Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Museo do Papel

Historia

O 4 de outubro de 1838, o médico Bernardo Taboada e a súa dona Ana de la Riva –residentes daquela en Santiago de Compostela– reuníronse no Carballiño co presbítero José Valeiras, veciño da vila. O propósito desta xuntanza era o de levantar unha presa no río Arenteiro para a construción dunha fábrica de papel no lugar da Lavandeira.

A fábrica construíuse finalmente entre finais do 1838 e principios do 1839. Estaba dividida en cinco etapas ben diferenciadas de acordo co proceso de fabricación do papel: selección e clasificación do trapo, muíño dos mazos, casa das tinas, sequeiro e brunido e preparación. A canle tiña na súa lonxitude cinco saídas da auga para facer virar ata cinco rodas para o accionamento cun ritmo de corenta golpes por minuto dos respectivos mazos en cadansúa pía: as dúas primeiras de desenfiado, a terceira e cuarta de afiado, e a quinta de desleado. E ao final da canle, a auga caía por enriba dunha sexta roda: a encargada de accionar o pesado mazo de satinado para a preparación final do papel.

O 28 de xuño de 1842 a fábrica era arrendada aos veciños da vila Valentín Fernández e Francisco Baños. Dous anos máis tarde, ao morrer o propietario das instalacións –Bernardo Taboada–, o seu cuñado arrendounas a Juan Bernardo Fernández Fernández, quen o 5 de marzo de 1846 viaxaría ata Santiago de Compostela para mercarlle a fábrica á viúva.

A fábrica estaría en funcionamento ata preto do ano 1884.

O primeiro de xuño de 1896 as instalacións foron adquiridas polo vigués Ramón Laforet Cividanes, contratista do alumeado público da vila de O Carballiño. E posteriormente sería instalada unha turbina hidráulica para unha serraría.

O edificio que hoxe se conserva en pé é só unha parte da fábrica: o secadoiro. O resto corresponde a diferentes elementos que completan o proceso de fabricación: canles, batán, presas, etc… e que se estende sobre unha área ao pé do secadoiro e próximo ao río.

Memoria

O proxecto refírese ao río como elemento estruturador da súa paisaxe e á súa transformación hoxe como infraestrutura lúdica e de ocio, debendo ser o novo Museo do Papel o seu impulsor.

As necesidades dun Museo esixen certos espazos sen os cales non podería funcionar e que non se poden situar nas construcións existentes, o que obrigou a construír novos edificios. A presenza do río e as rochas sobre as que se tallaron pías, lavadoiros, canles e escaleiras, o musgo, a auga e a vexetación teñen unha presenza tan forte que se aconsella non construír sobre elas.

Todo iso suxeriu levar as novas construcións que completan o programa ao forte noiro existente. O edificio sería entón como un balcón colgado do muro que se prolonga ata formalizar o acceso cun espazo de control e almacén de chegada.

Esta linearidade que xorde representa o itinerario, enlace de percorridos e miradoiro ao longo do proceso de fabricación e complétase cun espazo expositivo lineal que acompaña esta visión. O resto das construcións existentes rehabilitaranse de acordo ao proxecto museolóxico.

O edificio non ten forma de xeometría recoñecible. Sería unha arquitectura de espazos que discorren entre láminas que se desdobran, formando espazos fluídos con pequenos remansos para pararse e mirar atrás. Ao longo do río, no parque, pequenos artefactos aparecerán relacionados co Museo, pequenos bancos miradoiros axudarán nesa nova mirada sobre el.

(GALLEGO JORRETO)


O edificio do secadoiro é o único que se rehabilita, quedando o resto sen executar.

(…) O edificio atopábase en ruína conservando só as fachadas, con diversas fiestras tapiadas con fábrica de ladrillo.

Proxectouse unha estrutura de vigas laminadas, forxados de taboleiros microlaminados, material que tamén se emprega no seu recubrimento interior. O solado da planta baixa é de lousas de granito.

(…) A existencia dunha das fachadas –concretamente o testeiro Norte– en moi malas condicións, con perigo de derrubamento, obrigounos a substituíla por unha fachada de madeira de tal xeito que a súa estrutura resistente fose á vez o elemento que arrostra as outras dúas fachadas de pedra.

O proxecto sufriu modificacións obrigadas pola inexistencia de servizos urbanísticos. Ao mesmo tempo tampouco se dispuxo do terreo necesario para realizar o acceso previsto, e a nova dimensión do solar dispoñible imposibilitou a localización das salas de máquinas. Así e todo, o proxecto conserva o fundamental das ideas proxectadas ao inicio.

(GALLEGO JORRETO)


As obras remataron a comezos do ano 2011, pero o Museo aínda non abriu as súas portas debido a diversos problemas legais sobre a titularidade da antiga fábrica e dos terreos onde se localiza.

Bibliografía

  • GALLEGO JORRETO, José Manuel; “Museo do Papel. Carballiño 2004-2011”, Manuel Gallego. Arquitectura 1967-2015.. Catálogo de exposición. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña 2015.
  • FUMEGA PIÑEIRO, Francisco Xosé + SOBRADO PÉREZ, Xosé Luis; As fábricas de papel na comarca do Carballiño. Centro de Estudios Chamoso Lamas. Ourense 2010.
  • GAYOSO CARREIRA, Gonzalo; “La fabricación del papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días”, Investigación y Técnica del Papel, 4. 1965. Páx.193-223.
  • GAYOSO CARREIRA, Gonzalo; “Fábrica de Bernardo Taboada. O Carballiño”, Historia del papel en España, 3 volumes. Servizo de Publicacións da Deputación Provincial de Lugo. Lugo 2006.
  • REBOIRO, X.A.; “El juzgado embargará la finca que ocupa el Museo del Papel”, La Región. Ourense, 26 de novembro de 2011.
  • REBOIRO, X.A.; “El Concello desea adquirir la finca del Museo do Papel”, La Región. Ourense, 4 de decembro de 2011.
  • REBOIRO, X.A.; “Carballiño deberá comprar de nuevo la fábrica de papel o desalojarla”, La Región. Ourense, 13 de marzo de 2014.
  • VV.AA.; “Fábrica da Lavandeira”, Buxa. Asociación Galega do Patrimonio Industrial. 2011.
  • VV.AA.; “Museo del Papel”, Manuel Gallego Jorreto. Arquitectura 1998-2015. TC Cuadernos de Construcción, 118. Valencia 2015. Páx.228-237.
  • VV.AA.; “Rehabilitación de Infraestructura hidráulica y Edificio del Secadero”, Manuel Gallego Jorreto. Arquitectura 1998-2015. TC Cuadernos de Construcción, 118. Valencia 2015. Páx.238-245.
  • VV.AA.; “O Carballiño abrirá al público el museo de la fábrica de papel a lo largo del año 2016”, La Voz de Galicia. Ourense, 3 de setembro de 2015.