Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Museo de Construción Naval - Exponav

Historia

O Arsenal de Ferrol foi deseñado e construído no século XVIII trala designación da cidade como capital do Departamento Marítimo do Norte de España no 1726.

No ano 1753, o arquitecto militar Sánchez Bort ocupaba o cargo de Director de Obras e redactaba un proxecto –herdeiro do plan de Jorge Juan– que actualizaba o conxunto da base naval ferrolá incorporando os últimos avances da construción naval; e ademais melloraba a modulación xeométrica das edificacións con patróns académicos e prácticos, seguindo as proporcións clásicas.

Nun novo proxecto de remodelación datado no 1765, Sánchez Bort xa incluía un edificio destinado ás ferrerías e fraguas, pero que finalmente non chegou a materializarse. En consecuencia, as ferrerías existentes no 1772 e levantadas de xeito provisional, atopábanse en moi mal estado; polo que foi preciso recuperar a idea desta nova construción.

Así, o 26 de setembro de 1781, o rei Carlos III aprobaba as trazas do edificio, unhas trazas de autor descoñecido que semellaban seguir ás proxectadas anteriormente por Sánchez Bort.

A nova edificación tiña unha planta conformada por dous rectángulos unidos formando un L. O maior –de dúas alturas unidas por unha escaleira de pedra– albergaría as fraguas, dispostas en tres naves lonxitudinais que xurdían da presenza de piares cadrados de cantería que servían de soporte estrutural para os arcos de medio punto, cubríndose coas tradicionais bóvedas de arestas. Este marcado ritmo compositivo quedaba alterado por dous patios de luces con cadanseu pozo de auga doce –para cubrir as necesidades de traballo das fraguas–. Por outra banda, o corpo menor desempeñaría as funcións de obradoiro de fundición.

A mediados do século XIX, o conxunto foi abandonado e pasou a ser empregado como taller de prácticas polos alumnos da Escola de Maquinistas da Armada.

E no 1920 acondicionouse o inmoble para acoller á Escola de Máquinas da Armada. Entre as actuacións acometidas, destacou o derrubamento da cuberta e das altas chemineas para a adición dun novo andar destinado a residencia de mariñeiría. O resultado foi a alteración da configuración das fachadas –que carecían das loxas características dos edificios do Arsenal–, mantendo unha composición clásica na distribución dos vans.

Anos máis tarde, construíse na mesma praza a primeira Escola de Enxeñeiros Navais, que logo sería unida ao antigo edificio de ferreirías por dous corpos: un en todo o desenrolo vertical e o outro na planta primeira.

No ano 1988 rematou a dedicación do inmoble como Escola de Máquinas, e pasou a funcionar como almacén de material móbil.

Pero o abandono definitivo do conxunto chegaría no 1993. Sen embargo, un ano máis tarde, o edificio sería elixido para albergar a Exposición Nacional da Construción Naval.

Memoria

A solución proposta contempla a restauración integral e rehabilitación do edificio Ferreirías (...), así como a urbanización do seu entorno.

A observación do edificio no seu Estado Actual permite facer notar a existencia dunha terceira planta sobre a cornixa orixinal; a alteración e improvisación na sucesión de ocos de fachada, rompendo o ritmo imposto polos ocos orixinais; a estrutura orixinal de arcos, bóvedas de aresta e piares, que forman as tres aliñacións de naves existentes; e a magnífica iluminación que facilitan os patios interiores.

Esta boa disposición do edificio actual, a pesar das distintas obras e usos que foi soportando, permiten neste momento proceder a unha limpeza e desmaquillado, devolvéndollo ao seu Estado Orixinal, tal e como se constata no (...) plano de Carlos III e no gravado do Departamento de Esquivel.

Volvendo a recuperar a cuberta orixinal e o ritmo de ocos nas fachadas ao Arsenal e á cidade.

Facendo aparecer as antigas chemineas das fraguas.

E eliminando os ocos da planta baixa cara á cidade, dado que devandita fachada era cega en planta baixa.

Polo tanto, este Proxecto, proponse no Interior: eliminar todos aqueles elementos non orixinais do edificio, recrear os patios orixinais, eliminando forxados que os interrompan e recreando bóvedas de aresta destruídas. Levantaranse os solados executados sobre os orixinais.

No exterior: demolerase na súa totalidade a planta segunda e a cuberta actual, aproveitando materiais para a súa posterior utilización; en fachadas, reconstituiranse cornixas, recercados de ocos de granito, etc...; os ocos non orixinais serán cegados e os orixinais serán compostos no seu estado inicial; na fachada á cidade eliminaranse os ocos de planta baixa; manteranse os de planta primeira adaptándollos aos orixinais; e demolerase o corpo do edificio acaroado a Ferreirías e Escola Naval, converténdollo en pasarela na primeira planta.

(FONT GONZÁLEZ-ANLEO + LÓPEZ-RIOBOO LATORRE)


O elemento básico deste proxecto (...) é a restauración da arquitectura que procede das trazas do antigo edificio que aparece en documentos gráficos e históricos de gran valor.

Esta restitución baséase na naturalización do edificio, (...) que se compón dos aspectos seguintes:

Establecemento e nova creación dos patios interiores –tal e como estiveron no seu tempo–. Actualmente, os patios de luces e a escaleira da vivenda do Director da antiga Escola de Máquinas, derrubaron tres bóvedas ao oeste do edificio no seu eixo lonxitudinal. Pola contra, forxouse un dos patios antigos. (...) A recreación dos patios interiores dará iluminación cenital a través dos lucernarios das cubertas.

Formación do núcleo de comunicacións verticais: escaleira de servizo xeral, o ascensor-montacargas e os aseos desenvólvense en vertical aproveitando as tres bóvedas derrubadas, ocupando unha posición central lineal no eixo lonxitudinal do edificio e conformando unha estrutura espacial que presenta a calidade dun elemento moble tratado como tal, no interior do edificio. (...)

O edificio en planta baixa dispón de portas de acceso e saída (...), de maneira que se crea un circuíto único completo, utilizando as dúas plantas: baixa e primeira, que desaugan ambas na escaleira principal.

(...) Recupéranse formalmente as fraguas da planta baixa, facendo funcionar dúas delas (...). Recupéranse os pozos existentes nos patios (...). Os alxibes de 1865 respéctanse e, dado o seu bo estado, repáranse en pintura para o uso que lle sexa dado no seu momento.

Desaparece o primeiro corpo acaroado converténdose en pasarela de cristal. A segunda pasarela de fábrica convértese en pasarela de cristal.

(...) Demolición total da planta segunda de estado actual que contiña a residencia de mariñeiría, incluíndo os corpos acaroados. (...) E formación da planta funcional contendo tódolos elementos de organización das dependencias de Dirección, Oficinas administrativas, Persoal especializado, Investigación, Arquivos (...), etc... propios do programa funcional e de necesidades.

(...) Segundo aproveitamento na entreplanta entre o nivel da planta segunda e a cumieira da cuberta que pode ser empregada como reserva de depósitos e arquivos cartográficos.

(...) A aparición física de dezanove fraguas (...) e das chemineas correspondentes (...) non é unha cuestión arbitraria e caprichosa, senón que se utilizan de forma eficaz para actuar no circuíto de climatización e ventilación das salas expositivas.

(FONT GONZÁLEZ-ANLEO + LÓPEZ-RIOBOO LATORRE)

Bibliografía

  • BARROS SOMOZA, Manuel + VARELA IGLESIAS, José María; Proyecto Estado Final de Obra: Legalización Museo de la Construcción Naval. Documento consultado no Arsenal Militar de Ferrol. Ferrol 2017.
  • CASTRO LUACES, José; Rehabilitación del edificio ‘Herrerías’ para su integración en el Centro Cultural de la Armada en Ferrol. Documento consultado no Arsenal Militar de Ferrol. Ferrol 1995.
  • CASTRO LUACES, José + SAURA CIGÜEÑA, Ramón; Guía de visita de la exposición nacional de la construcción naval. Fundación Exponav. Ferrol 2008.
  • FONT GONZÁLEZ-ANLEO, Salvador + LÓPEZ-RIOBOO LATORRE, Juan; Proyecto de Ejecución de las Obras de Restauración y Rehabilitación de los edificios ‘La Herrería’ y el ‘Museo Naval’ del Arsenal de la Armada de Ferrol. A Coruña. Documento consultado no Arsenal Militar de Ferrol. Ferrol 1995.
  • GONZÁLEZ-ALLER HIERRO, José Ignacio; Proyecto de rehabilitación del Centro Cultural de la Armada en Ferrol. Documento consultado no Arsenal Militar de Ferrol. Ferrol 1995.
  • LIGERO MARTÍNEZ-RISCO, Ignacio; Proyecto para el vaciado del foso del Cuartel de Herrerías. Documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, coa signatura 2007/392. Ferrol 2007.
  • MONTERO AROSTEGUI, José; Historia y descripción de la ciudad y departamento naval de Ferrol. Imp. Beltrán & Viñas. Madrid 1859.
  • RODRÍGUEZ-VILLASANTE PRIETO, Juan Antonio; El Arsenal de Ferrol: guía para una visita. Concello de Ferrol. Ferrol 2000.
  • RODRÍGUEZ-VILLASANTE PRIETO, Juan Antonio; “El Arsenal de Ferrol: perspectiva de su patrimonio histórico”, Arquitectura, defensa y patrimonio. Ministerio de Defensa + Universidade da Coruña. A Coruña 2003. Páx.9-28.
  • RODRÍGUEZ-VILLASANTE PRIETO, Juan Antonio; La obsesión por el orden académico: el Arsenal de Ferrol. Ministerio de Defensa: Dirección Xeral de Relacións Institucionais. Madrid 2011.
  • VIGO TRASANCOS, Alfredo; Arquitectura y urbanismo en El Ferrol del siglo XVIII. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 1984.
  • VV.AA.; Convenio de Colaboración entre el Ministerio de Fomento, la Xunta de Galicia y el Ministerio de Defensa para la financiación de las obras de Restauración y Rehabilitación del edificio ‘La Herrería’ y ‘Museo Naval / Prisión de San Campio’ del Arsenal de la Armada de Ferrol. Documento consultado no Arsenal Militar de Ferrol. Ferrol 1995.
  • VV.AA.; Convenio de Colaboración entre el Ministerio de Fomento, el Ministerio de Defensa y la Comunidad Autónoma de Galicia para la realización y financiación de las obras de Restauración y Rehabilitación de los edificios ‘Antigua Prisión de San Campio’ y ‘La Herrería’, así como del edificio de los antiguos depósitos de agua del Arsenal de la Armada en Ferrol. Documento consultado no Arsenal Militar de Ferrol. Ferrol 1995.
  • VV.AA.; Convenio de Colaboración entre la Consellería de Cultura e Deporte de la Xunta de Galicia y la Fundación EXPONAV para la realización del Pabellón de Cristal de Grandes Máquinas - Comisión Mixta. Documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, coa signatura 2007/423. Ferrol 2007.