Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Casa Torre de Escuredo

Historia

No último terzo do século XIX o indiano Luis Mestre Roig mercou daquela un vello pazo –a Casa da Carrela– en pleno centro da vila, e refíxollo ao gusto colonial: torre acristalada, salón de estilo arabesco, comedor chinés, escaleiras de forxa e un exuberante xardín.

Nos anos vinte, a bancarrota obrigou á venda da parcela. Os Escuredo e os Lores mercaron o conxunto. E mentres os segundos levantaron un novo edificio –existente ata finais do pasado século–, os Escuredo renovaron a vida do inmoble preexistente.

Sen embargo, en torno ao 1987 os herdeiros do propietario comezaron a barallar a idea de vender a vivenda, ofrecéndolla en primeiro lugar ao Concello de O Grove. O daquela aparellador municipal Rafael Fondevila asinaba un informe no que recomendaba a recuperación tanto do inmoble como do xardín, e sinalaba a idoneidade do conxunto para destinalo a centro cultural, biblioteca ou sala de exposicións.

Os contactos entre os sucesivos gobernos locais e a familia propietaria continuáronse sucedendo, sen chegar a callar. E en outubro de 1995, o inmoble foi declarado Ben de Interese Cultural.

A finais do ano 2007 estudouse a posibilidade dun novo acordo: asinar un convenio urbanístico que permitise construír un edificio de tres plantas e garaxe a cambio da cesión do inmoble, que tería que ser reconstruído para situalo na parte sur da parcela.

E mentres se procura a especulación, as iniciativas para a súa recuperación seguen a caer en saco roto.

Memoria

  • COSTA, B.; “O Grove retoma el proyecto para hacerse con la casa de Escuredo”, La Voz de Galicia. Arousa, 9 de setembro de 2007.
  • ESTÉVEZ, Rosa; ”O Grove trata de desbloquear el futuro de la Torre de Escuredo en el Plan Xeral”, La Voz de Galicia. Vilagarcía, 21 de outubro de 2003.
  • ESTÉVEZ, Rosa; ”Una casa devorada por O Grove”, La Voz de Galicia. Arousa, 24 de febreiro de 2013.
  • VV.AA; “Comienza la reparación del muro de Escuredo siete meses después de que cayera”, La Voz de Galicia. O Grove, 6 de febreiro de 2015.