Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Santo Estevo de Pardollán

Historia

A igrexa de Santo Estevo de Pardollán ten a súa orixe no século XII, sendo igrexa parroquial ata mediados do século XX: cando se construíu o templo actual.

Ten planta basilical dunha única nave, cunha ábsida cuadrangular tanto ao interior coma ao exterior. A sancristía tamén é cuadrangular, aberta á nave no lado norte e comunicada co presbiterio a través dunha porta. No exterior da ábsida aprécianse dúas etapas construtivas, as dúas con cachotería de pedra, habendo un engadido posterior sobre a cabeceira primixenia, ao que se accede dende o exterior a modo de xanela cuadrangular sobre o arco triunfal da igrexa. A fachada principal está configurada cun arco de medio punto, con dovelas de traza e labra excepcionais realizadas en conglomerado de arenisca ou pedra de Pardollán, recoñecible pola súa cor ferrosa. A portada está coroada por unha gran espadana de dobre arco, hoxe sen campás. A cuberta da nave –actualmente caída– era de dúas augas ao xeito tradicional da zona, cunha trama de madeira recuberta por grandes lousas. A cubrición da ábsida realízase cunha bóveda de canón apuntada.

A perda da cuberta deixou á intemperie o interior da igrexa, favorecendo que as cabeceiras dos muros filtren a humidade e que a vexetación prolifere por toda a edificación. Os encalados, que aínda conservan certa policromía, desplácanse; e o retablo desfáise polo ataque constante de insectos e fungos xilófagos.

No 2011 o adro foi acondicionado pola asociación en defensa do patrimonio medieval galego O Sorriso de Daniel coa colaboración da asociación de veciños local Santo Estevo.

Memoria

  • PRIETO, Daniel; “Unha asociación salva unha igrexa románica abandonada en Ourense”, Xornal de Galicia. Ourense, 25 de xullo de 2011.

Bibliografía

  • NIQUELARTE; “Igrexa de Santo Estevo de Pardollán”, PatrimonioGalego.net: http://patrimoniogalego.net/index.php/5618/2011/09/igrexa-de-santo-estevo-de-pardollan/.