Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Centro Cultural 'Cárcere Vello'

Historia

O Cárcere do Partido Xudicial de Lugo, situado na chamada finca da Mosqueira, foi proposto polo arquitecto provincial Nemesio Cobreros o 30 de xuño de 1878 e aprobado pola Xunta de Reforma do Ministerio de Gobernación en 1879, motivado pola reforma penitenciaria formada na normativa posterior á revolución liberal. Ao ano seguinte, acordouse a compra dos terreos, que foron adquiridos en 1881 e poxados en 1884. E finalmente, o cárcere foi inaugurado no ano 1887.

Os presos foron trasladados o 23 de xuño do devandito ano dende o precedente cárcere da rúa Armañá, construído a fins do século XVIII e que xa resultaba obsoleto e inseguro. Este novo cárcere era moito máis amplo: contaba con cincuenta e seis celas, seis calabozos –con capacidade de ata doce internos– e once celas para incomunicados e castigados, estando pensado polo tanto para unha capacidade óptima de cento corenta reclusos –que poderían ampliarse ata os cento oitenta en caso de necesidade–.

Inicialmente, o cárcere constaba de tres edificios independentes, respectivamente destinados a xulgado, celas –cun patio interior cuberto por un lucernario–, e cociña –posteriormente substituída por enfermería e escola–. É dicir, por unha banda existía un corpo alongado dianteiro que albergaría o xulgado de instrución, dunha planta e con portada destacada. A continuación, estendíase un bloque de tres plantas rectangulares que aloxaría os locutorios celulares, as salas de espera e o corpo de garda na planta baixa, dedicándose as outras dúas a cárcere de mulleres. E por último, o corpo semicircular acaroado que contería as celas dos homes, outra vez en tres plantas –só que agora estarían dispostas radialmente e converxendo cara ao patio central onde estaría o punto de vixilancia e a capela superior. Tralos patios, outro bloque dunha planta destinábase a cociña, almacéns, enfermerías e sala de autopsias.

En canto á súa construción, a gran novidade foi a utilización do ferro para as columnas de sustentación das escaleiras e a cuberta do patio interior, pois o resto dos materiais empregados eran tan tradicionais como a lastra de xisto e a pedra de gran.

Tralo golpe de estado franquista que se fixo co control de Lugo o 20 de xullo de 1936, foron encerrados no cárcere as principais autoridades da provincia: o gobernador civil, o alcalde da cidade e de numerosos municipios próximos, deputados a Cortes, líderes dos partidos democráticos e dos sindicatos, e un bo número de mestres de escola, intelectuais, periodistas e artistas. En tan só catro anos, pasaron polo penal máis de seis mil presos políticos. E pese a que a súa capacidade máxima era de cento oitenta reclusos, chegou a albergar simultaneamente a preto dun millar: nas súas celas de trinta metros cadrados hacinábanse ata corenta e cinco reclusos. E en medio de tanta dor, os presos chegaron a rebautizar sarcasticamente ao cárcere, sito na praza Canalejas, co nome de Hotel Canalejas.

O Vello Cárcere pecharía as súas portas coa inauguración, nos anos oitenta, do actual centro penitenciario de Bonxe (Outeiro de Rei). A partir deste momento, o conxunto sufriría múltiples cambios de uso ademais de transformacións que culminarían coa ocupación e compartimentación dos seus patios exteriores.

Memoria

Intención

Aproveitar a idea da apertura ao público dun cárcere, espazo celular e disciplinar, subvertendo os principios de vixilancia e custodia en principios de busca, mostra e apreixo de valores culturais e sociais.

Propor unha compartimentación aberta, traballando cada un dos espazos de xeito flexible con graos de apertura e de intervención relacionados cos usos. Observación, diálogo e interacción como novas premisas e calidades para uns espazos que, neste edificio, no seu contraste coas orixinais de control e seguridade, adquiren unha forza comunicadora e expresiva únicas. A interpretación do edificio baixo esta óptica permite intervir no Edificio do Antigo Cárcere case sen tocalo, aproveitándoo integramente, mesmo recuperando parte do seu estado orixinario, concibido agora como itinerario de relación, experimentación, información e intercambio, entre espazos polivalentes dedicados á arte e a cultura con moitas posibilidades de percorrido, parada, atallo e visión cruzada. Esta é a identidade do conxunto que o sitúa como un equipamento singular no contexto da Unión Europea e que está implícita na súa recuperación como imaxe de referencia dun entorno urbano que debe ser máis claro e libre: observatorio da cidade.

Mudar este criterio de aceptación e posta en valor do espazo celular no caso do Antigo Edificio de Servizos do cárcere –módulo posterior– e no Edificio Xudicial –hoxe sede da Policía Local e módulo de acceso–, onde as sucesivas transformacións sufridas no seu interior levan a unha intervención máis fonda e estrutural que permite, no primeiro caso, mantendo o seu volume, distribuílo dunha maneira unitaria para uso do servizo de arqueoloxía, e no segundo, mantendo as súas fachadas, convertelo no espazo principal de acollida, situando nel os usos máis públicos de documentación e información, auditorio e, na súa cuberta, coa visión da muralla e a cidade, o espazo de interpretación da gastronomía.

Utilizar o gran valor que ten o baleiro como espazo de descanso e memoria, tanto dos eixes visuais e de percorrido que atravesan o edificio, como dos patios e recinto perimetral, concibindo o seu conxunto como unha rede-infraestrutura construída cunha mesma textura que multiplica as posibilidades de acceso, permite diferentes sectorizacións que poden chegar a englobar usos distintos, e ao mesmo tempo, dotar de independencia, non só a cada un dos edificios, senón tamén aos espazos de uso colectivo principais como son o auditorio, biblioteca, terraza-restaurante, sala de usos múltiples, salas de seminarios ou sala de cine; todos eles, de algún xeito, con proxección exterior e vínculos, a través dela coa cidade.

Finalmente, propor unha ordenación conxunta desta parte da cidade, marcando a preferencia peonil do ámbito mediante a concepción da rúa Ángel López como boulevard-paseo arborado, a proposta de unificación de pavimento pétreo no espazo entorno ao cárcere e á estación de autobuses e o tratamento con terra compactada na praza na busca dunha actuación coidada de limpeza de elementos, interpretando a imaxe histórica do espazo de relación entre o cárcere e a porta da muralla –Obispo Izquierdo–, devolvendo protagonismo ás árbores como definidoras espaciais, tanto no entorno na rúa Soto Freire como na proposta de continuidade do boulevard.

(CREUS+CARRASCO)


Criterios de conservación e intervención

Edificio do Antigo Cárcere –conxunto central–

Recuperar, a partir da bibliografía consultada, dos planos do proxecto de Nemesio Cobreros, da reforma posterior, así como da análise histórica do edificio e o seu entorno urbano, o volume e as cubertas inclinadas orixinais do Antigo Cárcere, imaxe exterior completa e ben definida na memoria, utilizando a actual terraza como baixocuberta para usos de instalacións e servizo.

Recuperar o recinto perimetral así como os patios exteriores, retomando os muros como elementos delimitadores, mais agora calados e utilizados como mobiliario do espazo exterior dentro da parcela. Patio e Recinto pasan a ser os espazos de reflexión que, ademais de servir como interpretación da memoria, permiten a relación, comunicación e accesibilidade múltiple a cada unha das partes principais do conxunto, mantendo todos e cada un dos espazos do cárcere, agora unidade celular interconectada, no que se coidan e interpretan a posición dos ocos e conexións en función do uso para conseguir amplitudes visuais e de percorrido.

Recuperar a comunicación visual entre plantas no patio-corredor do rectangular de mulleres. Intervir, co mesmo criterio de comunicación visual, mediante pequenos pasos e ocos, as súas celas como espazos de exposición nas que, desde certos puntos de vista, se chegue a ter profundidade de campo dalgún grupo.

Case non tocar, só conservar, o patio central, as celas de homes, os corredores e miradoiros, como espazo emblemático do cárcere.

Ocupar co mobiliario o centro das cruxías e espazos lonxitudinais, permitindo o movemento perimetral próximo á textura dos muros, calidade ambiental da memoria do cárcere.

Edificios do Servizo –módulo traseiro– e Xudicial –módulo de acceso–

Intervir, con obras de reforma e reestructuración. No módulo traseiro, orixinariamente ligado aos patios e a funcións de apoio do cárcere, mantendo o seu volume, fachadas e cuberta. No dianteiro, moi transformado polos diferentes usos, respectando as súas fachadas, mais propondo un volume novo no seu interior, de estrutura nova e independente, que remata superiormente nunha terraza con servizo de miradoiro e restaurante-cafetería, considerada como lugar idóneo –á diferenza da actual terraza–, para a relación e observación da muralla e a cidade.

Entorno e urbanización

Actuación coidada de limpeza de elementos, a partir da análise do entorno urbano, construído con elementos tan próximos e importantes como a muralla romana, a Porta do Obispo Izquierdo, feita tamén por Cobreros ou a ronda e o boulevard ata a rúa Ángel López, respectando e ampliando as árbores e garantindo o dominio da peatonalidade no tratamento do chan e interpretando a imaxe histórica do espazo de relación entre o cárcere e a porta, mediante a recuperación da terra como pavimento maioritario para a praza e devolvendo protagonismo ás árbores como definidoras espaciais, tanto no entorno na rúa Soto Freire como na proposta de continuidade do boulevard.

(CREUS+CARRASCO)


Ordenación detallada uso-espazo

A proposta mestura memoria e novidade a través da sucesión relacional “uso anterior-espazo-novo uso”. Así, como criterio organizador do programa proposto, defínense tres tipos de usos xerais novos que se corresponden cos tres volumes edificados independentes e coa secuencia dos tres usos globais anteriores: “oficina xudicial-cárcere-intendencia e servizo”.

ESPAZO DE ACOLLIDA: Área de Recepción + Auditorio + Biblioteca + Terraza-Restaurante-Cafetería-Sala de Cociña.

O Edificio do Partido Xudicial –actuais oficinas da Policía Local– é a peza máis exposta, considerada fóra de ordenación e moi transformada. A proposta intervén nela con intención, inserindo un obxecto dentro dos seus muros, colocado de tal xeito que entre os seus paramentos, o chan e os muros e ocos existentes, van sucedéndose de abaixo arriba a Área de Recepción e o vestíbulo, camerinos e carga do Auditorio; encima a Biblioteca –relacionada coa recepción-tenda– e o Auditorio, ambos usos interiores á peza suspendida; e por último o Restaurante-Cafetería, cunha parte diferenciada como Sala de Cociña, situado na cuberta do auditorio e deixando unha Terraza coas vistas á muralla e á cidade.

ESPAZO POLIVALENTE DA ARTE E A CULTURA: Exposicións de Gran Formato + Exposicións de Pequeno Formato + Espazos Didácticos + Seminarios + Espazo de Recursos Artísticos + Sala de Cinema e Audiovisuais + Espazo central da Memoria.

O Antigo Cárcere garda o contido principal, o espazo do diálogo, da arte. Retómase a súa concepción como peza illada, rodeada por un recinto exterior. Todo, as celas, os corredores, os patios interiores e exteriores forman parte dun conxunto de Espazos Polivalentes: exposicións de gran formato e auditorio, exposicións de pequeno formato –celas de homes e mulleres en tódalas plantas–, espazos didácticos –cela de tránsito e aglomeración–, seminarios –módulo de ingreso e vixilancia–, e outras funcións moi próximas como o Espazo de Recursos Artísticos –tamén no módulo de ingreso– ou a Sala de Cinema e Audiovisuais –nunha das celas de tránsito de planta baixa–. Como Espazo central da Memoria, escóllese a cabina de vixilancia do corredor do rectangular de mulleres, completado coa itinerancia e tendo como puntos de referencia e explicación as catro garitas do Recinto exterior.

Existe una idea xeral, similar ó que ocorre coa cabina e que vai influír na organización interior da maioría dos espazos proxectados e que consiste en levar ó centro, cando se precisa, o mobiliario, os puntos de vista, as paradas, para provocar o movemento perimetral próximo aos muros e os ocos, o roce co ambiente e a textura.

ESPAZO DE ARQUEOLOXÍA.

O que era o Módulo de Servizo dedícase ó departamento de arqueoloxía, dotándoo dunha entrada independente que recupera o percorrido-eixo visual que atravesa agora lonxitudinalmente todo o edificio. A organización do mobiliario e os elementos de servizo tamén se sitúan no centro. Na planta baixa, os usos de limpeza do material e os depósitos de lavado e secado.

RECINTO E PATIOS.

Importantes como espazos da memoria, tanto o Recinto como o Patio poden funcionar como Espazos Polivalentes, o recinto máis na súa calidade de percorrido e o patio na de permanencia e estancia, por iso este último recupera os seus límites mediante a reconstrución dos seus muros, agora calados e convertidos en mobiliario: descanso, espazo wifi, escenario, exposición.

(CREUS+CARRASCO)

Premios

  • Primeiro premio no concurso de ideas convocado polo Concello de Lugo no ano 2009 para a rehabilitación do antigo Cárcere do Partido Xudicial de Lugo para centro sociocultural e servizo arqueolóxico para a cidade.

Bibliografía

  • CARRO FERNÁNDEZ, Alberto; Rehabilitación de la Antigua Cárcel del Partido Judicial de Lugo. Traballo Fin de Carreira da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica de A Coruña. A Coruña 2001.
  • DOMÍNGUEZ, Aurora; “Creus e Carrasco Arquitectos: Centro Cultural Vello Cárcere”, revista NEO2. Madrid, julio 2017.
  • FIAÑO RODRÍGUEZ, Cristina; O Vello Cárcere de Lugo (1936-1946). Edita Unión Libre - Cadernos de Vida e Culturas. Monografías, 20. Lugo 2015.
  • LOUZAO MARTÍNEZ, Francisco Xabier; “Nemesio Cobreros y Cuevillas”, Historia de la Arquitectura en Galicia: del Neoclasicismo a la Autarquía. Universidade da Coruña, Servizo de Publicacións. A Coruña 2016. Páx.64-69.
  • MATA Y MARTÍN, Ricardo Manuel; “La antigua cárcel de Lugo y algunos aspectos del sistema penitenciario español en el avance del siglo XIX”, Anuario de la Facultad de Derecho, 5. Universidade de Alcalá de Henares. Alcalá de Henares 2012. Páx.283-316.
  • SAAVEDRA CARBALLIDO, María Jesús; “La cárcel del partido de Lugo: avatares a lo largo del tiempo”,Lucensia: miscelánea de cultura e investigación, volume 20, número 40. Lugo 2010. Páx.103-116.
  • SICART JIMÉNEZ, Ángel; “Aportaciones al estudio del barroco en Lugo: ejemplos de arquitectura civil en el siglo XVIII”, Boletín do Museo Provincial de Lugo, 2. Lugo 1984. Páx.147-156.
  • VV.AA.; “Rehabilitación do antigo cárcere”, Proxecto URBAN: iniciativa urbana. Concello de Lugo. Lugo 2012.
  • VV.AA.; “Creus y Carrasco: Rehabilitación de la antigua cárcel de Lugo”, Arquitectura Viva. Madrid 2017.