San Pedro de Lobás
Historia
San Pedro de Lobás foi unha abadía de monxas beneditinas fundada –probablemente– a finais do século XII, cando esta orde viu favorecida a súa expansión pola supresión do rito visigótico nos reinos de Castela e León, decretada por un concilio celebrado en Burgos no 1085.
A igrexa é a única construción que conserva restos desta primitiva fundación monacal. Ten unha soa nave de liñas sinxelas con ábsida rectangular irregular, ademais de tres contrafortes na fachada norte e dous na sur. Destacan as actuacións do século XVI nas que se reconstruíu a fachada principal –presenta unha espadana de dous corpos e unha pequena furna coa estatua de Santa Bárbara sobre a fiestra– e se rebaixou o arco triunfal, deixando invisibles as primitivas columnas que o sostiñan.
No 1499 tivo lugar a reforma da Orde, polo que a abadía deixou de ser independente e foi anexionada como priorado ao convento de San Paio de Antealtares.
Nas seguintes centurias construíuse o actual edificio prioral, situado no lado oeste da igrexa –posiblemente no lugar que ocuparía un dos antigos edificios monacais–. É unha edificación de estilo barroco, con tódolos elementos para encadralo dentro da arquitectura pacega galega. De planta rectangular, posuía dous andares: o superior estaba dedicada á vivenda e o inferior a almacén e outros servizos agrícolas. Na fachada sur –a máis señorial– sobresaían dous corpos a modo de torreóns entre os que se encadraba unha gran solaina apoiada sobre catro grandes piares. No século XVIII, debido a unha remodelación, eliminouse a comunicación directa coa igrexa.
A comezos do século XIX –coas desamortizacións eclesiásticas– o conxunto foi abandonado e desapareceu como priorado. Converteuse en parroquia ata finais de dita centuria, pasando logo a depender de Santa Uxía de Lobás.
No século XX o deterioro xa era máis que evidente, pero houbo que agardar ata os anos noventa para que se desen os primeiros pasos para a súa recuperación: o arquitecto municipal Mascareñas Nogueiras redactaba un proxecto de rehabilitación para o mosteiro coa fin de convertelo nun museo. O proxecto contemplaba a creación de dependencias interiores diáfanas con vistas a converterse en salas de exposicións, ao mesmo tempo que incluía diversas intervencións de restauración na igrexa. Con todo, o proxecto nunca chegou a materializarse por falta de fondos.
A comezos do ano 2008, a corporación municipal confirmaba a redacción dun novo proxecto de rehabilitación por parte do arquitecto Freixedo Alemparte, indicando que se executaría entre ese ano e o seguinte con cargos ao un por certo cultural. Pero a finais dese mesmo ano, o Ministerio de Fomento aseguraba que non recibira ningunha solicitude para a rehabilitación do conxunto, nin por parte do concello nin de ningunha outra institución.
Nos seguintes anos o Concello incluiría unha partida nos presupostos anuais destinada á recuperación do cenobio; sen embargo, ata o ano 2014 non sería cando se efectuase a solicitude da subvención con cargo ao programa do 1’5% cultural. De xeito paralelo, o Concello iniciou tamén os contactos necesario co Bispado de Ourense para obter unha concesión da propiedade por un período de cincuenta anos con vistas a transformar o ruinoso mosteiro nun museo –recuperando o proxecto redactado nos anos noventa por Mascareñas Nogueiras, pero actualizando os custes–.
A día de hoxe, o mosteiro segue agardando por unha segunda oportunidade mentres apenas logra manter en pé, conservando unicamente a estrutura exterior dos seus muros, e vendo como a vexetación se fai dona de todo o conxunto.
Memoria
- A.F.; “Fomento afirma que no recibió solicitud para rehabilitar el monasterio de Lobás”, Faro de Vigo. Ourense, 12 de marzo de 2009.
- PINAL, Sabela; “El Concello pretende crear un museo en el Monasterio de Lobás”, La Región. O Carballiño, 30 de decembro de 2014.
- REBOEIRO, X.A.; “El monasterio de Lobás lleva dos años esperando por obras”, La Región. O Carballiño, 13 de decembro de 2010.
Bibliografía
- AMADO ROLÁN, Nieves; Informe Artístico del Monasterio de San Pedro de Lobás. Laza.
- ARCO DA VELLA, Xoán; “Monasterio de Lobás”, Xoán Arco da Vella. Marín 2014.
- ZARAGOZA I PASCUAL, Ernesto; “Reforma de los monasterios de Lobás, Dozón y Ansemil”, Cuaderno de Estudios Gallegos, tomo 49, número 115. Consello Superior de Investigacións Científicas: Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Madrid 2002. Páx.81-124.