Casa Reitoral de San Martiño de Touriñán
Historia
Ao carón da igrexa parroquial de San Martiño de Touriñán atópase a antiga casa reitoral: un edificio construído a finais do século XVII e principios do XVIII, de planta rectangular e dúas alturas con muros de cachotería e linteis de perpiaño de granito. Carece en case a súa totalidade de ornamentación, a excepción da porta principal, onde se poden ver na parte superior un sol e unha lúa gravados xunto cunha figura intermedia –que pola súa simboloxía non é difícil supoñer que fose doutra edificación máis antiga–.
Na actualidade, da antiga casa reitoral apenas se manteñen en pé os muros e a vexetación coloniza tódalas súas estancias; e iso que no 2013 o párroco acometeu un intento de recuperalas cubertas. O inmoble ten outras dependencias –tamén en ruínas– ao seu carón, que debían ser os alpendres agrícolas e outras estancias para o gando e as cabalerías.
Memoria
- BOTRÁN, C.; “El declive de rectorales singulares”, El Correo Gallego. Terras de Santiago, 7 de abril de 2015.
- VIU, Cristina; “La ruina amenaza la mayoría de las casas rectorales de la zona”, La Voz de Galicia. Carballo, 27 de outubro de 2013.
Bibliografía
- VIEITES, Elixio; “Casa reitoral de San Martiño de Touriñán”, Patrimonio Galego.