Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Albergue Público de Mondoñedo

Historia

A comezos do século XVIII, o bispo Muñoz e Salcedo desexaba crear un mosteiro de Pais Descalzos alcantarinos. Así llo fixo saber ao Cabido, que coincidiu co primeiro nas necesidades espirituais de Mondoñedo e na idoneidade de levar a cabo a fundación. Unha vez de acordo, elevaron a petición ás dignidades eclesiásticas correspondentes e en 1727 os primeiros frades xa estaban na cidade para buscar localización e ultimar os acordos para a fundación.

Os terreos que se consideraron adecuados pertencían ao Cabido e, tras compensación, autorizáronse as obras que se viron freadas por un litixio derivado da oposición dos relixiosos do Convento dos Picos. En 1729, tras un acordo, elevouse a petición a Roma e seguiuse coas obras. A aprobación de Roma chegaba no 1731 e con ela autorizouse aos relixiosos de Alcántara para que comezasen a vida de comunidade.

Xunto coa edificación conventual, tamén se construíu a igrexa de San Pedro de Alcántara e a capela da Venerable Orde Terceira –que aínda mantén o uso orixinal–.

Apenas un século despois de que os frades se instalasen no cenobio, a desamortización de Mendizábal obrigou á orde de Alcántara a desaparecer de Mondoñedo. O conxunto conventual pasou a ser propiedade municipal, e do convento –hoxe derrubado– só se conservou un pequeno claustro.

En canto á Orde Terceira, compartindo a medianeira coa súa capela, atópase a vella residencia: de planta rectangular, a finais do século XX só conservaba os muros de fachada e a cuberta, a cal foi restaurada durante os anos noventa polos seus antigos residentes.

Memoria

A nova estrutura adáptase ao sistema de muros e afecta dunha maneira especial ao medianeiro que divide o edificio e a igrexa, xa que se encontraba en moi mal estado. Formulouse un sistema estrutural que dota de maior rixidez aos primitivos muros, erguendo un novo de formigón na zona posterior do edificio que se complementa co recinto destinado ao oco do ascensor. Nesta parte posterior, reforzada coa nova estrutura, sitúanse as zonas húmidas do albergue –como cociñas, aseos e duchas– en tódolos andares. O soto utilízase como almacén e servizo do resto do albergue.

Na parte dianteira do albergue –que non mostraba problemas de estabilidade– levouse a cabo unha intervención estrutural reversible e usouse un forxado de madeira que deixa a súa armazón inferior á vista. Aquí sitúanse os dormitorios –nos andares superiores– e a zona de estar –no baixo–.

Mantívose o esquema primitivo de ocos da fachada xa que, aínda que existían vans tapiados, a súa liberación non melloraba as novas necesidades funcionais. Deste xeito o inmoble non perde o aspecto que mostraba antes de ser rehabilitado e quedan patentes tódalas intervencións anteriores realizadas pola Orde Terceira ao longo da historia do edificio. A distribución espacial do novo proxecto contempla a mellor utilización da luz, pois as fiestras de maior tamaño do alzado principal coincidían coa zona de dormitorios, mentres que as da fachada posterior, moito máis pequenas, adaptábanse perfectamente para cumprir as necesidades dos cuartos húmidos. Os vans restauráronse seguindo sistemas tradicionais coa utilización de argamasas de cal.

Empregouse nalgunhas partes –como pavimento– pedra da zona, co obxecto de manter un vínculo cos materiais do lugar, mentres que nos espazos con forxados de madeira será esta a que quede á vista. Para alixeirar o ambiente oclusivo dos grosos muros de pedra empregáronse –na separación entre corredores e dormitorios– biombos e portas de cristal, sostidas cunha estrutura de madeira que harmoniza coa armazón do mesmo material dos teitos e a tarima do chan.

(GARRIDO MORENO)

Bibliografía

  • FERNÁNDEZ VILALBA, Xosé Isidro + SAN CRISTÓBAL SEBASTIÁN, Santos; El convento de San Pedro de Alcántara. Deputación Provincial de Lugo. Mondoñedo 2004.
  • GARRIDO MORENO, Antonio; “Albergue de Mondoñedo”, Arquitecturas no camiño, 1994-2004. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 2005. Páx.308-311.
  • VV.AA.; “Convento de Alcántara”, Concello de Mondoñedo.