Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Hotel Monumento San Francisco

Historia

Nunha cidade excepcional como era a Compostela das peregrinacións fixeron a súa aparición os frailes menores no século XIII. O seu asentamento orixinal estaba ligado á presenza de San Francisco de Asís na cidade. Segundo a tradición, o santo aloxouse nas proximidades da ermida de San Paio do Monte Pedroso, onde a lenda situou o seu encontro cun pobre carboeiro chamado Cotolay. Nos anos vinte documentouse a instalación dos frailes no novo enclave compostelán, sendo os terreos cedidos en préstamo aos franciscanos polos monxes beneditinos de San Martiño Pinario.

A finais do século XIII supoñemos a existencia dun convento de frailes menores xa organizado ou coas súas dependencias principais xa rematadas. En canto ao antigo templo medieval, nada se conservou: a construción da nova igrexa no século XVIII non deixou ningunha pegada da preexistencia.

No século XV aumentou o apoio dos prelados aos franciscanos. Tamén se produciu unha importante escisión no seo da Orde que deu lugar ao movemento reformador da Observancia. Este feito supuxo importantes sacudidas no convento santiagués, posto que a súa condición de cabeza de Provincia o presentaba como un enclave cobizado. As obras emprendidas no seguinte século como consecuencia destes feitos alteraron por completo a disposición das dependencias. Caracterizado sempre polo consubstancial principio de austeridade, o cenobio deixou atrás a súa imaxe de centro medieval e transformouse nun amplo recinto acorde co estatus de convento principal da Provincia.

En substitución do antigo claustro medieval, construíronse dous claustros novos. As obras comezaron polo Claustro da Portaría, cuxas trazas foron atribuídas a Ginés Martínez. Máis tarde, construíuse o Claustro de Santiago –chamado de Cristal– segundo as trazas de Juan González de Araujo. As dependencias destinadas a refectorio e cociña sufriron na década de 1680 importantes desperfectos motivados pola condución de augas co afundimento do solo do primeiro; por iso foi necesario a reparación de dita estancia e a consolidación e apuntalamento da cociña. A obra quedou paralizada e non se reemprendeu ata o 1719, cando se construíu a estancia chamada De Profundis. En canto ao refectorio, este realizouse entre os anos 1726 e 1730, segundo reza a inscrición gravada no lintel da porta que comunica esta estancia co Claustro de Cristal.

No ano 1655 Juan de Urrea custeou unha enfermería para o convento que estaba situada no pavillón que hoxe ocupa a cafetería e que posteriormente se destinou a dormitorio dos legos. E ao atoparse esta en malas condicións, durante o ano 1671, foi reparada e ampliada. En canto ao noviciado, este comezou a construíuse en 1713. Ocupaba os lenzos sur e leste do xardín da enfermería.

A comezos do século XIX, en Santiago de Compostela –como noutras cidades do país– constituíuse a denominada Xunta de Concello e Asociados para o sostemento da Orde Pública. E con data do 31 de agosto de 1835 emitiu a comunicación oficial que decretaba a exclaustración de tódolos relixiosos, por cuxo cumprimento a comunidade franciscana viuse obrigada a abandonar o seu convento. O edificio foi ocupado por varias familias e a igrexa correu o risco inminente de se converter nun depósito de pólvora. Para evitar este perigo, reuníronse os exclaustrados e conseguiron que o Gobernador Eclesiástico abrise de novo o templo ao culto, pechando materialmente toda comunicación entre a igrexa e o resto do edificio. Neste estado permaneceu por máis de vinte anos, durante os cales os relixiosos ocupáronse das reparacións indispensables para a conservación das súas fábricas. Pero o deterioro seguía o seu avance.

Realizadas as xestións necesarias e superadas non poucas dificultades, o convento foi adquirido tras saír á poxa pública o día 13 de marzo de 1862. Dous meses máis tarde comezaron as obras de reparación do conxunto baixo a dirección do arquitecto da cidade Manuel Prado y Valle. E dende o 16 de outubro dese mesmo ano puido lerse a inscrición situada na porta do convento: Colexio de Misións para Terra Santa e Marrocos.

Xa entrado o século XX, continuaron as melloras do cenobio que tiñan como finalidade conservar no mellor estado posible tódalas instalacións do edificio e adecualas aos novos usos e funcións que se ían facendo necesarios para a supervivencia da Comunidade. E dende a centuria anterior, víñase pensando na construción dunha nova enfermería, máis adecuada ás novas esixencias de hixiene e salubridade. E así se construíu un pavillón cunha altura de cinco pisos: os dous superiores destinados un a celas para hóspedes e sala de recibo, e outro a habitacións para relixiosos, como coristado –zonas que sufrirían varias reformas e ampliacións posteriores– e un faiado onde se instalaría o taller de fotogravado no 1909.

Durante os primeiros anos do século XX no Claustro de Santiago ou de Cristal emprendeuse unha reforma notable: cubrir todo o oco do claustro cunha claraboia mediante unha armazón de ferro fundido e vidro, feita nos talleres de fundición coruñeses Solórzano. Tamén se cubriron con tella os catro lados do tellado do claustro. Por outra banda, os vidros da cuberta foron cambiados en varias ocasións, ata chegar á última intervención acometida no 1999 e que correu a cargo do Consorcio de Santiago e da Comunidade franciscana, baixo a dirección do arquitecto Alfonso Penela Fernández.


No ano 1967 resolveuse dar un xiro ao uso das habitacións do denominado Dormitorio Novo da Portaría: decidiuse dedicar esta zona a residencia para estudantes universitarios. Transcorridos máis de dez anos decidiuse pechar a residencia universitaria. Posteriormente, realizouse una reforma nesta zona entre os anos 1984 e 1986 –baixo a dirección de Campanero García e Costa Buján– para acondicionar as habitacións da residencia universitaria ao novo uso de hostal. Pretendíase incorporar dunha forma máis intensa o actual complexo arquitectónico de San Francisco á vida da cidade, iniciativa que se estaba seguindo nese momento noutros edificios históricos que se remodelaron para acoller funcións de corte administrativo trala localización da capitalidade de Galicia en Santiago de Compostela. Ao mesmo tempo esta actividade comercial convertíase no soporte económico principal da Provincia Franciscana de Santiago.

Memoria

Necesidade de adecualas instalacións e dependencias da hospedaría aos requirimentos da normativa e lexislación sectorial vixentes, ao tempo que se mellora o nivel e a categoría turística da mesma. Aproveitando estas obras estudouse a posibilidade de mellorar unhas celas que quedaron obsoletas e non alcanzaban os parámetros mínimos de habitabilidade esixidos. Dado que a adecuación das habitacións da hospedaría á normativa vixente reduce o número de habitacións para mantelos ratios de rendibilidade do novo Hotel, propúxose a ampliación do mesmo na última planta da ala situada entre os claustros, espazo que ata o momento estaba sen uso.

No deseño dos novos elementos introducidos para permitila compartimentación das plantas do novo aloxamento e evitar a confusión que pode supoñe-la resolución historicista do proxecto, destacouse a súa lectura como elementos orixinais. O seu deseño é contemporáneo, evitando a confusión na súa interpretación, integrándoos axeitadamente na arquitectura existente, e construíndoos de xeito que se garanta a súa reversibilidade sen afecta-las fábricas orixinais.

(ALONSO FERNÁNDEZ + CASTRO NIETO)

Bibliografía

  • ALONSO FERNÁNDEZ, Pedro + CASTRO NIETO, Francisco; “Plan director del convento de San Francisco en Santiago de Compostela”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2002/083. Inclúe versións anteriores: maio 1997, maio 2000 e novembro 2001. Vigo 2001.
  • ALONSO FERNÁNDEZ, Pedro + CASTRO NIETO, Francisco; “Proyecto básico de intervención en el convento de San Francisco”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2003/036. Vigo 2003.
  • ALONSO FERNÁNDEZ, Pedro + CASTRO NIETO, Francisco; “Proyecto básico y de ejecución de rehabilitación de pequeña construcción anexa al convento de San Francisco para alojamiento de infraestructuras del conjunto monumental”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2004/390 e 2005/003. Vigo 2004.
  • ALONSO FERNÁNDEZ, Pedro + CASTRO NIETO, Francisco; “Proyecto básico y ejecución de intervención en convento de San Francisco: ampliación del portón de acceso a Huerta Conventual”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2005/268. Vigo 2005.
  • ÁLVAREZ GARCÍA, Julia; “Proyecto de restauración de la iglesia de San Francisco”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1998/206. Santiago de Compostela 1998.
  • CAMPANERO GARCÍA, Arturo + COSTA BUJÁN, Pablo; “Proyecto básico de reforma interior de ala este del convento de San Francisco”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1984/056. Santiago de Compostela 1984.
  • COSTA BUJÁN, Pablo; “Proyecto básico de remodelación - rehabilitación de cubierta y biblioteca general en el convento de San Francisco”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1989/019. Santiago de Compostela 1989.
  • COSTA BUJÁN, Pablo; “Proyecto básico y de ejecución de adaptación de claustro y locales para Museo de Tierra Santa en el convento de San Francisco”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1993/017. Santiago de Compostela 1993.
  • FERNÁNDEZ-GAGO VARELA, Carlos; “Proyecto de restauración y consolidación de estructuras generales de la iglesia de San Francisco de Santiago de Compostela”; documento consultado no Arquivo da Provincia Franciscana de Santiago. A Coruña 1975.
  • GONZÁLEZ MONTAÑÉS, Julio Ignacio + SASTRE VÁZQUEZ, Carlos; “Convento de San Francisco”; Conventos e mosteiros de Galicia. Edicións Nigra Trea, SL. Vigo 1999. Páx. 44-48.
  • LÓPEZ FERNÁNDEZ, Atanasio; “Convento de San Francisco de Santiago, s. XIII y XIV”; El Eco Franciscano, XXXI. Madrid 1914. Páx. 291-301.
  • LÓPEZ FERNÁNDEZ, Atanasio; “La provincia de España de los frailes menores. Apuntes histórico-críticos sobre los orígenes de la Orden Franciscana en España”; El Eco Franciscano. Santiago de Compostela 1915. Páx. 123-287.
  • LORENZO ASPRES, Alberta; Intervencións no Patrimonio Galego para a industria hostaleira. A Coruña 2014.
  • MÉNDEZ FONTE, Rosa; “Iglesia de San Francisco, en Santiago de Compostela”, La Conservación de los Monumentos Arquitectónicos de Galicia (1840-1940). Embora. Ferrol 2010. Páx. 243-246.
  • PENELA FERNÁNDEZ, Alfonso; “Proyecto de restauración del claustro norte del convento de San Francisco”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1998/147. Vigo 1997.
  • RÍOS MIRAMONTES, María Teresa; “La enfermería y el noviciado del Convento de San Francisco de Santiago”; Liceo Franciscano, ano 38, números 112-114. Santiago de Compostela 1985. Páx. 201-205.
  • RODRÍGUEZ PAZOS, Manuel; “El convento de San Francisco de Santiago y sus dos iglesias, la actual y la derruida en 1741 (1518-1862)”; Liceo Franciscano, XXXII. Números 94-95-96. Santiago de Compostela 1979.
  • RODRÍGUEZ PAZOS, Manuel; “El Colegio de Santiago y Tierra Santa”; Liceo Franciscano, LXIII. Número 63. Santiago de Compostela 1946.
  • SEARA MORALES, Iago; “Proyecto para restauración de cubiertas y contrafuertes en la iglesia de San Francisco”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1988/037. Santiago de Compostela 1988.
  • TAIN GUZMÁN, Manuel; “La capilla compostelana de la Venerable Orden Tercera de San Francisco”; Monjes y monasterios españoles. Actas del Simposium. Estudios Superiores de El Escorial. San Lorenzo de El Escorial. Madrid 1995. Páx. 127-240.
  • VILA JATO, María Dolores; “San Francisco de Santiago de Compostela”; Galicia en la Época del Renacimiento. Colección Galicia Arte, tomo XII. Edicións Hércules. A Coruña 1993.