Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Antigua Prisión Provincial de Coruña

O blog Antigua Prisión Provincial de Coruña naceu co obxectivo de revisar o texto orixinal relativo ao devandito cárcere dende unha perspectiva interpretativa e facelo máis accesible coa fin de achegar á sociedade o recoñecemento do valor patrimonial que este antigo inmoble ten.

Para iso, a autora divide a información que comparte en varias categorías, e no apartado de Otras Cárceles –no que amosa a situación actual doutros panópticos españois–, comeza citando que Proxecto ARGA incluíra á antiga prisión herculina na categoría de ruínas.


A plataforma Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia (Proxecto ARGA) incluíu a Antiga Prisión Provincial de A Coruña na súa categoría de ruínas. Durante a miña investigación, recadei información sobre a situación dos outros panópticos radiais españois (xullo 2013), irei actualizando esta lista segundo vaia revisando o estado actual dos inmobles e comentando aqueles casos máis interesantes, como parte da reflexión sobre que facer co cárcere coruñés.

Entre outros exemplos, o texto comenta dous casos en Alacante: a prisión de La Florida é na actualidade un albergue xuvenil –da construción orixinal só se conserva o corpo de benvida e a capela–, e o cárcere de Benalúa foi acondicionado para instalar nel os xulgados; en Badaxoz destaca que do antigo inmoble só se conservou o corpo central de vixilancia –de xeito testemuñal– por mor do novo uso como Museo Estremeño e Iberoamericano de Arte Contemporánea; en Oviedo, e tras unha remodelación completa do seu interior, trasladouse ao cárcere o Arquivo Histórico de Asturias; en Palencia a prisión abriu de novo as súas portas en xullo de 2014 como centro cívico; en Salamanca o antigo cárcere funciona dende o 2002 como o Centro de Arte Contemporánea Domus Atrium; e tamén cita o caso de Vigo, actual Museo de Arte Contemporánea MARCO.

E a lista continúa… con casos derrubados, con inmobles baleiros e con máis exemplos de reutilización. Escollede a opción que queirades, sempre resultará unha boa escusa para facer unha visita a este máis que interesante blog.