Hotel Monumento Convento de San Benito
Historia
No ano 1558, os bisnetos de Pedro Madruga fundaron o convento de San Bieito de A Guarda baixo a advocación da Transfiguración do Noso Señor para compensar a súa modesta política matrimonial. Tres anos despois xa estaban rematadas as obras principais da igrexa, do claustro, do refectorio, dos dormitorios, da enfermería, o cerre da horta e as demais dependencias necesarias para o servizo da comunidade.
A mediados do século XVII moitas das paredes da igrexa ameazaban con derrubarse, polo que se acometeron pequenas pero insuficientes actuacións. Non foi ata preto do 1730 cando a comunidade logrou reunir os cartos necesarios para acometer a reforma integral do edificio. Tralas obras da igrexa afrontouse a reedificación da ala oeste do conxunto.
As tropas francesas e a desamortización de 1836 apenas afectaron á comunidade, pero trala aprobación do Real Decreto do 15 de outubro de 1868, o convento pasou a ser propiedade municipal e as monxas víronse obrigadas a trasladarse ao convento de Baiona.
En xuño de 1869 produciuse un brote de viruela na vila e, ante a gravidade da situación, o concello converteu a ala leste do convento nun improvisado –e provisional– hospital provincial. Máis tarde, a ala oeste converteríase nunha escola mixta. Mentres, as zonas que non eran empregadas íanse deteriorando con alarmante rapidez.
O 17 de decembro de 1881 o bispado de Tui facíase coa titularidade do convento, da igrexa e da horta. E dous días máis tarde as monxas beneditinas regresaban para afrontar a reconstrución do tramo leste do convento –dedicado a refectorio e celas–, o retelle de todo o edificio e a construción dun pequeno campanario para servizo da comunidade e do público.
Era o primeiro paso cara unha nova época de esplendor, a cal se apagaría co crecemento urbanístico da vila nos anos setenta do pasado século.
Memoria
A solución proposta, tanto en distribución –que cumpre as necesidades propostas– como en adecuación á zona de localización desenrolouse tendo en conta o conxunto no que se atopa situada.
A realidade dunha edificación existente, moi deficiente, tanto en distribucións como en sistemas estruturais, obrigou a unha nova proposta tanto en distribución interior como en fachada.
Por outra banda, o cambio de distribución interior vén imposto polo cambio de uso.
No conxunto adoptouse unha continuidade harmónica, mantendo as constantes da edificación local, adaptando a edificación ao uso proposto, creando nunha unidade de conxunto que (…) se incorpora ao total existente, mellorándollo tanto estrutural como esteticamente.
(FRADUA ROMERO)
Bibliografía
- DOMÍNGUEZ FONTELA, Juan; “El Monasterio Benedictino de la Transfiguración de la Guardia. Apuntes históricos”, Presente. 14 capítulos. A Guarda 1936.
- FRADUA ROMERO, Jesús Javier; “Anteproyecto de reforma de dos plantas de habitaciones para hotel de una estrella”; documento consultado no Arquivo Municipal de A Guarda, coa signatura 1310/01. A Guarda 1988.
- FRADUA ROMERO, Jesús Javier; “Proyecto básico y de ejecución de adaptación y reforma de edificación existente (parte antiguo convento Benedictinas) para zonas nobles y parte de habitaciones de hotel de una estrella”; documento consultado no Arquivo Municipal de A Guarda, coa signatura 1310/01. A Guarda 1989.
- FRADUA ROMERO, Jesús Javier; “Obras de reparación de las habitaciones del hotel Convento de San Benito”; documento consultado no Arquivo Municipal de A Guarda, coa signatura 1291/13, licenza número 098/036. A Guarda 1998.
- LORENZO ASPRES, Alberta; "Transfiguración do Noso Señor ou San Bieito de A Guarda", Intervencións no Patrimonio Galego para a industria hostaleira. Universidade de A Coruña. A Coruña 2014. Páx.317-364.
- RÍO RAMOS, Laura; “San Benito”, Monasterios y conventos de la Península Ibérica, volume I: Galicia. Hércules de Ediciones D.L. A Coruña 2008. Páx. 282-303.
- VILLA ÁLVAREZ, Joaquín Miguel; El Convento de las Benedictinas de A Guarda 1558-1984. Mosteiro da Transfiguración do Señor de Trasmañó, ed. Redondela 2013.