San Martiño de Caraño
Historia
A igrexa de San Martiño de Caraño, hoxe totalmente arruinada, está datada a finais do século XIV ou comezos do XV, pero dadas as importantes reformas realizadas no século XVIII –como por exemplo o corpo da torre–, boa parte da súa estrutura é de feitura barroca.
A súa nave divídese interiormente en catro tramos por tres pares de pilastras ás que lle falta o respectivo arco, con tramos que amosan unha deteriorada cuberta de madeira a dúas augas. Na capela maior presenta os restos dun arco triunfal de medio punto e imposta clásica, baixo unha cuberta a catro augas. A portada principal presenta un zócalo de sobria decoración, pilastras exornadas e un arco oxival. A parte engadida non garda relación co resto do templo: ten porta de entrada con arco semicircular, poio lateral interior e espadana de dous vans de arco circular na parte principal e remate de nicho con acróteras nos ángulos saíntes.
Na década dos sesenta tomouse unha cruel decisión en base aos informes de varios expertos que ditaminaron que non resultaba aconsellable a restauración –e/ou a rehabilitación– do inmoble, entre outros motivos, polo mal estado da estrutura e polo alto custe da súa recuperación.
Finalmente, o día 2 de xullo de 1969 iniciouse –a trescentos metros–, baixo a dirección de Cortón Díaz, a construción dun novo templo parroquial.
Memoria
- VV.AA.; “El concello de Pol solicita que la iglesia de Caraño sea Bien de Interés Cultural”, El Progreso. Lugo, 11 de marzo de 2011.
Bibliografía
- ÓNEGA LÓPEZ, José Ramón; “Caraño”, Pol, país de colinas. Deputación Provincial de Lugo. Lugo 2002. Páx.48-51.