Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Estudio de Arquitectura 'López Muíños + Otero Vázquez'

Historia

Pequena vivenda en altura e entre medianeiras con corenta metros cadrados de planta.

Memoria

A premisa básica da intervención é integrarse na contorna, e intentar sobrepoñerse ás limitacións xeométricas da edificación, perseguindo a continuidade espacial e a captación de luz natural, mediante as interrupcións en forxados, dobres alturas, emprego de cerramentos transparentes, e unha escaleira lixeira e inmaterial.

O edificio encóntrase no casco histórico, polo que o grao de protección non permitiu variación ningunha en fachada (…). Ao tratarse dunha edificación situada entre outras dúas existentes, e cunha volumetría predefinida obrigatoriamente, o xogo cos distintos elementos interiores permitirá unha articulación espacial fluída.

O punto de partida foi o equilibrio entre materiais tradicionais e o emprego de sistemas construtivos actuais, simplificando o número de solucións construtivas para conseguir unha intervención de baixo custe.

Debido ao risco de colapso dos muros portantes, especialmente os muros medianeiros executados en cachotaría, óptase por unha estrutura mixta de perfís laminados de aceiro e lousas de formigón macizas. Para as dúas vertentes de cuberta emprégase unha estrutura metálica e un forxado formado por (…) taboleiros de madeira e cemento (…). Como acto de sinceridade construtiva, tódolos elementos da estrutura se manteñen vistos, aplicando unha imprimación seladora sobre o formigón, e efectuando un pintado de toda a estrutura metálica.

Pola propia configuración da edificación, á marxe das bandas acristaladas nos forxados para conectar visualmente os espazos, o núcleo de comunicacións é o único mecanismo para captar luz dende a cuberta. Formúlase unha escaleira o máis liviá posible, formada por unha chapa de ferro (…) que se prega conformando os distintos chanzos. Para a definición da varanda, xérase un pasamáns luminaria, sustentado por unha platina de ferro que se prega para servir de soporte (…). No lateral da escaleira disponse unha xardineira continua que mediante uns cables que percorren transversalmente toda a edificación, permiten a incorporación da vexetación.

A luz será un material máis, estudándose nun sentido bidireccional, dende o interior ao exterior e viceversa, sendo a premisa básica no deseño da iluminación o efecto teatral de claroscuro, e o emprego de luminarias de baixo consumo (…).

Óptase por reducir á mínima expresión a paleta de materiais, buscando o equilibrio entre materiais tradicionais e novos materiais. En fachada e medianeiras mantéñense os paramentos pétreos existentes, empregándose para as carpintarías exteriores madeira en cor branca. Para o interior, na zona do estudio en planta baixa e en planta primeira, déixanse as lousas de formigón armado vista (…). Os paramentos pétreos de cachotaría píntanse en cor branca, e para o pavimento óptase por un pavimento autonivelante cementoso. O prisma que engloba a zona de servizo, e o aseo de planta baixa se reviste con taboleiros madeira cemento. Para a área de vivenda, mantense a estrutura de lousas de formigón vistas, pero óptase por acabados máis cálidos, empregándose tarima de madeira de castaño (…), tanto en pavimentos coma en revestimento dalgún dos paramentos verticais (…).

Todo o mobiliario se deseña a propósito para cada un dos espazos. Con materiais e elementos recuperados da demolición, como a antiga porta, execútase a mesa do comedor e o moble de salón. A almacenaxe da vivenda, resólvese cunha zona de armario continuo que percorre toda a lonxitude da vivenda, e que se articula pregándose segundo as diferentes necesidades e a xeometría da vivenda.

(LÓPEZ MUÍÑOS + OTERO VÁZQUEZ)

Premios

  • Seleccionada nos VI Premios de Arquitectura e Interiorismo de Porcelanosa Group. Madrid 2013.
  • Candidatura nos XV Premios COAG, na categoría de Vivenda. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 2013.

Bibliografía

  • LÓPEZ MUÍÑOS, C. Cecilia + OTERO VÁZQUEZ, Juan José; “Rehabilitación de vivienda y estudio de arquitectura. Ourense”, XV Premios COAG. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 2013.
  • LÓPEZ MUÍÑOS, C. Cecilia + OTERO VÁZQUEZ, Juan José; “Rehabilitación de vivienda y estudio de arquitectura”, Fundación Arquia. Próxima. Madrid 2013.
  • LÓPEZ MUÍÑOS, C. Cecilia + OTERO VÁZQUEZ, Juan José; “Reforma de estudio de arquitectura y vivienda unifamiliar”, Arquitectura en Vidrio 2015. Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España. Madrid 2015.