Granxa das Salinas de Ulló
Historia
As Salinas de Ulló son unha paraxe natural incluída na Rede Natura 2000 de Galicia, cuxa construción se remonta ao ano 1637 –durante o reinado de Filipe IV–, baixo o patrocinio de Antonio Mosquera Villar y Pimentel e a súa dona Antonia Pimentel de Soutomaior.
Comezaron a ser explotadas no 1694, tras ser doadas aos xesuítas para a fundación dun colexio da Compañía de Xesús en Pontevedra. Durante o seguinte lustro os relixiosos construirían catro salinas máis na contorna, aínda que as novas deixarían de traballar cara ao 1727 en razón do seu grave deterioro polos embates do mar. A derradeira salina do Ulló iría diminuíndo a súa actividade ata o ano 1767, momento no que parou definitivamente por mor da expulsión dos xesuítas ordenada por Carlos III.
Coa desamortización de Mendizábal, as salinas –aínda que xa non volveron traballar como tales– foron cambiando de dono cada certo tempo, sendo cedidas aos veciños para botar herba ou criar ameixas. E a finais do século XIX, a súa presa foi aproveitada para tratar de construír un muíño de mareas –un dos poucos exemplares existentes en Galicia–.
Nos terreos das salinas, na parte oeste do dique, atópase a Granxa das Salinas. Trátase dun conxunto de dúas edificacións datadas a finais do século XVIII e principios do XIX, unidas por un gran muro perimetral que formaba un amplo patio interior, e que eran empregadas polos caseiros e os traballadores das salinas como vivendas.
Na actualidade, apenas quedan en pé os muros de sillería de pedra –de boa factura–. Sen cubertas, a vexetación invadiu a totalidade das estancias. E mentres as salinas foron restauradas dentro dun proxecto de recuperación ambiental das marismas, estes inmobles vanse perdendo no esquecemento.
Bibliografía
- ALONSO DE DIOS, Alberto; “La Granja de las Salinas”, Galicia Máxica.
- TORRES, Fran; “Las Salinas de Ulló (Vilaboa)”, Naturaleza sobre ruedas.
- VV.AA.; “Salinas do Ulló”, Buxa. Asociación Galega do Patrimonio Industrial.