Premio XIII BEAU na ETSAC
Xornada de palestras na que participamos da man da Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña co gallo do premio recibido na categoría de Divulgación e Transferencia Social na XIII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo 2015.
Crónica da experiencia
Un total de sete galardóns da edición da XIII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo recaeron entre profesores e/ou egresados da ETSA de A Coruña, polo que a Escola decidiu celebrar un evento cos premiados e finalistas:
- Jesús Irisarri Castro e Guadalupe Piñera Manso (Irisarri + Piñera) foron premiados pola rehabilitación de catro edificios para os Rexistros da Propiedade de Vigo; pero non puideron asistir ao evento.
- Juan Creus Andrade e Covadonga Carrasco López (Creus + Carrasco) foron premiados pola Casa Chao en Corcubión: a reinvención dunha vivenda de pouco máis de tres metros de ancho e dezaseis de fondo no extremo dunha mazá no casco histórico desta vila da Costa da Morte; a resolución con claridade da escena urbana, aportando unha visión renovada do modo de construír, sen esquecer a propia identidade, mediante referencias á historia e á cultura do lugar.
- Carlos Quintáns Eiras foi finalista pola súa vivenda unifamiliar en Perbes, unha construción semisoterrada resolta en pedra, madeira e formigón, que se pecha aos curiosos pero que se abre ás fermosas vistas da ría de Betanzos.
- Patricia Sabín Díaz e Enrique Blanco Lorenzo (Sabín + Blanco) foron seleccionados pola rehabilitación da Casa do Parque das Fragas do Eume, próxima ao mosteiro de Monfero e que eles coñecen co nome da Casa dos Caseiros. Unificando as construcións orixinais –unha vivenda, unha palleira e unha cuadra– crearon un único espazo fluído pero que se pode subdividir, con tódalas estancias interconectadas, pero sen que cada recuncho perda o seu carácter.
- Logo foi o noso turno… e puidemos compartir cos presentes o premio na categoría de Divulgación e Transferencia Social polo noso labor de difusión das Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia.
- Borja Díaz Carro, Tono García Mejuto e Sergio Suárez Sánchez foron premiados na categoría de Divulgación polo libro Arquitectura para la Educación Primaria en Mauritania da ong Alianza por la Solidaridad. A publicación describe como un proceso construtivo –tanto nas fases de deseño, xestión e mantemento– é importante nun contexto tan particular como é o da cooperación e, por outra banda, visualiza unha serie de edificacións realizadas ao longos dos últimos corenta anos en Mauritania.
- Ángel Montero Pérez recibiu un galardón polo seu proxecto fin de carreira Torre P93, encadrado dentro do tema Torre de vivendas en Arteixo e titorado polo profesor Enrique Blanco. O proxecto propón non só solucionar as condicións de habitabilidade dentro dun entorno industrial, senón tamén responder –a través do programa– ás necesidades dunha contorna urbana cuxa segregación impide moitas das funcións sociais básicas que deberan darse no concello.
E para rematar as charlas, ademais dun pequeno ágape, contamos coa música dun trío de jazz.
A nosa palestra
Na nosa quenda de exposición, ademais de poñer rostro aos que estamos detrás desta plataforma de divulgación das Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia, quixemos destacar aos que para o noso entender son os aspectos máis innovadores que presenta Proxecto ARGA, e que o xurado así o soubo entender e valorar:
- Ser pioneiros. Ata o momento non existía –nin existe– ningunha base de datos na que consultar tódalas Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia. E a través deste inventario, enchemos ese baleiro documental.
- Para tódolos públicos. A información está exposta de xeito que permite unha consulta totalmente didáctica e sen necesidade de posuír uns coñecementos previos en materia de arquitectura e/ou rehabilitación.
- Debate actual. Ao ser un espazo virtual, podemos apreciar a través das redes sociais e en tempo real, a actitude cara á nova arquitectura incorporada, xerando ese debate de opinións no que participan dende expertos na materia ata os usuarios desa edificación.
- Proceso aberto. Este inventario, por unha banda é un proceso aberto xa que está en constante e continuo labor de actualización; e pola outra, é un proceso aberto a todos os que queirades colaborar connosco, ben para patrocinar a web, ben para mellorar e aumentar a calidade da información exposta.
Parabéns a tódol@s participantes… e grazas a tod@s por vir e acompañarnos nesta celebración.