo, en Foz”. Documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2009/072. A Coruña 2009.
- MERA RODRÍGUEZ, José Carlos + SANTOS OGANDO, José Jorge; “Rehabilitación Casa Rectoral - Museo”, Guía de arquitectura contemporánea de Galicia. Pontevedra 2013. Páx.80.