Hórreo da Miguensa
Historia
O hórreo da Miguensa –tamén coñecido como o hórreo do Arco– está datado a mediados do século XVIII. Considérase un exemplar único en Galicia ao asentarse sobre unha gran estrutura de pedra feita a base de perpiaños de granito que configura unha entrada coroada por un arco de medio punto –chamado de campanel polos canteiros da zona–, e que dá acceso ao patio da vivenda adxacente.
Sobre este corpo descansa un tornarratos perimetral, voado, de perfil inclinado e borde recto. Os penais son de cachotería encintada, de boa calidade. E os costais contan con tres piares na parte central que serven para delimitar os catro claros nos que se organiza a cámara, que se pecha con balaústres de madeira dispostos verticalmente e reforzados cunha faixa central. A cuberta, a dúas augas e sen remates ornamentais, está feita con tella curva do país sobre un entramado de madeira.
Na parte da zona interior hai unhas escaleiras de pedra que dan acceso ás entradas da cámara comunicadas por unha gran lousa de pedra.
Na actualidade, este hórreo presenta un estado deplorable. E segundo denuncia a Unidade Veciñal de Dodro, está en perigo inminente de derribo, pois caéronse varios elementos da súa estrutura –como tellas, pedras e madeira–. Este grupo presentou xa unha moción no Concello para debater unha intervención de urxencia coa colaboración dos propietarios para a cesión do elemento patrimonial.
Memoria
- C.B.; “Reclaman la rehabilitación del hórreo do Arco en Dodro”, El Correo Gallego. Área de Compostela, 20 de novembro de 2015.
- C.B.; “Reclaman la rehabilitación del hórreo do Arco en Dodro”, Galicia Hoxe. Dodro, 20 de novembro de 2015.
- LÓPEZ, Uxía; “Advierten del riesgo de caída inminente de un hórreo único en Galicia”, La Voz de Galicia. Dodro, 13 de novembro de 2015.
Bibliografía
- PEREIRAS MAGARIÑOS, Beatriz; Patrimonio Etnográfico do Concello de Dodro. Dodro 2011.
- VIEITES, Elixio; “Hórreo da Miguensa”, Patrimonio Galego.
- VV.AA.; “Hórreo con arco”, Planeamento Urbanístico do Concello de Dodro. Ficha CP-61. Dodro 2010.