Pazo de Bergazos
Historia
O Pazo de Bergazos foi fundado a finais do século XVI a raíz do casamento de Gómez Gil de Taboada con Beatriz Fernández de Gundín. Posteriormente foise consolidando co ascenso social de Gil de Taboada ao servizo do Conde de Lemos. Os documentos históricos sinalan como data fundacional do vínculo e maiorazgo de Bergazos o día 20 de agosto de 1673; asemade, nun capitel do pazo aparecía gravado o ano de 1672.
O seu fillo maior, Francisco Gil de Taboada, casou coa herdeira do Pazo de Des, e como esta edificación era máis suntuosa, trasladáronse a vivir alí deixando de ser o Pazo de Bergazos a residencia familiar.
Nesta antiga vivenda naceron personaxes tan ilustres como Felipe Antonio Gil de Taboada –nado no 1678–, quen chegou a ser arcebispo de Sevilla, Conselleiro de Estado do rei Filipe V e Gobernador do Real e Supremo Consello de Castela.
Da edificación orixinal con planta en L aínda se mantén en pe –medianamente conservada– a pedra armeira, así como a solaina e os seus fermosos capiteis. Consérvase unha escaleira de pedra que conduce á devandita solaina, a cal protexe o escudo heráldico coas armas dos Gil, Deza, Taboada e Gundín; e á que se accede a través dunha porta en arco de medio punto.
Pero o seu estado xeral é de ruína: o pazo atópase invadido pola maleza, presenta desaparecida parte da súa cuberta e está sometido ao espolio. Este deterioro agravouse en febreiro do ano 2014 debido aos efectos dun forte temporal que causaron o derrubamento parcial dos seus muros.
Memoria
- P., O.; “El pazo de Bergazos se suma a la lista roja de Hispania Nostra”, La Voz de Galicia. Lalín, 21 de abril de 2015.
- VV.AA.; “El pazo de Bergazos, en la lista roja”, Faro de Vigo. Lalín, 21 de abril de 2015.
Bibliografía
- VV.AA.; “Pazo de Bergazos o de los Gil de Taboada”, Lista Roja del Patrimonio. Madrid.