Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Hotel Moure

Memoria

Intervir sobre o xa intervido intégranos no devir do edificio. Non somos os primeiros nin seremos os últimos. Conservamos unhas cousas, modificamos outras, corriximos algún erro, eliminamos algún elemento, introducimos algún outro… En definitiva, transitamos a terceira época do Hotel Moure.

Dúas actuacións fundamentais en planta baixa. Por unha banda rebáixase unha parte na entrada para favorecer a accesibilidade. Tanto a rampla como os pasos propostos xeran a zona de recepción e espera sen o clásico mostrador. Ao fondo perfórase un patio que polariza as áreas de estancia, ilumínallas e ventílallas, difumina a fronteira dentro fóra. Catro caixas de madeira conteñen servizos auxiliares. A primeira, en celosía, o cortaventos. Nun lateral, unha pequena oficina, os vestiarios de persoal, o ascensor e un oficio. No outro lateral, o arranque da escaleira, un pequeno almacén de maletas, aseos masculino e feminino e oficio. A última caixa, ao fondo, oculta a escaleira de acceso á habitación de usos múltiples e, baixo ela, armarios de apoio e un pequeno sofá integrado. A instalación de climatización discorre por falso teito, máis baixo que o xeneral, no interior destas caixas, e só se manifesta nas microtobeiras integradas no despece da madeira. Neste mesmo despece intégranse pequenas fiestras, de control na oficina, ou de iluminación, compartida cos aseos; de vidro translúcido neste caso.

Nas plantas superiores engádeselle un ascensor e un pequeno oficio ao núcleo de comunicacións central existente. As seis habitacións previas redúcense a catro, dúas por fachada. Pequenos aportes nunha tipoloxía clásica: a ausencia de porta nos aseos, unido ao xogo de espellos ou a prolongación do pavimento cerámico dilúe os límites. Os cuartos de baño ocupan a primeira cruxía de acceso ás habitacións, de lado a lado. Esta actitude, unida aos espellos do lavabo nun lado e xeneral no outro, amplía e multiplica virtualmente o espazo. A intimidade resólvese cunha porta de vidro translúcido compartida coa ducha, que nos permite matizar as vistas sen perder a concepción global do espazo. Ao ser unha rehabilitación personalízanse os diferentes aseos en función das preexistencias, tanto xeométricas como materiais. Patinillos e cisternas configuran unha sorte de fornelas moi útiles no noso caso. Na maior parte das habitacións unha pequena ventá introduce luz natural na zona de lavabo e conecta visualmente con cabeceiros ou mesas de apoio da habitación propiamente dita. Solados e paramentos resólvense en tódolos casos con gres modulado en pezas de dez por dez centímetros, cos condicionantes técnicos esixidos pola normativa en función de se é o solo da ducha, o do resto do aseo ou o de paramentos e encimeiras. As corredoiras integran os armarios na habitación; algúns deles incluso coas neveiras ou as mesas de traballo. Os cabeceiros das camas convértense en encimeiras nos aseos ou mesas de apoio ao carón das fiestras. Trabállase o espazo da galería principal en planta terceira ou unha pequena terraza en planta primeira. Dúas habitacións singulares resolven a planta baixocuberta e unha de usos múltiples o anexo ao fondo na primeira.

(ÁBALO DÍAZ + ALONSO NÚÑEZ)

Premios

  • Finalista Il desing dell ospitalitá. Milán 2014.
  • Mención de honor X Premios Asefave Veteco. Madrid 2012.
  • Accésit XIV Premios COAG, 2011.
  • Obra seleccionada XI Bienal de Arquitectura Española. Madrid 2011.
  • Obra seleccionada Premios FAD 2011.
  • Finalista V Premios Enor. Vigo 2011.
  • Mención de honor en Rehabilitación en los X Premios Asefave Veteco. Madrid 2012.

Bibliografía

  • GALLINDO, Michelle; “Moure Hotel”, Spanish Interior Design. Berlín 2011. Páx.64-67.
  • MERA RODRÍGUEZ, José Carlos + SANTOS OGANDO, José Jorge; “Hotel Moure”, Guía de arquitectura contemporánea de Galicia. Pontevedra 2013. Páx.63.
  • TOMÉ, Pablo; “Rehabilitación del Hotel Moure en Santiago de Compostela”, El Correo Gallego, 19 de xuño de 2011. Páx.23.
  • VV.AA.; “Moure Hotel”, ID+C número 127. China 2013. Páx.122-127.
  • VV.AA.; “Moure Hotel”, Baumeister número 109. Alemaña 2012. Páx.56-57.
  • VV.AA.; “Hotel Moure”, ON Diseño número 325. Barcelona 2012. Páx.63-69.
  • VV.AA.; “Hotel Moure”, V Premio de Arquitectura Ascensores Enor 2011. Vigo 2011. Páx.305-312.
  • VV.AA.; “Hotel Moure”, Diseño Interior número 228. Madrid 2011. Páx.98-107.