Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Biblioteca Municipal e Arquivo Histórico de Baiona

Historia

O primitivo hospital de Sancti Spiritus estaba situado no que se denominaba a Vila Vella, moi preto das murallas do recinto fortificado de Monterreal. E para asegurar a defensa da fortaleza, entre 1664 e 1665 levouse a cabo o derribo de máis de catrocentas edificacións, entre elas o vello hospital.

No 1671 foi adquirida a Grimanesa Pereira de Castro –viúva do capitán Xerónimo Gómez de Meneses–, unha vivenda con patio e horta na actual rúa de Manuel Valverde por catrocentos ducados de vellón co obxectivo de construír un novo hospital de pobres. O licenciado e mordomo do hospital, Juan Pereira Gallegos –principal artífice da citada compra– pagou en 1679 ao canteiro Domingo Fernández máis de oitocentos reais por realizar a parede do frontispicio e da entrada da porta principal do hospital. Por estas datas tamén se levou a cabo a construción da espadana, ademais da unión co contiguo hospital de Santa María Magdalena: unha pequena vivenda en esquina con patio interior pero sen horta.

Ao ano seguinte, en 1680, os frades de San Juan de Dios, que dende moi antigo rexentaban este establecemento, cedérono ao Concello de Baiona para que o administrase. Daquela, daba sustento e aloxamento a oito pobres; e mesmo tiña unha confraría que o gobernaba.

O conxunto experimentou sucesivas reformas ao longo do 1759.

Co gallo das reformas que se ían realizar no hospital, por encontrarse xa en ruína dende 1779, foi doada a horta e a construción anexa: un pequeno hospitaliño denominado de Santiago que servía para dar abeiro aos pobres e aos peregrinos. Así, dende o ano 1796, formouse o solar que chegou ata os nosos días.

Nos anos seguintes, o complexo foi reedificado por orde do bispo Xoán García Benito, sendo re-inaugurado no 1806 baixo o nome de Santo Hospital da Caridade, como así consta nunha inscrición esculpida nunha lousa de granito conservada nunha das paredes interiores do inmoble. O conxunto estaba composto de dous andares e acomodábase na pendente do centro histórico da vila. Contaba cun patio interior axardinado con pozo, e dispoñía de dúas enfermerías –unha para homes e outra para mulleres–, ademais doutra separada para persoas de distinción. Ao carón das oficinas existía unha habitación para o capelán - mordomo.

O hospital mantívose en funcionamento durante todo o século XIX, sostido principalmente polas doazóns e esmolas, así como polas rendas que lle producían as súas propiedades repartidas por todo o Val Miñor.

O 9 de xaneiro de 1907, pola Real Orde do Ministerio de Gobernación, o conxunto foi declarado de beneficencia municipal e administrado polo Concello.

No 1912, as franciscanas hospitalarias da Inmaculada Concepción instaláronse no inmoble para a asistencia e coidado de pobres e enfermos. E anos máis tarde acondicionáronse diversas dependencias para o ensino de párvulos.

Ante o deteriorado estado do conxunto na década dos setenta, o Concello de Baiona decidiu converter ao antigo hospital na nova casa da cultura da vila. Cun presuposto inicial de catorce millóns de pesetas doados polo Ministerio de Cultura, o proxecto de rehabilitación foi elaborado con toda urxencia polo arquitecto municipal Jesús Freijeiro Martínez.

O 1 de marzo de 1980 levouse a cabo a inauguración do novo espazo cultural, con diversos actos e festexos que contaron coa presenza do daquela ministro de Cultura Ricardo de la Cierva. Sen embargo, as obras non estiveron totalmente rematadas ata o 14 de agosto, día no que se celebrou no recinto a exposición Atlántica 80 sobre as últimas tendencias das artes plásticas en Galicia.

Memoria

A intervención pretende organizar o novo programa de biblioteca e arquivo dun xeito claro e sinxelo. Dende o punto de vista patrimonial, a súa ambición é recuperar o protagonismo perdido dos singulares espazos exteriores, patio e xardín, debido ás numerosas transformacións sufridas ao longo do tempo.

Na planta baixa, un gran vestíbulo atravesa lonxitudinalmente o edificio e ordena tódalas circulacións da biblioteca. Como unha rúa interior, comunica a entrada principal co patio e o xardín. Ao carón, un novo paramento pétreo acompaña o tránsito ata a saída. Este groso muro de granito acolle as xanelas existentes, os accesos a outras estancias e un novo nicho para sentarse, e reúne as diversas pezas arqueolóxicas achadas no edificio orixinal. Fronte a el, un volume de madeira agrupa o programa de Arquivo Municipal, os servizos e o ascensor.

A sala polivalente e a biblioteca infantil ábrense directamente ao patio e a súa actividade pode estenderse ao exterior. Unha serie de curvas de distintas aperturas definen o perímetro da sala infantil para adaptarse á fragmentada xeometría orixinal e conferirlle unha identidade propia. Este paramento curvo incorpora os andeis e deixa pequenos intersticios ocultos detrás da dobre pel de madeira, como un monicreque ou o gardarroupa.

A porta de entrada desde o vestíbulo de acceso é un groso andel pivotante, unha porta secreta que queda integrada co resto de andeis cando está pechada. Paredes e teitos, tamén de madeira, perfóranse cunhas aspas para resolver as tomas de ventilación. Os nenos poden sentar no chan, terminado cun material téxtil, que se prega sobre os paramentos verticais para formar pequenos planos inclinados sobre os que recostarse.

Algunhas solucións de planta baixa anuncian o tratamento da biblioteca na planta superior, como as perforacións circulares da porta de acceso e do cerramento lateral da escaleira ou o tratamento material e espacial da sala infantil.

A organización de planta primeira tamén evidencia que o patio central é o epicentro da actuación.

Todo o espazo dispoñible libérase para a sala de lectura, que discorre sen interrupcións ao seu redor. Unha dobre envolvente de madeira de arce delimita por completo esta sala e xera unha banda funcional concéntrica de espazos intersticiales como cabinas de estudo individual, aseos, despachos e áreas de lectura informal. O chan está resolto co mesmo material que os paramentos verticais, así como a cuberta interior, que se triangula para adaptarse ás necesidades técnicas e dimensionais da estrutura e as instalacións.

O grosor deste poché evidénciase nos lucernarios de cuberta, grandes troncos de cono brancos, e nas salas perimetrais que, como os antigos parladoiros ou os gabinetes de lectura relixiosos, acaróanse á fachada do vello edificio.

As fachadas interiores recórtanse, perfóranse e inscríbense para conectar os espazos a ambos os dous lados e para construír ámbitos con identidade propia. O espazo resultante, definido por unha envolvente monomaterial, é gráfico e espacial. A súa escala flutúa con ambigüidade entre a condición afectiva e doméstica do moble e a gran arca que acolle nos seus interior individuos e materiais heteroxéneos.

Respecto do mobiliario, o exterior –fonte e luminarias– é de tubo de aceiro cromado. O mobiliario interior está resolto coa mesma madeira de arce que o resto do edificio. As mesas son os negativos dos ocos da fachada interior da sala de lectura. Combinando estes recortes obtéñense distintos tamaños e configuracións de mesa. As patas son grandes cartabóns de madeira que permiten atrasar os apoios con respecto ao perímetro e así despexar o espazo de asento.

En canto ao xardín, discorre ao longo dun camiño que conecta o vestíbulo de acceso, xunto á galería cuberta, co acceso directo dende a rúa Manuel Valverde. Este percorrido enlaza tres episodios consecutivos. En primeiro lugar o arboredo froiteiro e a horta existentes, onde se recuperan pezas descartadas da obra orixinal –atopados durante os movementos de terra das obras– para formar unha alfombra pétrea xunto ao pozo e catro pequenos asentos baixo as árbores. A continuación, unha fonte para beber, e finalmente un novo conxunto de bidueiros papiriformes que, como o seu nome indica, producen unha cortiza que antigamente era empregada como papiro para escribir. Xunto ao novo arboredo, dous grandes sartegos de pedra –tamén atopados durante as obras– permiten sentar e observar a auga de choiva acumulada no seu interior.

(ELVIRA PEÑA + MURADO LÓPEZ)

Premios

  • Primeiro premio nos V Premios Egurtek. Foro Internacional de Arquitectura e Construción en Madeira. Bilbao 2020.
  • Obra nominada ao Premio de Arquitectura Contemporánea da Unión Europea ‘Mies van der Rohe’. Barcelona 2019.
  • Primeiro Premio na categoría de ‘Rehabilitación’ nos Premios ‘Gran de Area’ de Aportación á Arquitectura. Colexios Oficiais de Arquitectos de Ourense, Pontevedra e Vigo. Vigo 2018.
  • Obra finalista no I Premio Lledó de Arquitectura Ibérica. Madrid 2018.
  • Primeiro premio no concurso de ideas para a rehabilitación do ‘Santo Hospital da Caridade’ de Baiona para biblioteca e arquivo municipal. Concello de Baiona. Baiona 2010.

Bibliografía

  • ÁVILA Y LACUEVA, Francisco; Historia civil y eclesiástica de la ciudad de Tuy y su Obispado, tomo II. Vigo 1852.
  • ELVIRA PEÑA, Juan + MURADO LÓPEZ, Clara M.; “Rehabilitación del Antiguo Hospital Espiritu Sancti con destino a Biblioteca y Archivo Histórico”, Premios Gran de Area. Colexios Oficiais de Arquitectos de Ourense, Pontevedra e Vigo. Vigo 2018.
  • ELVIRA PEÑA, Juan + MURADO LÓPEZ, Clara M.; “Biblioteca Pública de Baiona. Rehabilitación de un antiguo hospital del siglo XVII como Biblioteca Municipal y Archivo Histórico”, Murado & Elvira - Arquitectura. Madrid 2018.
  • ELVIRA PEÑA, Juan + MURADO LÓPEZ, Clara M.; “Rehabilitación del antiguo Hospital Espíritu Santo para Biblioteca Municipal y Archivo Histórico de Baiona”, Arquitectura: revista del Colegio Oficial de Arquitectos de Madrid, 376. Madrid 2018. Páx.22-23.
  • ELVIRA PEÑA, Juan + MURADO LÓPEZ, Clara M.; “Biblioteca Pública Baiona / Murado & Elvira Architects”, Plataforma Arquitectura. 2018.
  • ELVIRA PEÑA, Juan + MURADO LÓPEZ, Clara M.; “Biblioteca Municipal y Archivo Histórico”, OnDiseño, 384. Barcelona 2018.
  • ELVIRA PEÑA, Juan + MURADO LÓPEZ, Clara M.; “Public Library and Historic Archive of the city of Baiona”, ‘Mies van der Rohe’ Awards. Fundación Mies van der Rohe. Barcelona 2018.
  • ELVIRA PEÑA, Juan + MURADO LÓPEZ, Clara M.; “Rehabilitación del antiguo hospital Espíritu Santo para biblioteca municipal y archivo histórico de Baiona, Pontevedra”, ConArquitectura: arquitectura con arcilla cocida, 69. Madrid 2019. Páx.54-68.
  • ELVIRA PEÑA, Juan + MURADO LÓPEZ, Clara M.; “Baiona Public Library”, Archello. 2020.
  • GARRIDO GARCÍA, Gustavo A.; “Unha cala na historia do ‘Hospital de Caridad’ de Baiona, 1830-1850”, Tuy: Museo y Archivo Histórico Diocesano, 9. Tui 2001. Páx.155-179.
  • GARRIDO RODRÍGUEZ, Jaime; “O Antigo hospital de Sancti Spiritus de Baiona e a súa arquitectura barroca”, REM: Revista de Estudos Miñoráns, 2. Gondomar 2002. Páx.25-34.
  • GARRIDO RODRÍGUEZ, Xaime; “O Hospital de Caridade (antigo hospital de Sancti Spiritus) de Baiona, restaurado para casa da cultura”, Galicia. A destrución e a integración do patrimonio arquitectónico. III xornadas de arquitectura galega. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 1981. Páx.134-141.
  • GONZÁLEZ RAMOS, Herminio; Crónicas históricas de la Villa de Bayona. Madrid 1925.
  • IGLESIAS GARCÍA, Patricia + VILLAR QUINTEIRO, Rosa; “Arqueología en la rehabilitación del antiguo hospital de Sancti Espiritus de Baiona”, Glaucopis: Boletín do Instituto de Estudios Vigueses, 24. Vigo 2019. Páx.9-29.
  • VV.AA.; “Rehabilitación del Hospital Espíritu Santo para biblioteca y archivo de Baiona, Pontevedra, con tableros Garnica / Murado y Elvira Arquitectos”, AITIM: revista, 314. Asociación de Investigación Técnica das Industrias da Madeira. Madrid 2018. Páx.28-32.
  • VV.AA.; “Biblioteca Baiona”, Arquine. México 2018.
  • VV.AA.; “Biblioteca Pública de Baiona. Alma de piedra con piel de madera”, Espacios Inquietos. 2018.
  • VV.AA.; “Rehabilitación del antiguo hospital espíritu santo para biblioteca municipal y Archivo Histórico de Baiona / Murado y Elvira Arquitectos”, Wideprint. 2018.
  • VV.AA.; “Baiona recupera el antiguo hospital ‘Sancti Spiritus’ para biblioteca y archivo histórico”, Revista Aproin, 131. Asociación de Promotores Inmobiliarios da Provincia de Pontevedra. Pontevedra 2019.