Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

San Paio de Albeos

Historia

O antigo mosteiro feminino de San Paio de Albeos xa existía no ano 1071, cando a raíña dona Urraca o outorgou á catedral de Tui datándollo a finais do século X. Apareceu logo no 1199 no testamento de dona Urraca Fernández, e no 1499 cando cesou a vida monástica na edificación como consecuencia da reforma dos cenobios beneditinos. Continuou a súa decadencia en segunda fila, ata a desamortización de 1835, momento no que rematou a súa utilización como inmoble relixioso.

Nos anos 50 foi adquirido a sete irmáns, funcionando como matadoiro e vivenda.

Sometido a unha ruína progresiva, este antigo mosteiro románico chegou ata os nosos días cuberto por silveiras e matorrais. Da edificación inicial queda un corpo de edificación rectangular, ao que se acaroan por un dos seus lados maiores dúas sinxelas estancias contiguas. O lintel da porta dunha delas é unha lauda sepulcral con representación dunha figura feminina. A outra presenta un arco de medio punto composto por doelas arestadas e lisas, cuxo tímpano está formado por unha impresionante peza monolítica labrada por ambas caras. A estancia maior –hoxe sen teitume– fórmana grosos muros de cachotería granítica nos que destacan as pegadas que indican que tivo dúas plantas.

Na actualidade as fábricas existentes empréganse como almacéns e varios dos seus elementos arquitectónicos e escultóricos foron reutilizados en edificacións do entorno. Os seus actuais propietarios –residentes en Valencia e incapaces de mantelo en pé– puxérono á venda nun portal inmobiliario por trescentos mil euros

.

Memoria

  • LEYENDA, Alberto; “Se vende monasterio por 300.000 euros”, El País - Galicia. Vigo, 23 de xuño de 2012.
  • OTERO, Selina; ”Sea propietario de una iglesia”, La Opinión Coruña. A Coruña, 3 de abril de 2011.
  • PALLEIRO, Verónica; “Miles de peregrinos visitan el monasterio de Albeos en el Año Jubilar de San Paio”, Faro de Vigo. Crecente, 26 de xuño de 2012.

Bibliografía

  • RODRÍGUEZ ORTEGA, Juan Antonio + VÁZQUEZ CORBAL, Margarita; “Los vestigios del monasterio de Albeos: Notas para la actualización de un monumento románico en estado de abandono”, Rutas cicloturísticas del románico, número XXVIII. Fundación Cultural Rutas del Románico. Pontevedra 2010. Páx.158-161.
  • VALLE PÉREZ, José Carlos; “La iglesia del antiguo monasterio de San Salvador de Albeos”, El Museo de Pontevedra, número 41. Museo de Pontevedra. Pontevedra 1987. Páx.177-237.
  • VÁZQUEZ MARTÍNEZ, Ángel; “El monasterio de San Salvador de Albeos. Su historia”, Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos Artísticos de Ourense, número XVI. Ourense 1948. Páx.209-252.