Bon Xesús de Trandeiras
Historia
As orixes do mosteiro remóntanse á aparición dunha imaxe do Neno Xesús a uns cabaleiros portugueses, os cales construíron unha capela afamada e concorrida que motivaría a fundación do cenobio no ano 1520 polo prior de Xunqueira de Ambía: don Alonso de Piña. Tres anos máis tarde establecéronse os monxes franciscanos.
O edificio mantén en pé a igrexa e o claustro, que responden a tipoloxías e formas do primeiro renacemento, aínda que tamén conserva elementos góticos postmedievais: cubricións de crucería, abundancia de decoración de grotescos nas portadas e arcadas que achegan este edificio a formas utilizadas coetaneamente pola arte isabelina desenvolvida en Castela e pola manuelina en Portugal. O claustro –cuadrangular– presenta arcos conopiais que se apoian en columnas de fuste moldurado e rematadas en capiteis sinxelos pero elegantes con sobria decoración vexetal e/ou animal.
No 1668 o edificio foi pasto das lapas, supoñendo un grave deterioro para as súas fábricas e a reconstrución da igrexa –dunha soa nave e cabeceira poligonal–.
En tempos da Revolución Francesa, o mosteiro foi refuxio de moitos curas e bispos franceses. No 1809, durante a Guerra da Independencia, as tropas galas destruíron a igrexa e as súas imaxes, e mataron a sacerdotes, frades e paisanos. No 1813, un novo incendio arrasou os dormitorios, a cociña e o claustro. Pero trala desamortización, produciuse o abandono definitivo do conxunto e o inicio da súa decadencia. Foi vendido a particulares que empregaron as súas pedras para outras construcións.
Na actualidade, a igrexa –en relativo bo estado– aínda se utiliza para a celebración do culto, mentres que o resto da edificación se atopa nun lamentable estado de ruína. De feito, varias asociacións da comarca teñen denunciado o seu mal estado e propuxeron diversas alternativas para a súa recuperación. Entre as devanditas propostas, a administración municipal interesouse pola rehabilitación da torre sur ou Torre dos Gardas para aula didáctica de interpretación da natureza comarcal, encargándolle o proxecto ao arquitecto Mascareñas Nogueiras.
Pero a iniciativa semella que quedou no esquecemento; pois o tempo pasa, a ruína periga e a vexetación avanza.
Memoria
- C.V., A.; “Bon Xesús de Trandeiras”, La Voz de Galicia. Ourense, 13 de xullo de 2001.
- EFE; “Seara pide programa de rehabilitación del monasterio Bon Xesús de Trandeiras”, Noticias Galicia. Lalín, 1 de abril de 2015.
- VV.AA.; “Trandeiras. Precaución”, Dende a Limia. Limia, 1 de febreiro de 2013.
- VV.AA.; “La rehabilitación de Trandeiras podría comenzar en el 2015”, Dende a Limia. Limia, 31 de decembro de 2014.
Bibliografía
- CONDE VALVÍS, Francisco; “El convento del Buen Xesús de La Limia”, Cuadernos de Estudios Gallegos, tomo 17. Santiago de Compostela 1962. Páx. 358-373.
- COUCEIRO FREIJOMIL, Antonio; “Origen, fundación y primeros tiempos del Monasterio del Buen Jesús de Trandeiras”, Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Ourense, tomo XI, número 242. Ourense 1938. Páx. 503-511.
- DE ARXILA, Ulmo; “Mosteiro do Bom Jesus de Trandeiras”, Patrimonio Galego.
- GONZÁLEZ SUÁREZ, Fernando; “Las obras en el convento del Buen Jesús de La Limia a finales del siglo XVII”, Porta da Aira: revista de historia del arte orensano, número 2. Ourense 1989. Páx. 139-149.
- VV.AA.; “Monasterio del Bon Xesús de Trandeiras”, Lista Roja del Patrimonio. Madrid.