Vivendas 'El Grajal'
Historia
As vivendas El Grajal, máis coñecidas como as Casas Bailly polo seu promotor –Julio López Bailly– son o único testemuño que se mantén en pé do complexo hoteleiro proxectado nos anos vinte por Tenreiro Rodríguez e Estellés Estellés.
A familia Bailly –posuidora de varias fábricas en Arxentina– decidiu levantar un hotel que finalmente rematou sendo unha casa de veraneo que contaba con dez persoas para o servizo e vinte e dúas habitacións. De marcada tendencia modernista europea, a vivenda posuía dous corpos simétricos divididos en dúas alturas de planta case cadrada. Un enorme salón con cheminea, un miradoiro e un gran lucernario unían as dúas vivendas; e na cuberta desa unión existía unha zona axardinada denominada Xardín de Inverno.
Ao estalar a Guerra Civil, a propiedade foi incautada pola Falanxe acusando aos donos de vermellos e masóns. Os seus sotos foron empregados daquela para reter a presos políticos, dos que aínda hoxe se poden observar as inscricións que deixaron gravadas nas paredes. Posteriormente, o edificio foi utilizado como escola de mandos do Movemento, e a partir do 1951 foi empregado polo Sindicato Vertical. Anos máis tarde, o complexo albergou a Escola Mixta de Produtores, ata que finalmente os cursos pasaron á antiga Universidade Laboral e as vivendas pecharon.
Actualmente a planta baixa está totalmente estragada e non se pode acceder á planta primeira; non existen fiestras e o teito desapareceu para dar lugar a unha ampla vexetación –con árbores incluídas–. Do luxo interior queda algún recordo dos azulexos e mosaicos que adornaban as estancias; e do Xardín de Inverno –unha plataforma que servía de división entre os inmobles–, apenas quedan os ferros das vidreiras invadidas pola natureza.
Ao seu deterioro contribuíron, entre outros axentes, o incendio que asolou o conxunto no 1969 e outro menor no ano 2005. Ademais, a reforma da estrada nacional limitou o entorno das vivendas illándoas aínda máis. E a isto houbo que sumarlle o derrube das residencias do chofer e do xardineiro, de deseño similar e obra dos mesmos arquitectos.
As xestións municipais para rehabilitar estes inmobles como centro sociocultural comezaron no 1995, chegando a asinarse un convenio cunha promotora. Pero o proxecto quedou esquecido ao falecer o titular da construtora. Nos últimos anos, tapiáronse os ocos da planta baixa e limpouse a vexetación que de novo avanzou entre os muros. Mentres, o goberno local procuraba obter financiación suficiente –estimada en tres millóns de euros– para proceder á recuperación do conxunto, pero nin as negociacións con entidades públicas nin privadas dan os seus froitos.
Memoria
- BLASCO, Ana; “De residencia de lujo a ruina”, La Opinión - Coruña. Cambre-Culleredo, 9 de agosto de 2011.
- NEBREDA, Marcos; “Casas de Bailly, mansiones emblemáticas en busca del esplendor perdido”, El Mundo. A Coruña, 19 de setembro de 2011.
- RODRÍGUEZ, M.; “El abandono de las casas de Bailly dificulta las tareas para apagar un fuego”, El Ideal Gallego. Cambre, 30 de agosto de 2012.
- SILVEIRA, E.; “LA rehabilitación de las Casas Bailly costaría tres millones”, La Voz de Galicia. A Coruña, 13 de outubro de 2012.
- VV.AA.; “Derriban el inmueble del servicio de las viviendas modernistas de la N-VI”, La Voz de Galicia. A Coruña, 26 de abril de 2004.
Bibliografía
- ESTELLÉS ESTELLÉS, Peregrín + TENREIRO RODRÍGUEZ, Antonio; Hotel ‘El Grajal’. Documento consultado no Arquivo Municipal de A Coruña, coas signaturas 170/1 e 170/2.