San Cibrao de Montecubeiro
Historia
O mosteiro de San Cibrao de Montecubeiro apareceu citado por primeira vez nun documento do ano 1179 como monasterium Sancti Cipriani de Monte. Anos máis tarde –1185– tamén aparecía nunha confirmación pontificia de bens e dereitos da sé episcopal.
O conxunto estaba formado por unha igrexa –de orixe románica–, e un sinxelo claustro con linteis e trabes de madeira, así como as dependencias dos monxes. A esta época pertence parte da ábsida decorada con canzorros xeométricos e zoomórficos.
A finais do século XV, a observancia de Valladolid conseguiu o apoio dos Reis Católicos para que o gobernador de Galicia puxese este mosteiro baixo a súa xurisdición. A este feito opuxéronse os frades de Castroverde, que conseguiron poñer Montecubeiro en terzaría mentres non se solucionase devandita causa. Finalmente, o 22 de outubro de 1492 o cenobio vencellouse ao de San Domingos de Lugo.
No ano 1787 o templo foi reconstruído cunha ampla nave con teito de madeira a dúas augas, e un cabido frontal no que se conservaba unha primitiva pía bautismal. No interior había un retábulo con columnas salomónicas do século XVIII, con esculturas de San Cibrao, San Ramón Nonato e a Nosa Señora do Rosario.
Na actualidade, o mosteiro atópase nun lamentable estado de conservación. E no arruinado claustro construíronse uns alpendres con bloques de formigón.
Bibliografía
- MOURE SALGADO, Xabier; “Antigo Convento de Montecubeiro”, Patrimonio Galego.
- MOURE SALGADO, Xabier; “Mosteiro de San Cibrao de Montecubeiro”, O Noso Patrimonio. Ourense.