Ideal Cinema Zárate
Historia
O Ideal Cinema Zárate –segundo reza a inscrición que coroa a súa fachada principal– inaugurouse no ano 1926 por desexo do indiano Pedro Zárate Domènech, quen llo deixou en herdanza á súa filla Mercedes López Zárate.
Baixo a dirección do arquitecto Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, o cine ergueuse seguindo uns criterios artísticos eclécticos de acordo coa moda da época. Mediante un único volume de planta rectangular dábase aforo a trescentas catro localidades. A este volume acaroábaselle outro corpo baixo –tamén rectangular– sobre o cal se situaba unha terraza de estrutura porticada cunha varanda de formigón decorada con motivos xeométricos. Sen embargo, a riqueza ornamental do conxunto centrábase na fachada principal: elementos cerámicos en cores brancas e verdes na primeira planta, e unha cornixa de remate cun frontón triangular central e varanda de pedra cos balaústres e os pináculos sobre pedestal.
O uso da sala como cinematógrafo combinouse con outros espectáculos de teatro e bailes, e tamén con mitins nos anos anteriores á Segunda República. Foi daquela –en 1934– cando a familia Zárate alugou o inmoble a José García Niebla, quen tería que reformar o cine interiormente tras unha visita da Xunta Provincial Consultiva e Inspectora de Espectáculos Públicos en maio de 1952. Devandita Xunta indicara nun informe que as instalacións se atopan moi defectuosas, e que para que o cine puidese seguir funcionando era necesario e urxente acometer a apertura dun acceso independente á cabina pola terraza. Estas obras –dirixidas por Nemesio López Rodríguez– supuxeron a supresión de varias localidades.
García Niebla transferiría anos máis tarde o aluguer do inmoble ao seu fillo José García Dorado, o cal mantivo en uso a edificación ata o seu peche definitivo en xullo de 1969.
No ano 2006 a Xunta de Galicia comprometíase a rehabilitar o cine –tras adquirilo por medio millón de euros– para un centro de maiores, asinándose nese ano un protocolo a tres bandas entre o Concello e as Consellerías de Industria e Benestar. Sen embargo non foi ata dous anos despois –en setembro de 2008– cando o Concello aprobou a cesión do solo á Xunta previa adhesión do municipio ao Consorcio Galego de Servizos Sociais, dende o que se realizaría a intervención. Pero foi en outubro de 2010 cando se anunciou dende o Concello que os trámites administrativos –unha necesaria modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal– estaban finalmente cumpridos: a partir deste momento só había que agardar pola orde da Xunta para o inicio das obras.
Os prazos acordados xa expiraron, e agora repártense as responsabilidades sobre a inactividade e o terrible estado de deterioro no que se atopa o cine.
Nos últimos meses, o inmoble foi ameazado por un novo proxecto no que non se descarta acometer o seu derribo e salvar unicamente a súa fachada principal.
Memoria
- ECASLO; “Quintana anuncia a rehabilitación do Cine Zárate na súa visita a Mugardos”, Boletín Boletín electrónico do Bloque Nacionalista Galego de Mugardos. Mugardos, 15 de xullo de 2006.
- ECASLO; “Chégase a un acordo para a merca do Cine Zárate”, Boletín Boletín electrónico do Bloque Nacionalista Galego de Mugardos. Mugardos, 15 de maio de 2007.
- HERMIDA, Patricia; “Los fantasmas del cine Zárate”, El Correo Gallego. Ferrol, 17 de setembro de 2007.
- REDACCIÓN; “El Consorcio Galego de Igualdade salva solo la fachada del antiguo cine Zárate”, Diario de Ferrol. Ferrol, 3 de decembro de 2014.
- VARELA, Francisco; “La fábrica de sueños de Mugardos”, La Voz de Galicia. Mugardos, 19 de outubro de 2009.
- VV.AA.; “La Xunta desbloquea el proyecto para convertir el cine Zárate de Mugardos en centro de mayores”, La Voz de Galicia. A Coruña, 20 de xaneiro de 2010.
- VV.AA.; “El gobierno municipal anuncia a los grupos municipales por la prensa de que ha pedido un taller de empleo para rehabilitar el cine Zárate”, PP de Mugardos. Mugardos, 12 de outubro de 2011.
Bibliografía
- CABO VILLAVERDE, José Luis + SÁNCHEZ GARCÍA, Jesús Ángel; “Ideal Cinema Zárate”, Inventario de Cines de Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña 2013.
- LADRA, Lois + VIDAL, Xulia; “Patrimonio industrial cinematográfico en la Galicia litoral. El Ideal Cinema Zárate”, Patrimonio y Arqueología de la Industria del Cine. CICEES Editorial. Xixón 2010. Páx.297-304.
- FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, Xosé + SORALUCE BLOND, José Ramón; “Cine Zárate”, Arquitecturas da Provincia da Coruña: Ares, Fene, Mugardos, Narón e Neda, tomo VIII. A Coruña 1997. Páx.150.