Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Santa Baia de Chacín

Historia

A igrexa de Santa Baia de Chacín é un templo de tres naves separadas por arcos de medio punto que descansan sobre columnas de sección octogonal. A capela maior ten planta rectangular e está cuberta cunha bóveda de canón de cantería apoiada nun arco faixón. No lado do Evanxeo apégase a sancristía, tamén de planta rectangular cun único acceso dende o interior do presbiterio. Un gran arco triunfal dá acceso á nave principal, na que aparece ao fondo un coro alto de madeira hoxe en estado ruinoso.

No exterior, a fachada destaca pola súa composición asimétrica ao presentar no muro norte –dentro do mesmo plano que a fachada– unha torre campanario formada por dous corpos: o primeiro de planta cadrada con arcos de medio punto sobre machóns chafranados e decorado con cornixas moi saíntes; o segundo, tamén con catro vans, coróanse cunha cúpula semiesférica ornamentada cun pequeno acroterio con bola. A porta principal –alintelada– está coroada por un arco de medio punto que crea un tímpano no que se situaba unha imaxe da santa titular.

A igrexa foi pechada ao culto dende que nos anos setenta se construíu un novo templo en Pino de Val. Na actualidade, o seu estado é moi ruinoso con parte da cuberta derrubada e cun importante avance da vexetación sobre os seus muros. E a pesar de que tanto os veciños como o arcebispado e o concello amosaron o seu interese por conservala, a día de hoxe aínda ninguén aportou cartos para dar o primeiro paso cara á súa recuperación.

Memoria

  • VV.A; “La iglesia de Santa Baia de Chacín está mal conservada”, La Voz de Galicia. Barbanza, 2 de xuño de 2006.

Bibliografía

  • FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, Xosé + SORALUCE BLOND, José Ramón; “Igrexa de Santa Baia de Chacín”, Arquitecturas da Provincia de A Coruña, tomo X. Deputación Provincial de A Coruña. A Coruña 1998. Páx.88.
  • GAGO MARIÑO, Manuel; “Santa Baia de Chacín: as ruínas do arcanxo”, Capítulo Cero.
  • SOLIS PAIS, Liliana; “Igrexa de Santa Baia de Chacín”, Patrimonio Galego.
  • VV.AA; “Santa Baia de Chacín”, Guía Turística Mazaricos 2010. Mazaricos 2010. Páx.13.