Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Torre do Batallón

Historia

A Torre do Batallón –como é coñecida popularmente– é a torre da homenaxe do desaparecido castelo de Sarria, que defendía a comarca e o Camiño de Santiago.

Descoñécese a orixe da súa construción, tanto a data como quen foi o seu fundador. A mediados do século XII Gutierre Ruíz de Castro adquiriu o señorío de Sarria por medio do seu matrimonio con Elvira Osorio –filla de Suer Yáñez de Moura–; e posiblemente foi nesas datas cando se construíu a fortificación no lugar ocupado anteriormente por un antigo castro.

Crese que nos seus inicios o castelo orixinal contaba con cinco torres máis. Pero durante a Gran Guerra Irmandiña –1467– o conxunto foi arrasado, e posteriormente reconstruído. E ata o século XVII foi utilizado coma prisión e estivo habitado polo corrixidor do marquesado de Sarria ata 1730.

Co tempo, o castelo foi caendo no abandono. Pero no 1860, o senador lucense Casiano Pérez Batallón mercouno e cubriu os foxos defensivos do castelo. Despois de pasar polas mans dos marqueses de Sarria, na actualidade pertence aos herdeiros de Pérez Batallón; que dados os elevados custos do seu mantemento teñen a torre posta á venda; incluída nunha finca amurallada xunto coa vivenda principal, a vivenda dos caseiros e un pombal.

Distintas administracións locais do Concello realizaron varios intentos para adquirir o que queda do monumento. Nalgunhas ocasións, semellaba que as partes implicadas podían chegar a un acordo, pero nunca chegaron a estar relativamente cerca as ofertas da administración co que solicitaban os propietarios. Pero durante os primeiros meses do ano 2015 comezouse a considerar a opción da expropiación forzosa.

Memoria

  • BOGA MOSCOSO, Ramón; “Castelo de Sarria”, Guía dos castelos medievais de Galicia. Edicións Xerais. Vigo 2003. Páx.182-183.
  • GRANDE, Antón; “Javier Pérez-Batallón: «La administración demostró su desinterés en adquirir la torre de Sarria»”, La Voz de Galicia. Lugo, 11 de xullo de 2013.
  • LÓPEZ, Laura; “El alcalde se reunirá con la Xunta en septiembre para comprar la Fortaleza”, La Voz de Galicia. Sarria, 13 de xullo de 2013.
  • PENOUCOS, X.R.; “La Fortaleza de Sarria está a la venta en una página web”, La Voz de Galicia. Sarria, 8 de marzo de 2011.
  • PENOUCOS, X.R.; “Los sarrianos apoyan masivamente la adquisición de la Fortaleza”, La Voz de Galicia. Lugo, 21 de marzo de 2015.
  • PENOUCOS, X.R.; “Sarria expropiará la Fortaleza por discrepancias en el precio”, La Voz de Galicia. Lugo, 24 de abril de 2015.
  • R., Silvia; “1,1 millones por la torre de Sarria”, El País. Santiago, 2 de xuño de 2011.
  • VV.AA.; “Os propietarios da Fortaleza estudarán a valoración realizada polo Concello de Sarria”, El Progreso. Sarria, 15 de marzo de 2015.

Bibliografía

  • RIVAS ÁLVAREZ, Manuel; “Castelo de Batallón”, Patrimonio Galego.
  • VV.AA.; “Torre da Fortaleza”, Lista Roja del Patrimonio. Madrid.