Albergue Municipal de Baamonde
Historia
Edificio construído a finais do século XIX para albergar dilixencias. De planta rectangular, presenta unha soa altura soportada estruturalmente con muros de carga de pedra –cachotería practicamente na súa totalidade, con excepción do perímetro dos vans para os que se emprega cantería–.
Durante os anos oitenta e noventa da pasada centuria, funcionou como restaurante.
O conxunto complétase con outras dúas edificacións situadas na mesma parcela, e que orixinariamente se empregaban como adegas e almacéns.
Memoria
Mantívose a disposición da fachada principal pero substituíuse a rechamante estrutura en forma de arco de medio punto da carpintaría de madeira da porta de entrada primitiva por outra nova que conserva as pautas do deseño orixinal.
A xenerosa altura da edificación foi determinante para a formulación do proxecto. Este espazo interior tratou de potenciarse construíndo un entresolo aberto destinado a dormitorio, utilizando materiais lixeiros para resaltar a intervención, como madeira e aceiro.
O entresolo ocupa a zona final do andar e pouco máis da metade en sentido lonxitudinal. Na zona de entrada conservouse unha soa altura e mantívose a configuración primitiva que tiña no seu primeiro tramo de cuberta, máis baixa que no resto do inmoble. O lucernario en forma de
V invertido que existía serviu para incrementar a iluminación na zona do novo piso proxectado. O entresolo considérase aberto, sen crear tabiques divisorios, coa fin de seguir mantendo a unificación espacial na zona máis elevada do interior do edificio. A lixeireza do forxado da armazón de madeira do entresolo, o aéreo deseño da varanda de protección desta, concibida con platino de aceiro recortado, cable de idéntico material e pasamáns de madeira, así como os soportes estruturais de tubo de aceiro contribúen a potenciar a permeabilidade visual. As escaleiras de acceso aos dormitorios situados no entresolo dispuxéronse na parte final do inmoble, permitindo así unha racional utilización de tódalas dependencias durante o día sen necesidade de subir ata a noite. As escaleiras manteñen a mesma lixeireza de deseño que o resto da estrutura do entresolo.A decisión de deixar a pedra vista nos muros perimetrais, así como a armazón da cuberta de madeira confiren ao conxunto un notable sabor rural que se enriquece co deseño elixido, tanto para os soportes como para a varanda do entresolo. Este sistema empregado permite –dende o nivel do baixo ata a altura superior– percibir a práctica totalidade do volume interior do edificio. Só no piso inferior, aproveitando o forxado do entresolo, situáronse as imprescindibles divisións para situar os dormitorios e aseos de minusválidos, xa que o resto dos aseos se sitúan no entresolo, ao final da zona destinada a dormitorio xeral. A continuación da zona de minusválidos, no baixo, encóntranse o comedor, a cociña e a sala de estar, onde se aproveita e conserva unha xenerosa cheminea preexistente.
Os materiais utilizados nos elementos novos –como por exemplo a cuberta– manteñen a relación construtiva cos empregados tradicionalmente na zona. Para a cubrición conservouse a armazón de tesoiras de madeira e incorporouse un panel
sándwich como soporte da cubrición realizada con laxas de lousa.Un soportal lonxitudinal, anexionado á fachada sur, facilita a entrada ao edificio principal e as conexións coas construcións auxiliares da parcela. Este soportal resólvese cunha cubrición de lousa colocada sobre un armazón de madeira, o que permite a permanencia dos viaxeiros fóra do inmoble, xunto ao xardín da parcela, protexidos do sol e da choiva.
Dentro da mesma parcela aproveitáronse tres construcións dunha soa altura no límite medianeiro (...). Aquí situáronse os dormitorios, aseos e duchas, que serven como barreira visual para manter a privacidade das actividades do albergue respecto ás outras edificacións lindeiras.
(GARRIDO MORENO)
Bibliografía
- GARRIDO MORENO, Antonio; “Albergue de Baamonde”, Arquitecturas no camiño, 1994-2004. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 2005. Páx.326-331.