Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Sanatorio Antituberculoso de Cesuras

Historia

A Xunta Provincial Antituberculosa de A Coruña escolleu durante o primeiro cuarto do século XX unha parcela no concello de Cesuras para o levantamento do Sanatorio Antituberculoso –de montaña– Rexional de Galicia. A parcela elixida –en medio dun frondoso bosque de piñeiros e eucaliptos– presentaba certa proximidade á cidade e unha altitude suficiente para garantir a pureza do aire, dous factores de vital importancia para restablecer a saúde dos enfermos.

O proxecto foi encargado ao arquitecto González Villar, quen deseñou, nun estilo modernista, un corpo central ocupado polos servizos xerais e polas salas de uso común; e dous corpos laterais reservados para a separación dos enfermos en función do seu sexo.

A construción do sanatorio iniciouse no 1927, colocando a primeira pedra o bispo de Santiago –Lago González– en presenza de diversas familias ilustres da provincia; e grazas ás doazóns do Estado, de varios núcleos galegos de América e cos ingresos das Festas da Flor de A Coruña.

Sen embargo, o devir dos feitos determinou que no 1931 as obras fosen paralizadas, para finalmente, e co advento da Guerra Civil, darse definitivamente por abandonadas.

A Sociedade Antituberculosa cedía o inmoble ao Estado, quen o someteu –xunto cos terreos– a unha poxa pública no 1969, pero non se atopou un comprador. No 1973 pasou a ser propiedade do concello, e dende entón, e pese aos esforzos municipais por atopar unha utilidade ao conxunto, este mantense desocupado e sendo absorbido pola vexetación da zona, sometido cada vez máis á ruína e ao deterioro que o asolan.

Memoria

  • https://www.youtube.com/watch?v=m9_L5IT8X6I&feature=related

Bibliografía

  • GARRIDO MORENO, Antonio; El arquitecto Rafael González Villar. Deputación Provincial de A Coruña. A Coruña 1998.
  • PEREIRA POZA, Antonio; La paciencia al sol. Historia social de la tuberculosis en Galicia (1900-1950). Edicións do Castro. Sada 1999.