Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Museo do Viño de Galicia

Historia

A reitoral de Santo André de Camporredondo, como priorado de San Martiño Pinario no Ribeiro, foi concibida dende os alicerces coma unha importante factoría para abastecer á matriz compostelá dos prezados viños: conxuga á perfección as calidades da arquitectura culta do XVIII coas necesidades do mundo rural, nun sobranceiro conxunto que coa veciña igrexa e o casal domina o extenso val.

Componse o conxunto da casa principal, das adegas escavadas na rocha e dos patios pechados con algunha construción de menor entidade coma o forno.

A casa é un compacto volume de planta rectangular, con tres andares e cuberta a catro augas que se asenta na pendente con contundencia. Ofrece a fachada sur ao val, coa monumentalidade das sete arcadas da planta inferior, a balconada e a cheminea que a converten nun potente referente na paisaxe. As restantes fachadas, máis domésticas, correspóndense coas dunha vivenda culta, pero contida. palladiana contraponse coas formas orgánicas das adegas soterradas que buscan a frescura entre a rocha (...). Na planta inferior, tras o amplo pórtico, os espazos dedicados ás bodegas de elaboración: orixinalmente con cinco lagares de xenerosas dimensións e unha angosta comunicación coa cava. A planta nobre, cunha rigorosa xeometría, con dous amplos corredores seguindo os dous eixos de simetría, que deixan nos laterais catro amplas salas, noutro tempo subdivididas para conformar os cuartos e estancias. Nunha destas catro salas está a lareira.

(BLANCO PIÑEIRO + LÓPEZ CALVO + SEOANE FEIJOÓ)


No último terzo do século XX, o bispado cedeu a casa reitoral ao Concello de Ribadavia, que entre 1988 e 1990 levou a cabo distintas actuacións segundo o proxecto redactado por Suances Pereiro e Vecoña Pérez: reformouse a cuberta –sobre unha estrutura metálica– e consolidouse o conxunto. Tamén se colocou a escaleira na sala da lareira, configurouse o baixocuberta, e instaláronse uns aseos na planta baixa acaroados á zona porticada.

No 1997, o Concello renunciaba a continuar coa recuperación por falta de recursos; polo que se asinou un novo convenio de cesión coa Xunta de Galicia.

Memoria

As decisións primordiais do proxecto van en dúas direccións principais: a primeira, manter esa contraposición entre a contundencia e rigorosa xeometría da casa coas formas máis volubles e suxestivas das cavas; e a segunda, modificar as comunicacións interiores, para facer accesibles a totalidade de espazos, e permitir un percorrido lóxico para un museo.

Dende este punto de vista, a nova colocación da escaleira e do ascensor reforza a xeometría orixinal, e facilita o acceso, sen violentar o edificio, tanto aos vellos coma aos novos espazos, sen esquecer a dificultosa comunicación coas cavas. Ao levar cara ao medio estes elementos de circulación vertical, permítese tras deles un percorrido circular e centrífugo das salas expositivas –sen apenas modificar ocos– e introducindo no circuíto a monumental escaleira de pedra existente, as adegas e mesmo o patio e o soportal. Outros elementos de comunicación, coma a rampla da zona dos lagares, os chanzos entre diferentes niveis da planta inferior e a nova escaleira –que fura dende esta planta cara ás cavas– para facilitar un acceso, que orixinalmente só se facía polas angostas escaleiriñas embutidas no muro leste.

Introdúcense unha nova entreplanta, así coma unha nova pasarela no vestíbulo da escaleira pétrea que gaña novos espazos e sobre todo inéditas perspectivas do interior. Novos elementos nos dous extremos do percorrido, a zona de acollida coa nova rampla no patio de acceso, e o edificio auxiliar semisoterrado de instalacións e de servizos no acceso ao soportal. O baixocuberta aproveita a estrutura existente, pero tentando ampliala coas caixas expositivas de cerramentos inclinados para favorecer os lugares expositivos ó tempo que se xeran nos eixes espazos a dobre altura e interesantes visuais entre este nivel e os espazos de acceso e comunicacións da planta principal inferior.

Nas cavas, unha vez solucionadas as comunicacións, pouco máis ca unha tarima a xeito de alfombra de madeira, que permite facer accesible un espectacular espazo, no que se mantén o chan de terra e se dota dunha iluminación que reforza a singularidade da rocha, ou dos arcos faxóns onde existen.

Son todos elementos que se introducen con decisión pero sen estridencias, coa vocación de revalorizar unha arquitectura singular que xenerosa acolle un uso que non lle é de todo alleo.

(BLANCO PIÑEIRO + LÓPEZ CALVO + SEOANE FEIJOÓ)


Pechado dende o ano 2009 –aos dous anos de abrirse e aínda carente de programa expositivo–, a Consellería de Cultura publicou no Diario Oficial de Galicia do 10 de abril de 2015 a formalización do contrato de obras de reparación para a posta en funcionamento da casa reitoral como Museo do Viño de Galicia. As obras –cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional– tiñan un prazo de execución de dous meses.

Premios

  • Premio Gran de Area 2016, de Aportación á Arquitectura. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 2016.

Bibliografía

  • BLANCO PIÑEIRO, María Jesús + SEOANE FEIJOO, Manuel; Anteproyecto de Museo do viño de Galicia en la Casa Rectoral de Santo André. Documento consultado no arquivo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, coa referencia 2003/345. Ourense 2003.
  • BLANCO PIÑEIRO, María Jesús + LÓPEZ CALVO, Sonia + SEOANE FEIJOO, Manuel; Recuperación y puesta en funcionamiento de la Casa Rectoral de Santo André de Camporredondo para Museo do Viño de Galicia. Documento consultado no arquivo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Ourense 2016.
  • DEL AMO FREIXEDO, Magdalena; “El Museo del Vino”, Ourense. Siglo XXI. Ourense 2015.
  • PINAL, Sabela; “La sede del Museo do Viño, sin inaugurar, ya necesita arreglos”, La Región, 11 de abril de 2015. O Ribeiro 2015.
  • SUANCES PEREIRO, José Javier + VECOÑA PÉREZ, Manuel; Rehabilitación e restauro da Casa Rectoral de San Andrés. Documento consultado no arquivo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, coa referencia 1988/43. Ourense 1988.
  • VV.AA.; “Denuncian la paralización del Museo do Viño en Santo André de Camporredondo”, La Voz de Galicia, 29 de marzo de 2011. Ourense 2011.
  • VV.AA.; “La casa rectoral de Santo André de Camporredondo acogerá el Museo do Viño de Galicia”, La Región, 10 de abril de 2015. O Ribeiro 2015.
  • VV.AA.; “La Xunta reparará Santo André para abril el Museo do Viño”, La Voz de Galicia, 11 de abril de 2015. Ourense 2015.
  • VV.AA.; “El Museo Gallego del Vino atrae visitantes a pesar de estar vacío”, Faro de Vigo, 6 de maio de 2012. Ribadavia 2012.
  • VV.AA.; “Museo do Viño de Galicia na reitorial de Santo André de Camporredondo”, Revista Aproin, 112. Asociación de Promotores Inmobiliarios da Provincia de Pontevedra. Vigo 2016.
  • VV.AA.; “El Museo do viño na reitoral de Santo André en Ribadavia, premio Gran de Area