Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Centro de Interpretación das Fortalezas Transfronteirizas do Baixo Miño

Historia

No contexto da denominada Guerra de Restauración (1640-1668), na que Portugal recuperaba a súa independencia fronte ao reino de España, construíronse numerosas fortalezas ao longo do Baixo Miño coa fin de establecer fortíns que freasen as escaramuzas e ameazas do goberno veciño. En 1663, trala toma de Goián polas tropas lusas e ante a debilidade e deterioración das súas defensas, o rei Filipe IV considerou necesario construír un forte que defendese a vila de A Guarda e, ao mesmo tempo, dificultase o paso das tropas inimigas cara a Baiona.

O forte ou castelo de Santa Cruz construíuse entre 1663 e 1664 –probablemente utilizando a pedra da muralla medieval que rodeaba a vila guardesa– baixo a posible dirección dos enxeñeiros Carlos e Fernando Grunemberg. Ao terminar as obras, o Capitán Xeral de Galicia –Luis Poderico– comunicou á Corte o 12 de maio dese mesmo ano que A Guarda está xa en defensa cun forte de catro baluartes de pedra, pero faltan os cuarteis, e facer unha cisterna para a auga. Por outra banda, o nome do conxunto foi unha homenaxe a Álvaro de Bazán –Marqués de Santa Cruz de Marcenado e Capitán Xeral da Armada Española durante os reinados de Carlos V e o seu fillo Filipe II–, que faleceu en 1588 mentres organizaba a Escuadra Invencible contra os ingleses. E o seu primeiro Maestre de Campo e Gobernador foi Jorge de Madureira.

Non facía un ano da súa construción cando quedou cercado por unha expedición portuguesa o 11 de novembro de 1665. A noite do sábado 21 de novembro de 1665, os portugueses asaltaron e superaron as defensas exteriores do castelo. Ao día seguinte, a escaseza de municións e alimentos, así como tres minas que colocaron os portugueses, fixeron capitular o castelo ao xefe inimigo João Manso. Destas datas de ocupación suponse a construción da atalaia que se erixiu no porto guardés, completando a defensa portuguesa da vila: era un torreón circular de pedra de vinte metros de diámetro e oito de altura, dotado dunha cámara abovedada interior que servía de polvoreira sobre a que se dispuña unha plataforma para a artillaría e a garita do sentinela –foi demolida no ano 1943, existindo na actualidade unha réplica da mesma–.

Ata que finalizou a guerra, o forte foi unha avanzada portuguesa, e só coa paz do 13 de febreiro de 1668 volveu ser parte do estado español: os portugueses evacuaron o castelo o primeiro de maio de 1668.

A mediados do século XIX, co cambio das tácticas bélicas e no contexto das dificultades económicas do estado, a fortaleza foi abandonada: o seu último gobernador foi o capitán Juan Manuel Péres González e o seu último capelán Bernardo Vicente Patiño, que deixaron o inmoble en 1855. Un ano máis tarde, remitíase un informe ao Tribunal de Guerra para a desamortización e/ou posta en venda do conxunto en diferentes parcelas.

No ano 1860, o Estado vendeu o castelo a distintos propietarios mediante poxa pública. Dende ese momento o conxunto perdeu o seu carácter militar e desapareceron a práctica totalidade das edificacións interiores da fortaleza: estas foron substituídas por outras de nova planta –vivenda e anexos– acordes coas necesidades de uso dos novos propietarios civís. Un dos novos donos –Ángel González Sobrino– restaurou as murallas e dispuxo algúns sectores para recreo e outros usos de cultivo. Doutra banda, a finais do século XIX, outro dos propietarios instalou unha fábrica de embutidos –Sociedade Comercial Lomba e Lomba– que exportaba produtos a Cuba e Porto Rico. Despois da súa disolución en 1891, seguiu co negocio o mesmo rexedor Juan Antonio Lomba Álvarez, quen xa instalara a Cerámica de Santa Cruz, a cal chegou a prover á mesma casa real.

Ao mesmo tempo, o espazo interior do conxunto foise transformando nun abigarrado xardín e ocupáronse en gran parte as súas estruturas defensivas exteriores con novos usos e diversas construcións.

Memoria

O centro de interpretación sitúase no interior do núcleo fortificado, nunha cota intermedia onde existe unha gran chaira practicamente libre de vexetación singular, con excelentes vistas sobre o conxunto do recinto fortificado, moi ben situada en relación aos percorridos interiores e sen afectar en ningún momento ás estruturas defensivas e sen emerxer sobre o perfil da muralla.

Aproveita parte da única edificación actualmente existente na fortaleza, edificación que, a pesar do seu carácter residencial netamente alleo ao uso defensivo-militar, conserva un valor testemuñal en relación á última etapa de uso do conxunto fortificado; polo que se articula en dúas partes relacionadas entre si:

  • Unha construción xa existente no conxunto resolta mediante unha fábrica maciza e masiva que servirá de espazo de difusión e exposicións.
  • Tres pequenos pavillóns de nova planta que, de acordo co pasado militar da fortaleza e a propia disposición dos pavillóns militares, propóñense como elementos lixeiros pero resistentes, de construción seca. A estrutura e o panelado exterior de aceiro achegarán o acabado fundamental e estes pequenos pavillóns servirán de espazo previo de recepción, cafetaría-terraza e aseos.

Entre a construción preexistente e os pequenos pavillóns téndese un gran limiar ou zona cuberta. Aquí hai capacidade para acoller grupos e proporcionar o necesario espazo de relación e acollida, con sombra no verán e protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas na época invernal.

(PINTOS PENA + RODRÍGUEZ ABILLEIRA)

Premios

  • Premio Gran de Area de aportación á Arquitectura 2016. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia - Delegacións de Pontevedra e Vigo. Pontevedra 2016.
  • Obra candidata aos XVII Premios COAG, na categoría de Equipamentos. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 2017.

Bibliografía

  • GÓMEZ SOBRINO, Jesús; El castillo de La Guardia. Concello de A Guarda + Comisión ‘Fiestas del Monte’. A Guarda 1976.
  • PINTOS PENA, Santiago + RODRÍGUEZ ABILLEIRA, Jaime; “Centro de interpretación de las fortalezas transfronterizas Baixo Miño”, Rodríguez + Pintos. Pontevedra 2016.
  • VV.AA.; “Reconstrucción de la Atalaya y pavimentación de calles del casco viejo”, Ayuntamiento de A Guarda: Proyecto Escuela Taller. Concello de A Guarda. A Guarda 1995.
  • VV.AA.; “Rodríguez+Pintos: Centro de Interpretación Fortalezas Baixo Miño - A Guarda”, Afasia Archzine. Barcelona 2016.
  • VV.AA.; “Centro de Interpretación das Fortalezas do Baixo Miño - A Guarda”, Revista Aproin, 112. Asociación de Promotores Inmobiliarios da Provincia de Pontevedra. Vigo 2016.
  • VV.AA.; “Rodríguez+Pintos: Centro de Interpretación en A Guarda (Pontevedra)”, Arquitectura Viva. Madrid 2016.
  • VV.AA.; “Centro de interpretación de las fortalezas transfronterizas Baixo Miño”, Premios Gran de Area 2016. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia - Delegacións de Pontevedra y Vigo. Pontevedra 2016.
  • VV.AA.; “Rehabilitación y ampliación del Castillo de Sta. Cruz de A Guarda como Centro de Interpretación Fortalezas Baixo Miño”, Desarrolla. Vigo 2016.
  • VV.AA.; “Castillo de Santa Cruz”, Galicia Suroeste. A Guarda 2017.
  • VV.AA.; “Centro de interpretación de las fortalezas transfronterizas Baixo Miño”, XVII Premios COAG. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 2017.