Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Restaurante 'Minas de San Fins'

Historia

Na década de 1880 o británico Thomas W. Burbury solicitou a concesión para unha mina de estaño logo de realizar algunhas prospeccións na zona. O seu sobriño, Henry W. Burbury, seguiu facendo prospeccións. En 1890 aparecía como propietario da concesión Phoenicia, inscrita no rexistro da propiedade de Noia. A compañía inglesa The San Fins Tin Mines Limited rexistrou a concesión mineira de estaño Phoenicia.

Dende 1933 o propietario foi Alfred Burne, que residiu na casa da xerencia construída polos seus antecesores. Nesa etapa o mineral extraído era principalmente o estaño, dado que aínda non se coñecían moitas aplicacións para o volframio. Ata o remate da Guerra Civil a explotación pasou por mans de diversos propietarios ingleses. Finalmente, a mina foi nacionalizada ao rematar a guerra, pasando a ser explotada por Industrias Gallegas, unha sociedade propiedade da Fundación Barrié de la Maza dende 1941.

Durante a Segunda Guerra Mundial creceu a demanda do volframio por parte de Alemaña e Inglaterra. A explotación continuouse a partir de 1940, debido ao acordo asinado en Hendaia entre Hitler e Franco, para subministrar volframio ás fábricas de armas alemás. Isto provocou a chegada á mina de centos de traballadores, dada a situación existente de miseria na posguerra.

A partir da década de 1960, pola caída do prezo dos minerais, foi decaendo a actividade da explotación, que rematou en 1989, cando debido aos baixos prezos do volframio nos mercados internacionais, as minas quedaron definitivamente abandonadas.

Memoria

A idea principal do proxecto ao recibir o encargo foi a de que, a pesar do cambio de uso, a nova construción reflectise mediante a súa arquitectura o contexto no que se encontra: o contexto industrial, mineiro que se pretende poñer en valor.

(…) O edificio non posúe forxados interiores nin carpinterías e encóntrase totalmente baleiro, nun estado de deterioro importante.

A actuación, que parte dun presuposto moi reducido, propón respectar a potencia dos ocos do alzado actuando no interior do inmoble. Un único elemento consistente nunha lámina de formigón que se vai pregando no interior do edificio configura os diferentes espazos e usos necesarios para configurar o restaurante. Esta lámina pregada xerará os percorridos, aseos, barra e zonas de servizo en planta baixa. A segunda dobrez da lámina, en perpendicular á anterior, fará que esta se converta nos forxados que formarán os dous comedores en planta alta.

O anexo, practicamente derruído no estado previo, utilizarase para situar a cociña que dea servizo ao restaurante.

(CASTRO LORENZO + MARÍN DURÁN)

Bibliografía

  • CASTRO LORENZO, Alfonso + MARÍN DURÁN, Álvaro; "Restaurante Minas de San Fins", 2es+ Estudio de Arquitectura.