Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Hotel Pazo O Rial

Historia

O Pazo de O Rial foi fundado en 1696 polo conde Juan Antonio Mariño de Lobeira, último propietario da torre e fortaleza de Lobeira –na comarca de O Salnés–, con cuxa pedra e sillares se construíu este pazo.

O corpo central do edificio está flanqueado por dúas torres, característica singular do Pazo de O Rial, xa que tódalas demais construcións desa época réxense por unha normativa que soamente permitía una torre por concello. O marqués de Mariño quixo que o seu pazo fose diferente e por iso o situou de tal forma que puido rexistrar cada torre nun municipio distinto.

Neste modelo arquitectónico sóubose harmonizar os elementos prácticos e os meramente decorativos resultando un edificio de gran pureza, simetría, equilibrio e estética. Destaca a cantidade de escudos. En especial o que se encontra na fachada principal e que amosa as armas de Lobeira, Aldao, Montenegro e Ribeira.

Conta ademais con outra característica diferencial e é que a capela emprázase próxima á torre esquerda, unida á estrutura do edificio por unhas escaleiras que os comunican.

O Pazo foi ampliándose con posteriores edificacións nos séculos seguintes a medida que cambiaba de propietario, pertencendo aos condados de Soutomaior, Valladares, Aldao, Sarmiento ou Araújo entre outros.

Memoria

Proxéctase a rehabilitación do Pazo (…) reconstruíndo e conservando tódolos elementos existentes de valor arquitectónico e mantendo nas ampliacións que resultan imprescindibles as características artísticas da construción orixinal.

(…) A posibilidade da conservación das edificacións existentes e o seu aproveitamento para o destino que se pretende han de considerarse en función de tres premisas: polo seu valor artístico e arquitectónico, polo seu estado de conservación e polo seu aproveitamento funcional.

(…) Á vista de que para a instalación dun Hotel-Residencia (…) é absolutamente imprescindible ampliar o actual Pazo (…), proxectouse unha ampliación seguindo rigorosamente estes criterios:

  • Respecto á composición horizontal da edificación actual, de tal xeito que o volume ampliado non perturbe as perspectivas frontais da fachada principal nin do seu conxunto.
  • Disposición formal da ampliación de tal maneira que se poñan de relevo a disposición actual e futura da fachada principal e as súas torres.
  • Respecto ao estilo arquitectónico do edificio actual e aos seus detalles ornamentais con repetición de varandas, almeas, remates de chemineas, etc... pero mantendo as diferenzas no tratamento de materiais que son lóxicos para evitar o mime¬tismo entre a construción orixinal e a ampliación actual.
  • Aproveitamento das plantas interiores da ampliación como consecuencia das características topográficas do terreo, pero evitando, cun tratamento formal adecuado da planta máis baixa, a presentación dunha fachada de grandes dimensións.

(JAUREGUÍZAR AZAROLA)

Bibliografía

  • JAUREGUIZAR AZAROLA, Mariano; “Proyecto básico de rehabilitación del Pazo de El Rial instalando un Hotel - Residencia de cuatro estrellas con 51 habitaciones”; documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1981/004. Vilagarcía de Arousa 1979.
  • PAULOS CAMPOS, José Luis: “El Pazo Rial”; traballo inédito do Doutorado en Arquitectura Xénese, Concepción e Linguaxe na Arquitectura, curso 2007/2009. Universidade de A Coruña. A Coruña 2009.