Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Espazo de Coworking 'Pazo de Arenaza'

Historia

En 1925, a familia de ascendencia vasca Algorri –con residencia habitual en A Coruña– construíu a súa residencia de verán no concello veciño de Oleiros, actividade moi común nas familias burguesas da época. Tratábase dunha vivenda de dúas plantas con muros de cachotería granítica de estilo tradicional, completada ao leste cun volume de planta baixa en forma de U invertida, que trazaba un claustro porticado de xeito que formaba un peche lateral para o patio de la edificación principal y en cuxo centro aínda existe un pozo de cantería. Ao sur estendíanse os xardíns arborados cunha superficie de cinco hectáreas.

No 1939, coincidindo co final da Guerra Civil, as dúas irmáns herdeiras venderon a propiedade a Víctor Mateo, un navarro afincado en A Coruña que ostentaba o cargo de delegado de Papelera Española. A compra era un regalo para a súa muller Isabel de Arenaza, dándolle así ao conxunto o nome polo que hoxe se coñece: Pazo de Arenaza. Sería este matrimonio o autor do engadido na fachada norte dunha galería con pezas de vidro coloreado de inspiración modernista, así como da elevación do corpo central da vivenda para o aproveitamento do baixocuberta.

No 1986 o conxunto foi adquirido por uns empresarios lucenses –os Alonso Alonso–, que tres anos máis tarde asinarían un convenio urbanístico co Concello de Oleiros, que pasou a ser o titular da zona nobre da finca –vivenda, cabalarías e xardíns–, mentres que o resto da superficie foi xestionada polos irmáns que levantaron a actual urbanización de chalés acaroados.

En outubro de 1990, os arquitectos Santiberi Lordan e Soraluce Blond redactaban un proxecto de rehabilitación como residencia para a terceira idade, proxecto que non chegou a executarse por desvirtuar a imaxe de casa señorial. Tres anos máis tarde, a idea da residencia sería retomada polo arquitecto municipal Seoane Prado e o enxeñeiro de camiños Astor Casalderrey. E entre as obras máis importantes acometidas na edificación principal estaban labores de mantemento e conservación como a impermeabilización dos muros, a substitución da cuberta ou a renovación das carpinterías e pavimentos; co fin de acondicionar os espazos interiores para un novo uso.

A partir do 2005, o pazo funcionou como centro de día para maiores, con quince prazas –dadas as reducidas capacidades da edificación–. En novembro do ano seguinte, o conxunto foi posto a disposición da Xunta de Galicia para a súa xestión e financiamento –mediante un convenio co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar–, co obxectivo de converter a residencia nun lugar permanente para maiores con problemas de abandono e desestruturación social. Con tal fin, as vellas cabalarías foron acondicionadas como cinco vivendas comunitarias con habitacións dobres con baño para acoller a dez internos.

Pero no ano 2013, o centro cesou a súa actividade; ata que a comezos do 2017, o Concello de Oleiros asinou un convenio coa Deputación Provincial coa finalidade de ceder o uso do inmoble e promover no mesmo un centro de traballo compartido.

Memoria

Un centro de ‘coworking’ é un espazo de traballo compartido con espazos complementarios destinados á formación ou a outro tipo de eventos empresariais que fomenten o espírito da comunidade e a economía colaborativa para o desenvolvemento de proxectos.

Con tales requirimentos, elaborouse unha proposta de distribución no edificio principal (...) consistente en vinte e cinco postos de traballo, dúas salas de reunións, despacho de administración, posto de control e recepción, un locutorio, unha aula de formación, unha sala de presentación de proxectos, dúas zonas de descanso e unha de office.

(...) A intervención realizada para adaptar o Pazo (…) a espazo de ‘coworking’, guíase polo respecto aos valores patrimoniais do edificio, por manter as características orixinais do pazo, recuperando os elementos máis deteriorados de forma discreta e resaltando os valores do que xa había. Trátase de manter o ambiente, aínda que se introducen materiais ou elementos diferentes aos que había orixinalmente, de xeito que se conserve a alma e o paso do tempo do edificio, e á vez permita o desenvolvemento de actividades completamente novas e actuais.

Tódalas zonas máis públicas ás que acceda xente que non sexan os usuarios habituais localízanse na planta baixa, e relaciónanse co xardín.

A configuración dos espazos mantense practicamente intacta, pero mellóranse algunhas calidades en puntos importantes como o pavimento das salas inferiores, no que se substitúe o PVC existente por mármore branco. Acométese tamén a restauración das galerías de madeira que se encontraban en moi mal estado. Realízase ademais unha importante renovación das instalacións eléctricas e de datos para adaptar o edificio ao seu novo uso. Traballouse para que o impacto das devanditas instalacións sobre a estrutura catalogada sexa o menor posible. Asemade, estúdase coidadosamente a disposición do mobiliario e a iluminación buscando a través da discreción o mellor encaixe.

(PERNAS VARELA ARQUITECTOS)


No corpo independente das cabalerías, á hora de estudar o programa (...), detectouse a dificultade de definir as necesidades específicas debido ao descoñecemento do tipo de demanda e dos usuarios finais que vai haber no centro, polo que se desenvolverá nunha segunda fase (...).

Con todo, nun primeiro momento, proponse deixar o espazo diáfano, como locais sen uso, onde os emprendedores poidan crear zonas temporais de pop-up store e expoñer os seus propios produtos ou exhibir a súa marca, ou ben realizar unha zona de talleres e traballos manuais de carpintería, ourivería, cerámica, etc...

A proposta para estes espazos é permitir que os emprendedores os utilicen como espazo de probas para experimentar de maneira práctica a adecuación dun local sen uso ao seu propio negocio ou ben contar cun espazo de traballo diferente a un posto administrativo.

(PERNAS VARELA ARQUITECTOS)

Premios

  • Primeiro Premio no Concurso para o Proxecto Básico e de Execución da Rehabilitación do Pazo de Arenaza. Concello de Oleiros, 2016.

Bibliografía

  • ASTOR CASALDERREY, Rafael + SEOANE PRADO, Enrique; Primera Fase del Proyecto Reformado de la 3ª Fase del ‘Pazo de Arenaza’. Oleiros 1993
  • PERNAS VARELA, Antonio + SÁNCHEZ CID, Pilar; “Rehabilitación del Pazo de Arenaza para espacio de coworking”. Pernas Varela Arquitectos. A Coruña 2019.
  • SANTIBERI LORDAN, Alfredo + SORALUCE BLOND, José Ramón; Proyecto Básico y de Ejecución de Rehabilitación para residencia de la tercera edad de la Casa de Arenaza. A Coruña 1990.
  • SEOANE PRADO, Enrique; 4ª Fase del Proyecto de residencia de personas mayores. Oleiros 1994.
  • VV.AA.; “Pazo de Arenaza”, A Herdanza do Pobo. Concello de Oleiros. Oleiros 2007. Páx.16-19.