Central Hidroeléctrica de Pardellas
Historia
Corría o ano 1895 cando José Gayoso Maquieira e Antonio Sestelo Gayoso construíron no lugar de Pardellas (A Freixa), ao carón do río Tea e pegada a un muíño existente, unha turbina para xerar corrente eléctrica para abastecer o subministro de Ponteareas, poñendo así en marcha a coñecida como Fábrica da ‘Lus’ o día 13 de xuño.
No 1902 a compañía eléctrica pasou a ser unha sociedade dirixida unicamente por Sestelo Gayoso. Iníciouse entón un período de crecemento e mellora das instalacións, colocándose –entre outras actuacións– unha turbina de cincuenta quilovatios.
Case unha década máis tarde, un incendio destruíu o muíño acaroado á instalación: a rápida intervención do chaufer do Señor Brey e dos irmáns Covelo salvárona da queima.
No 1925 a Central de Pardellas pasou a mans de Indalecio Estévez recibindo o nome de Electra Pardellas. O subministro eléctrico de Ponteareas quedaba daquela a cargo desta empresa e da Central de electricidad de Ponteareas Antonio Sestelo e hijo, creada no 1913 e con sede en Maceira (Covelo) –a vinte quilómetros da primeira–.
E así foi ata que no ano 1948 se queimou a dinamo da instalación. Foi entón cando a empresa Electra Pardellas decidiu parar de producir electricidade abandonando as instalacións a pesar de seguir coa distribución ao adquirir corrente de Unión Fenosa.
A día de hoxe, o único que se conserva en pé son as súas paredes ao carón dun monumento conmemorativo feito coa antiga turbina no ano 1995 formando parte dunha área recreativa.
Bibliografía
- ALONSO DE DIOS, Alberto; “Ruinas de la Central hidroeléctrica de Pardellas o de A Freixa“, Galicia Máxica.
- VV.AA.; “Nuestra historia: desde 1895 hasta hoy”, Sestelo. Central Eléctrica. Ponteareas 2012.
- ZÚÑIGA PUGA, Jonathan; “Historia da luz en Ponteareas, a antiga central de Pardellas”, Ponteareas. Historia viva. Ponteareas 2012.