Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Prisión Provincial de A Coruña

Historia

A idea dun novo cárcere para a cidade xurdiu a finais de 1894, pero ata o 1925 non se realizou o encargo a Juan Álvarez de Mendoza, con quen colaboraría o arquitecto municipal Pedro Mariño. O edificio rematou a súa construción en 1927, con varias modificacións respecto do proxecto orixinal, as cales non afectaron ás características básicas do cárcere, sendo un excelente exemplo da tipoloxía panóptica radial.

A partir do ano 1936 o uso dos centros de detención cambiou de xeito considerable, afastándose do carácter rehabilitador que se lle dera nun principio para volver ao seu carácter punitivo e de reclusión. A Guerra Civil –1936-1939–, así como a posterior ditadura militar –1939-1975–, encheron as celas de presos políticos. Este feito non favoreceu a conservación do inmoble dado os elevalos índices de ocupación alcanzados, converténdose nun dos principais problemas desa época.

Na década dos 50 retomáronse as inversións en obras de conservación e mantemento do sistema de prisións. Nos anos seguintes o mal estado das cubertas fixo que se mandasen a Madrid peticións de substituílas por parte da dirección do centro. Sen embargo, non foi ata o 1967 que se iniciaron os trámites para a realización das obras de actualización do edificio, as cales se estenderon ata a década dos 80.

No ano 1997 anunciouse o traslado do centro penitenciario á localidade de Teixeiro, e a antiga prisión provincial seguiría funcionando –a pesar do seu mal estado– como Centro de Inserción Social ata o 2009, momento no que cesou a súa actividade penitenciaria.

Paralelamente, o goberno local iniciara os trámites necesarios para rescatar a edificación. O acordo establecido coa Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios –entidade dependente do Ministerio do Interior e propietaria do centro– comprometía a devolución do inmoble a cambio dun terreo para levantar un novo centro de inserción social e o pago de máis dun millón de euros. Pero a día de hoxe, o traspaso definitivo non acaba de efectuarse.

Mentres intentouse explotar culturalmente o cárcere: entre 2010 e 2011 abriuse ao público esporadicamente para acoller diversos eventos. En novembro de 2010 unhas xornadas sobre novos modelos participativos de xestión cultural trouxeron á cidade aos responsables de sinalados proxectos de Austria ou Barcelona. Esta visita foi o xerme de Proxecto Cárcere, a plataforma cidadá que dende entón veu traballando por converter o edificio nun centro cultural público e autoxestionado.

Memoria

  • ”Proxecto cárcere: 4 anos abrindo portas”, Praza Pública. A Coruña, 19 de novembro de 2014.
  • ”Una cárcel presa de la burocracia”, ABC. A Coruña, 2 de maio de 2014.
  • ”AGE pide a la Xunta la ‘cesión gratuita’ de la antigua cárcel de A Coruña”, La Opinión Coruña. A Coruña, 4 de abril de 2014.
  • ”O cárcere da Coruña esmorece ante o desleixo das administracións”, Praza Pública. A Coruña, 30 de marzo de 2014.
  • ”El viejo penal provincial de A Coruña cumple condena”, El País. A Coruña, 13 de xullo de 2012.
  • “La antigua prisión de A Coruña busca su camino a la libertad”, El Mundo. A Coruña, 3 de outubro de 2011.

Bibliografía

  • GARCÍA ROMAY, Minerva María; Estudios Previos para la elaboración de un Plan Director para la Antigua Prisión Provincial de A Coruña. Rede PHI Patrimonio Histórico e Cultural Iberoamericano. 2014.
  • VV.AA.; Memoria o ensayo sobre la historia de la Real Cárcel de La Coruña. A Coruña 1812.