Biblioteca Municipal de Lalín
Historia
Inmoble de planta cadrada e muros portantes de cachotería, construído a mediados do século XIX para Casa Consistorial.
Nos seus máis de cento sesenta anos de historia, sufriu sucesivas e agresivas modificacións: forxados de formigón de baixa calidade, falsos teitos uns por baixo dos anteriores, compartimentacións excesivas...
Memoria
Optouse por basear a intervención en dous eixos: funcionalidade do uso bibliotecario, conxugada coa análise crítica das preexistencias para a súa modificación ou conservación. Respecto á funcionalidade, distribuíronse as áreas de tal xeito que se conseguise unha optimización do espazo, permitindo unha grande cantidade de usos simultáneos –así como diversas formas de entender unha Biblioteca– procurando sempre que non interferisen entre si.
En planta primeira sitúanse os usos tradicionais de biblioteca: a entrada principal, atención e despacho do persoal, consultas, fondos, e salas de lectura, tendo en conta os diversos usos que se lles pode dar ás mesmas: existe unha principal, de lectura, estudo e consulta –digamos o uso habitual nunha biblioteca–, dúas a porta pechada –unha de máximo silencio e concentración, pensada para opositores e similares, e outra lixeiramente ruidosa, na que se permitiría falar para facer traballos en grupo–, e no medio destas dúas, a de lectura de prensa, con boas vistas ó exterior. Sobre esta planta existe un altiño de instalacións, oculto. Na planta baixa dispóñense os menos
silenciosos –e/ou que precisaban menos luz, dados os ocos existentes–: salas infantil e audiovisual –estas orientadas ao sur para obter luz–, consulta informática, aseos, cuarto de instalacións, almacenaxe e un salón de actos con capacidade para sesenta persoas destinado a cursos, presentacións, proxeccións...As aperturas espaciais efectuadas no interior permiten a entrada da luz natural a tódolos espazos da edificación, antes moitos deles escuros, sen precisar da apertura de novos ocos ou modificar os existentes, e determina a localización dos novos usos.
Buscouse manter a identidade da edificación recuperando elementos como as estruturas de cachotería e madeira, carpinterías, ferraxería, a porta de forxa dos antigos calabozos... Foi imposible noutros casos, como no falso artesoado do vello salón de plenos –resultou ser de paneis prefabricados moldeados de fibrocemento con amianto–, substituído por un novo (...) esta vez de carballo –démoslle ó salón de plenos o teito de madeira que quixo ter no seu día e non puido–. Os materiais e cores nos que se basea a actuación son a cor do granito silvestre, reproducida nos pavimentos continuos, os grises da forxa, e o branco, puro, das paredes e dos encalados, que busca a luminosidade espacial, coma se dun laboratorio do coñecemento se tratase. A madeira está presente na obra en varias maneiras: na estrutura rehabilitada, ás veces oculta e outras vista; nas carpinterías interiores e revestimentos do ascensor (...), nas carpinterías exteriores, conxugando a ventá tradicional galega coa folla de perfil europeo; e, sobre todo, no artesoado do antigo salón de plenos, onde se deseñou un panel de carballo macizo que permitise o acondicionamento acústico da Biblioteca, ao tempo que proporciona un carácter especial ao que foi o espazo máis singular do edificio.
A sustentabilidade non se deixou aparte por tratarse da rehabilitación dunha edificación protexida. Executouse un sistema de climatización por xeotermia, para o cal foi precisa a perforación de dous pozos dentro da propia edificación; a transmisión do calor ou frío efectúase por chan radiante. No salón de actos optouse por un sistema aerotérmico e climatización por condutos de aire, para permitir un quecemento ou refrixeración rápida dos espazos. Todo isto, xunto coas melloras en illamentos (...), e un sistema de iluminación de grande calidade e altamente eficiente (...). Sempre procurando a luminosidade e funcionalidade máximas dentro do preexistente.
(FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ)
Premios
- Obra finalista nos XVII Premios COAG, na categoría de Rehabilitación. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 2017.
Bibliografía
- FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, Luis; “Biblioteca Municipal Lalín”, Enki Arquitectura. Lalín 2014.
- VV.AA.; “Rehabilitación da Casa Consistorial de Lalín para destinala a Biblioteca Municipal”, XVII Premios COAG. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Santiago de Compostela 2017.