Castelo de Torre Novaes
Historia
A construción do castelo de Torre Novaes ou de Os Novais iniciouse cara ao século X, aproveitando unha fortificación anterior –probablemente as ruínas dun antigo emprazamento suevo ou castrexo–, e dominando o paso do río Sil sobre o alto dun outeiro. Por un dos seus lados, aínda poden apreciarse diversos tramos de muros, fosos e defensas.
No conxunto obsérvanse dúas etapas construtivas correspondentes con dous corpos independentes ben diferenciados. Por unha banda, está a torre da homenaxe: a parte máis antiga de todo o monumento, de planta cadrada e cunha porta con bóveda de medio punto de pedra cabaleira cara ao sur. Por outra banda, o outro edificio é o pazo, que data do século XII. Ten planta trapezoidal e na súa entrada conserva un arco de medio punto coroado por unha Cruz de Malta e sobre el tres ocos desiguais de fiestras.
Ao longo dos séculos XVI e XVII, a edificación estivo habitada polos Comendadores, que se titulaban Cabaleiros Hospitalarios de San Xoán de Xerusalén.
Na actualidade, permanece á espera dunha oportunidade para recuperar o esplendor adquirido por unha das familias máis antigas da historia de Galicia e máis ilustres da provincia: os (Vázquez de) Novaes, distinguida pola súa lealdade aos soberanos e ao Estado.
Bibliografía
- ALONSO DE DIOS, Alberto; “Castillo de Torrenovaes”, Galicia Máxica.
- BOGA MOSCOSO, Ramón; “Castelo dos Novais”, Guía dos castelos medievais de Galicia. Edicións Xerais. Vigo 2003. Páx.143-144.
- FRANCO, Óscar; “Castelo de Torres Novaes”, Patrimonio Galego. 2012.
- VARELA CAMPOS, María Paz; “Castillo de Torrenovaes”, Castillos y fortalezas de Galicia. Vigo 1999. Páx.73.
- VÁZQUEZ SEIJAS, Manuel; “Castillo de Torre Novaes”, Fortalezas de Lugo y su provincia. Lugo 1959. Páx.301.
- VILA ANCA, Ramón; “Castelo dos Novaes”, Ramón Vila Anca. Blog. 2013.